José Manuel Barreiro: "Pedro Sánchez queda inhabilitado tras a sentenza do ERE"

Ana Pontón, pola súa banda, considera que "as sentenzas seguen sen ser todo o duras que deberían" e asegura que se segue "en negociacións" para a investidura e aínda non se pode dicir "cal vai ser a posición de voto" do Bloque.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2019 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

O senador electo polo PP en Lugo e ex portavoz popular na Cámara alta, José Manuel Barreiro, asegurou este mércores que quen queda "inhabilitado" tras a sentenza do ERE de Andalucía é Pedro Sánchez.

Apelou a que "se tivese un mínimo de dignidade política", o presidente do Executivo en funcións "tiña que presentar a súa dimisión". Acúsao de chegar á Moncloa a través dunha moción de censura "inxusta presentada fronte a un Goberno e a un presidente honesto". "Sánchez lidera o partido (PSOE) que acaba de ser condenado polo maior caso de corrupción política de Europa", apostilou Barreiro.

Sobre a sentenza, o senador destacou o feito de que os implicados foron condenados por "por levarse case setecentos millóns de euros. Un diñeiro destinado ao paro dos cidadáns andaluces". Apuntou a que "dous deles foron presidentes do PSOE, un deles vicepresidente do Goberno, dous foron presidentes da Xunta de Andalucía e varios foron ministros e, a todo isto, o señor Sánchez segue escondido".

Barreiro culpou a Sánchez dunha "hipocrisía e un cinismo tremendo, porque estamos ante o maior caso de corrupción que se deu en Europa e isto non é admisible, non se pode mirar cara a outro lado e si Sánchez tivese a mínima dignidade política estaría a presentar a súa dimisión".

"Estes señores foron condenados e algún inhabilitado pero o que está inhabilitado política, ética e moralmente é claramente Pedro Sánchez", reafirmábase finalmente.

O portavoz Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, en rolda de prensa no Senado. SENADO - Arquivo
O portavoz Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, en rolda de prensa no Senado. SENADO - Arquivo

ANA PONTÓN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que "as sentenzas seguen sen ser todo o duras que deberían ser cando se está roubando diñeiro de todos os cidadáns" en relación coa condena á antiga cúpula do PSOE en Andalucía polo caso dos ERE.

A preguntas da prensa este mércores nun acto de presentación da súa precandidatura á Xunta, Pontón deixou claro que "a corrupción non é tolerable" e tense que "combater", polo que defende que "quen a fai débea pagar".

Así, cargou contra a "corrupción política no PP e o PSOE" en "os últimos anos no Estado", mentres que no caso dos ERE "quen ten que dar explicacións sobre isto é o PSOE, que terá que tomar as súas decisións".

Considera esta condena a exdirixentes socialistas andaluces "un exemplo máis dunha corrupción que non se pode normalizar, que ten que escandalizar". Por iso, comprométese a traballar para que "Galicia sexa un territorio libre" de corrupción.

Nesta liña, advirte de que non pode haber "conivencia con eses comportamentos". "Non se dan só no poder político, senón que estamos a ver que se dan tamén no poder económico", indica.

"ESTAMOS EN PROCESOS DIFERENTES"

A preguntas sobre se a sentenza dos ERE pode afectar as negociacións do BNG co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno, Ana Pontón respondeu: "Estamos en procesos diferentes".

Así, remarca que se está "negociando unha posibilidade para que os problemas de Galicia comecen a formar parte da axenda do Estado". Aquí identifica os servizos públicos, a lingua e cultura galegas, así como avanzar en políticas de igualdade.

"Non podemos dicir neste momento cal vai ser a posición de voto que teña o BNG nesta investidura, estamos nunha fase de negociacións", avisa. A líder do Bloque quere centrar o debate sobre "os problemas" de Galicia, "quizá falar un pouco menos de Madrid e un pouco máis das necesidades que ten Galicia".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta