A empresa das gardarías con intoxicación alimentaria di que tomou medidas tras as reaccións alérxicas nos cativos

Asegura que iniciou unha investigación interna e está a retirar ingredientes potenciadores dos procesos alérxenos como salsa de tomate e lácteos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2019 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

Freire Chico S.L., a empresa que se fai cargo do servizo de comedores en escolas infantís de Galicia que nos últimos días rexistraron casos de reaccións alérxicas, tomou medidas despois de ter coñecemento das mesmas como o inicio dunha investigación interna e a confección "xornada a xornada" de menús "restritivos".

Comedor escolar
Comedor escolar | Fonte: Europa Press

Estes son menús, segundo fontes da compañía, dos que se retiran ingredientes potenciadores dos procesos alérxenos, como a salsa de tomate e os lácteos, por exemplo. Estes elementos substitúense dos pratos ordinarios por outros co obxectivo de lograr un menú "equilibrado", seguindo as recomendacións de expertos, apuntan as fontes da mercantil, que actúa baixo as marcas comerciais Airas Cátering, Xantar Contigo, Xanta Connosco, Airas Eventos e Airas Nunes café.

A empresa explica que emprendeu "de forma activa" liñas de investigación propias "tendentes a achegar luz sobre as causas que provocaron os feitos" Así, contratou "gabinetes especializados" nos ámbitos da seguridade alimentaria e comezou investigacións internas a través do departamento de calidade, "liñas que seguen o seu curso".

As medidas, apunta Freire Chico S.L., están a tomarse "a diario" e inclúen a elaboración dos mencionados menús "restritivos xornada a xornada".

"CON SOLVENCIA NA ÚLTIMA DÉCADA"

En calquera caso, en primeiro lugar, "lamenta profundamente" as reaccións alérxicas producidas, aínda que precisa que o nivel de afectación dos episodios (nos días do 18 ao 21 de outubro e do pasado 5 de novembro) foi "de carácter leve" con afectacións cutáneas "momentáneas".

Engade, neste sentido, que representou, "en termos cuantitativos, un valor certamente pequeno en relación co volume diario dos menús servidos na totalidade das escolas infantís da rede pública".

"Alimentar a case 4.000 nenos ao día e outras tantas persoas doutros colectivos é unha altísima responsabilidade que vimos asumindo con solvencia na última década", destaca.

Ademais, defende contar cun rexistro sanitario que leva implícita a aplicación dunhas metodoloxías de traballo e sistemas de autocontrol "sometidos á permanente revisión e supervisión das autoridades sanitarias".

MEDIDAS "DESDE O PRIMEIRO MOMENTO"

Indica que precisamente nas xornadas citadas "a aplicación inmediata do protocolo de alerta alimentaria e a súa correcta coordinación permitiu que en menos de 25 minutos se paralizase nas 99 escolas nas que a empresa cociña a diario o menú en curso e que este fose substituído por un menú de emerxencia". Iso, resalta, "evitou unha maior propagación da reacción alérxica".

Por último, lembra que "desde o primeiro momento (...) puxo ao servizo das autoridades sanitarias e do órgano de contratación do servizo todos os recursos cos que conta, en aras do rápido esclarecemento das causas que provocaron os intolerables episodios de reacción alérxica".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta