Arrinca o Festival Cineuropa coa entrega do premio á actriz María Vázquez e a proxección de 'Ema'

A cita programa en Santiago preto de 200 películas, 19 delas do trinque.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/11/2019 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

A edición número 33 do Festival Cineuropa abrirase este xoves, 7 de novembro, cunha gala no Teatro Principal de Santiago na que se entregará un dos premios da cita á actriz galega María Vázquez, tras o que se proxectará a película 'Ema', de Pablo Larraín, que compite na sección oficial dentro da categoría Latidoamericano.

Este será o arranque dunha nova edición deste festival, a primeira baixo a dirección de Laura Seoane, que programará ata o 28 de novembro case 200 títulos, dos que 19 serán estreas en España, e premiará, ademais da María Vázquez, á actriz Emma Suárez e á directora Rita Azevedo.

En concreto, a sección oficial estará composta por 103 películas, divididas en cinco categorías --Europea, Panorama Internacional, Docs Cineuropa, Latidoamericano e Animaeuropa, que se estrea este ano--, mentres que as restantes, ata rozar as 200, dividiranse en seccións paralelas, que lembrarán traxectorias como as de Agnès Varda, Chantal Akerman ou Jonas Mekas e analizarán cuestións de actualidade como o cambio climático ou o feminismo. Un total de 17 títulos serán galegos, entre os que se sitúan as estreas de cintas como 'Arima', 'Longa Noite' ou 'Eroski Paraíso'.

Como é tradición, este ano volverá celebrarse o clásico maratón de cinema, que será o 22 de novembro baixo o título 'Ou mundo contra min', centrándose na figura do antihéroe, con cintas como 'O crack' e 'O crack dous', de José Luís Garci, 'Jesus Shows you the way to the highway', de Miguel Llansó, 'Tank girl', de Rachel Talalay ou 'The man who killed Hitler and the bigfoot', de Krzykowski.

Ademais do premio que abrirá este certame, o día 16, tamén no Teatro Principal, terá lugar a entrega do premio a Rita Azevedo, tras o que se estreará o seu último título, 'Danses macabres, squelettes et autres fantaisies', un documental no que traballa xunto a Pierre Léon e Jean-Louis Schefer.

A última xornada do festival será o momento para entregar o seu galardón a Emma Suárez, unha actriz da que, durante o festival, poderán verse as cintas 'El perro del hortelano', 'La propoera pell' e 'Vacas', que será a película escollida para pechar esta edición. Ademais, como novidade, o festival dedicará dúas xornadas finais a repor as películas premiadas.

ESTREAS E PRESENTACIÓNS

Cineuropa acollerá este ano un total de 19 estreas de películas a nivel estatal, así como nove preestreas de cintas que xa tiveron percorrido en festivais internacionais, pero que aínda non chegaron ás salas.

Presentación da edición número 33 de Cineuropa. CINEUROPA
Presentación da edición número 33 de Cineuropa. CINEUROPA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta