Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2019 | Actualizada ás 18:16
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará este martes, día 19 de novembro, a adxudicación do contrato da rehabilitación da fachada traseira da Catedral de Santiago, que dá cara a Praza da Quintana, así como dos patios da Porta Santa e a Porta dos Abades.
Así o anunciou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, quen este sábado, con motivo do Día Internacional do Patrimonio Mundial, visitou as obras do interior da basílica compostelá en compañía do director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, e da directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua.
Así, o conselleiro concretou que esta actuación que será adxudicada o martes terá un prazo de execución aproximado de oito meses, de modo que cara á entrada do Ano Santo 2021, xa se poderá abrir a Porta Santa. E é que o obxectivo, tal e como afirmou, é que a catedral estea "de revista" para o Xacobeo.
Neste sentido, Rodríguez celebrou que este contrato será "a última gran obra" que forma parte do convenio entre a Xunta e a Fundación. De feito, a Administración autonómica achegará a esta actuación concreta uns 1,5 millóns de euros.
Ademais, valorou que a rehabilitación no interior "vai a ritmo moi bo" e poderá estar lista na primavera de 2020. Por iso, quixo "felicitar aos equipos técnicos" que realizan unha restauración "de gran complexidade".
Así mesmo, a Fundación Catedral trasladoulle ao conselleiro que a misa do Apóstolo, o próximo 25 de xullo, si poderá celebrarse na singular basílica compostelá, como era habitual. Debido ás obras, a celebración litúrxica deste 2019 foi trasladada ao Mosteiro de San Martiño Pinario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.