Temas: FRASEOLOXíA

“Contento # Alegre coma un cuco”, equivalente, entre outras, á castelá “contento # alegre como unas castañuelas”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 10/11/2019 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

No artigo de hoxe imos lembrar secuencias expresivas que utilizamos en galego para dar a entender de que unha persoa (mesmo ás veces un animal ou un ente personificado) está moi contenta ou alegre.

Cuco
Cuco | Fonte: quedadanatural.net

Contento # Alegre como unas castañuelas

Contento # Alegre como unas pascuas

{= Moi alegre, moi contento, moi ledo.}

Alegre # Contento # Ledo coma un cuco

[E TAMÉN]:

Alegre [Contento & Ledo] coma unha carricanta

Alegre [Contento & Ledo] coma un grilo

Alegre [Contento & Ledo] coma unhas pascuas

Alegre [Contento & Ledo] coma unhas castañolas

Alegre [Contento & Ledo] coma un parrulo

Alegre [Contento & Ledo] coma un axóuxere

Alegre da paxarela

Ex.: Desde que su hija le dijo que se hacía cargo del negocio familiar, está contento como unas castañuelas.

Des que a filla lle dixo que se facía cargo do negocio familiar, estache contento coma un cuco coma unha carricanta coma un grilo coma unhas pascuas coma un parrulo coma un axóuxere. &&& Des que a filla lle dixo que se facía cargo do negocio familiar, estache alegre da paxarela.

● Tamén:

Alegre [Contento & Ledo] coma unha cotovía # coma un pandeiro # coma un rulo # coma unha rula # coma un xílgaro # coma unha gaita nas festas # coma unha pega sen rabo && Alegre [Contento & Ledo] coma un neno en Reis # coma unhas violas # coma un micho con axóuxere # coma un rei # coma un rei nunha cesta (polo río abaixo) # coma un rei nun cesto (polo río abaixo)

Ex.: Des que a filla lle dixo que se facía cargo do negocio familiar, está contento coma unha cotovía coma un pandeiro coma un rulo coma un xílgaro coma unha gaita nas festas coma unha pega sen rabo.

● E mais tamén, nesta mesma liña, con expresións de carácter oracional, na medida en que levan incorporado un predicado verbal:

(Estar que) Andar nunhas peneiriñas # nunhas peneiras && (Estar que # Andar que) Bailar na punta do pé # nunha perna soa # nunha pata soa && (Estar que # Andar que) Ferver coma pote de papas && Ter estrelas na alma && Estar con # Andar con # Ter moita triqueza

Ex.: Des que a filla lle dixo que se facía cargo do negocio familiar, (está que) anda nunhas peneiriñas (está que) baila na punta do pé (anda que) baila nunha perna soa (está que) ferve coma pote de papas  tenche estrelas na alma  tenche moita triqueza.

NOTAS:

1. Obsérvese que hai contextos en que estas expresións poden compartir espazos de uso coas que no seu día veremos como correspondentes á secuencia castelá no caber en sí de gozo.

2. Case resulta escusado dicir que todas aquelas expresións que presentan a estrutura comparativa de igualdade (p. ex., contento coma un cuco) tamén son susceptibles de presentar a correspondente comparativa de superioridade (p. ex., máis contento ca un cuco).

3. A voz triqueza, recolleita oralmente dunha persoa xa de idade nun contexto semellante ao de “Como dicían os vellos dalgún tempo, tenche moita triqueza”, é moi probable que sexa a mesma que, coa significación que a seguir se indica, rexistrou Valladares no Nuevo suplemento al Diccionario gallego-castellano publicado en 1884 por Marcial Valladares Núñez:

«Triqueza: Voz generalmente aplicada a los animales que tienen vicio, gallardía, efecto de la poca edad, buen alimento y holganza.»

