'Galegas en Cuba': unha viaxe pola historia cotiá das mulleres que atravesaron o mar para sempre

Julio César González Pagés vén de presentar un libro que recolle a memoria das máis de 60.000 mulleres que emigraron a Cuba e que non volveron a Galicia. A súa historia, porén, regresa a nós por medio dos relatos compilados nesta publicación.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2019 | Actualizada ás 23:10

Comparte esta noticia

Testemuñar a memoria da emigración galega en Cuba explica unha parte fundamental da historia do pobo cubano e do galego. Por iso, o escritor Julio César González Pagés propúxose coñecer os relatos de 120 mulleres galegas que atravesaron o mar durante as primeiras décadas do século XX buscando un futuro mellor. 'Galegas en Cuba', o libro que vén de presentar este mércores no Pazo de San Roque, en Compostela, é o resultado desas pesquisas; un documento que recolle todo ese "legado cultural" que Galicia deixou neste país do outro lado do Atlántico.

Na presentación do libro 'Galegas en Cuba' en Santiago de Compostela
Na presentación do libro 'Galegas en Cuba' en Santiago de Compostela | Fonte: Galicia Confidencial

'AS HISTORIAS ESTÁN ONDE UN AS BUSQUE'

O xermolo desta publicación está nas conversas que o cubano González Pagés mantivo cunhas cantas mulleres galegas coas que se atopou no Centro Galego do país. Sentou falar con elas e descubriu relatos que, segundo conta, "conmoven a calquera". Alí se decatou de que había toda unha historia por descubrir e visibilizar respecto da colectividade emigrante. Deu con 600 cartas que dende Cuba nunca chegaran a Galicia ou que dende Galicia nunca chegaran a Cuba. A incomunicación, as dificultades económicas e sociais, a sombra da prostitución... situábase enriba destas mulleres que arribaban na illa.

Foron ao redor de 60.000 as mulleres galegas que decidiron emigrar a Cuba e que alá quedaron para sempre. Se ben a historia as invisibilizou durante moito tempo, agora elas pasan contar as súas vivencias en primeira persoa a través das páxinas deste libro. "As historias están onde un as busque", di González Pagés. Xa que logo, co gallo de dignificar o labor destas mulleres que "están vivas nas tradicións culturais cubanas", o autor pon o foco na capacidade de asociación e mobilización destas mulleres nunha época en que nada para elas era favorable. 

LABOR DAS MULLERES EN CUBA

Acompañado na presentación polo cantautor Roi Casal, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a cónsul xeral de Cuba en Galicia, Yahima Martínez e o secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez, o autor non esquece nomear as iniciativas e institucións que as galegas promoveron no país de acollida. Entre elas destaca a creación do hospital 'Hijas de Galicia' no barrio obreiro de Luyanó, na Habana. 

Durante moito tempo este lugar mantívose como unha institución relevante na illa, xa non só polos servizos sociais prestados senón tamén polo desenvolvemento de actividades culturais e pola creación de medios de comunicación. Ademais, Hijas de Galicia foi un espazo fundamental para a reivindicación dos dereitos das mulleres e do sufraxio feminino. 

A historia de Galicia en Cuba reside en todas esas mulleres que sufriron as dificultades propias da emigración co agravante do que significaba ser muller, asegura Yahima Martínez. O libro 'Galegas en Cuba', segundo di, "chama á reflexión". "Que podemos facer para seguir gañando ese espazo que nos corresponde? Que poden facer as institucións oficiais para abrir camiño? Como estamos lidiando hoxe en día con todos aqueles inmigrantes que veñen a Galicia, terra de emigrantes?", deixa no aire.

A GALICIA QUE CONSTRUÍU CUBA

A "fortaleza" e a "tristeza" marcou o camiño destas mulleres, que resolveron nunha terra allea un "asociacionismo exemplar", recorda agora Rosario Álvarez. "Elas nunca esqueceron Galicia, defenderon a condición de galegas en Cuba, e ademais, involucráronse na sociedade de acollida", reivindica. Por iso é que, dalgún xeito, Cuba construíu parte de Galicia e Galicia construíu parte de Cuba. Desenvolveuse unha reciprocidade constante. É xusto, daquela, "que os cubanos saiban que os galegos de toda condición contribuíron" na creación de comercio, de comunicacións e de país. 

En definitiva, para completar un anaco máis da nosa historia temos que pousar os ollos nesta illa porque é alí onde habitan parte dos referentes cos que construír o futuro de Galicia. "Todos os galegos temos un corazón en Cuba", recoñece Rosario Álvarez. Nese sentido, 'Galegas en Cuba' axuda a atopalo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta