Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2019 | Actualizada ás 14:37
Estudantes e profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) renderon homenaxe a Pablo López Orosa, xornalista de 34 anos natural de Oza dos Ríos falecido o pasado venres, cun minuto de silencio.
En concreto, foi a Asemblea Aberta desta facultade a que propuxo realizar o acto ao Decanato, quen finalmente o fixou para este luns ás 12,00 horas.
O minuto de silencio foi precedido por unhas palabras de Lois Alcayde, compañeiro de profesión do 'freelance' ao que coñeceu a través da Revista Luzes, coas que destacou que era un home que "reivindicou o dereito a ser xornalista en moitos lugares".
Pablo López Orosa, natural de Oza dos Ríos, formaba parte do comité de redacción da Revista Luzes. Traballou para Onda Cero e Axencia EFE, ademais de cubrir información internacional como 'freelance', colaborando para medios como El País. Foi tamén o fundador da revista Achtung! e o ano pasado publicou o libro 'Fálame do silencio' (Xerais).
Á parte dos estudantes e profesores da USC, numerosos xornalistas mostraron as súas condolencias a través das redes sociais. Desde a revista Luzes publicaron un texto no que o lembran como un profesional "xeneroso, comprometido e cheo de alegría".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.