4. No que se refire á expresión alegre da paxarela, é de indicar que garda unha evidente relación coas expresións alegrar a paxarela e facer bulir a paxarela (=alegrarlle o ánimo a alguén), recolleitas en diversas obras do Dicionario de dicionarios da lingua galega e mais no Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), así como tamén coa frase castelá alegrársele a alguien la(s) pajarilla(s).

5. Polo que atangue ás expresións coma un rei nunha cesta (polo río abaixo) ou coma un rei nun cesto (polo río abaixo), cómpre lembrar que se usan, no seu emprego máis “recto” e habitual, para dar conta de que alguén se atopa moi cómodo, a gusto ou á vontade (cadrando, por exemplo, en bastantes contextos co castelán a sus[mis, tus...] anchas. Daquela, parece plausible que o significado recolleito neste artigo non sexa senón unha ampliación do primixenio.

Téñase, ademais, en conta que probablemente esa voz “rei” non se refira a ningún monarca, senón que probablemente faga referencia ós nenos expósitos, tal e como explica o profesor Ferro Ruibal no seu discurso de entrada na Real Academia Galega “Cadaquén fala coma quen é”, que reproducimos a seguir na parte que aquí nos interesa:

«1.4.3. OS NENOS EXPÓSITOS

»Houbo fames aínda anteriores moi sonadas, coma a de 1768-1769. Un dos dramas destas fames callou, ou tal mo parece, no dito Ir coma un rei nunha cesta, que quere dicir "ir ben", "ir cómodo", "salvarse dun apuro", "vivir moi ben". Tendo en conta que a vida dun rei ten moitas regalías e que en francés, no XVIII, dicíase ser feliz coma un rei (être heureux comme un roi) , podía ser que o dito aludise á cobizable vida do Xefe dun Estado. Pero ¿que rei é este que vai nunha cesta? Ou a palabra rei ou a palabra cesta deben de estar aí con sentido metafórico. Tendo en conta que ás veces o dito continúa así ... e a cesta polo río abaixo, un pensa que pode ser Moisés que de abandonado no río chegou a se-lo gran líder de Israel. Sen embargo unhas palabras do Cura de Fruíme no século XVIII lévanme a pensar nun rei ben distinto. Nese século houbo unha enorme cantidade de nenos expósitos, ben por seren ilexítimos (e teño visto Libros de Bautizados que documentan que llelos poñían nunha caixiña á porta do presunto pai, case sempre acompañados dun pouco azucre ou algo así), ben porque naceran sifilíticos, ben porque non había con que mantelos (¡tal era a fame!). O caso é que alguén acababa levando estes meniños nunha cesta ó Hospital dos Reis Católicos en Compostela, coa boquiña untada de manteiga. E, aínda que un 25% deles morría antes de chegar á Inclusa, alí a caridade pública salvaba a moitas destas criaturas dunha morte segura, bautizábaas, poñíalles un nome e buscáballes nodriza nunha aldea para os primeiros cinco anos. Para a distribución polas parroquias máis ou menos próximas a Compostela, catro meniños compoñían unha cesta57, pero antes de entregalos marcábanos co selo do Hospital, para evita-lo fraude de traeren as nodrizas un rapaz distinto do que lles encomendaran, cando viñeren cobrar.

»Consta que o problema tiña unhas dimensións asombrosas, xa que había días de entraren no Hospital a dezaseis ou dezasete criaturas por este sistema, e na segunda metade deste século XVIII, o marqués de Piedrabuena calculaba que en Galicia debía haber uns 2.000 destes nenos expósitos, que popularmente se coñecen como Fillos achadizos ou da arquiña, da pedra, da terra, das herbas ou do mundo58. Por este tempo é cando escribe o Cura de Fruíme. Pero o problema aínda seguiu e apértaselle a un o corazón pensando que o Hospital de Santiago recolleu en 130 anos (1791-1920) ó pe de 50.000 criaturas59.

»¿Que é o que di o Cura de Fruíme? Di que a estes nenos expósitos que pasaban polo Hospital de Santiago chamábanlles popularmente reis60; e que de aí debe vi-lo dito Ir como un rei nunha cesta, porque eran nenos que, na obra asistencial aquel Centro atopaban a única posibilidade de esquivar unha morte segura.

»Se esta for a verdadeira etimoloxía do dito, cumpriría, sen embargo, recoñecer que o dito modificou non pouco o significado inicial; xa que é xusto recoñecer que, se a fins do XIX 1 de cada 4 destes meniños daba chegado ós sete anos, en tempos do Cura de Fruíme só daba chegado 1 de cada 9, polo que a Junta de Médicos de Galicia e Asturias dicía en 1835 que este Centro máis ca Hospital era pila bautismal y sepulcro de niños61.

»Non quita, por último, que aluda ó feito de que na agricultura tradicional é habitual que a nai leve con ela os meniños pequenos e que os teña na veiga metidiños nunha cesta.»

[NOTAS A PÉ]:

«57 Houbo violentos enfrontamentos dos aldeáns que recibían obrigatoriamente estas encomendas, porque dicían que os da cidade facían os fillos e eles tiñan que crialos. A mediados do XVIII repartíanse os meniños nunha área distante de Santiago 20-25 km; pero a fins dese século, xa nunha de 60-75 km. Pode ser mesmo que o dito Mandarlle a cesta a alguén co significado de "defraudar a alguén faltando a unha cita" (Xan mandoume a cesta, quedou de vir ás doce e non apareceu), que recollín nas Pontes, teña que ver remotamente con isto.

»58 Sobre o tema dos expósitos pódese ver A. EIRAS ROEL: "La Casa de Expósitos del Real Hospicio de Santiago en el siglo XVIII", Boletín de la Universidad Compostelana 75-76, 1967-68, 295-335. D. GARCíA GUERRA: El Hospital Real de Santiago. Fundación Barrié de la Maza, Barcelona 1983; 315-379.

»59 Á enorme cantidade de fillos ilexítimos alude, se cadra, aquela cantiga que di:

O meu maridiño foise por pobre.

Deixou un filliño atopou dezanove.

Gracias a Dios e a tódolos santos

siquera me dixo de quen eran tanto

»60 Comentando uns versos de Quevedo que din Zampuzado en un banasto / me tiene su Magestad / en un callejón Noruega, / aprendiendo a gavilán. / Enmoheciendo la vida, / vivo en esta obscuridad, / Monge de zaquizamíes, / Ermitaño de un desván, Diego Cernadas elabora unha glosa que empeza así: Si me corriese la Qüesta, / conforme á la intencion mia, / entonces ya yo estaría, / como un Rey en una cesta. Esta expresión aparece en cursiva e cunha nota a pé de páxina que di: Así se dice proverbialmente en Santiago, aludiendo á que traen y llevan al Hospital en una cesta á los Niños Expósitos, que llaman Reyes. Polo contexto, este dito significa "estar ben, estar abastecido de todo o indispensable", porque opón estar como un Rey en una cesta a zampuzado en un banasto. A glosa continúa así: pero si para la fiesta / no me hacen de cera el gasto, / con la falta del abasto, / me estaré en mi albergue rudo, / como un Diógenes barbudo / zampuzado en un banasto (Obras completas 7, 60, n.)

61 J.M. PÉREZ GARCÍA: "La mortalidad infantil en la Galicia del siglo XIX. El ejemplo de los expósitos del Hospital de los RR. Católicos de Santiago", Liceo Franciscano 1976, 171-197. Os datos son relativamente semellantes ós que na mesma época se recollen en Valladolid, Sevilla, Rouën, Reims ou Saint Laurent.»

6. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Bitácora no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar11.html

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar2.htm

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Losada Aldrey, M. Carmen & Cid Fernández, Alba & Fernández Carballido, Xurxo: Para dar trela. Manuel práctico de fraseoloxía galega. 2016, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Lugrís Freire, Manuel: Gramática do idioma galego (2ª edición, corrixida e aumentada). A Coruña, Imprenta Moret (Galera, 48), 1931.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta