Javier Losada afirma que o Regulamento de Costas non pon "en perigo" concesións de acuicultura

Javier Losada comprométese a trasladar as propostas do sector ao novo documento que ultima a Transición Ecolóxica.

Por E.P. | A CORUÑA | 20/11/2019 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, comprometeuse, durante un encontro cos representantes dos sectores da acuicultura e o marisqueo na Comunidade, a trasladar as súas propostas sobre o Regulamento Xeral de Costas ao Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Sobre esta cuestión, e tras a reunión, a Delegación do Goberno afirma que se manterá o prazo máximo para as concesións que establece a lei, de 75 anos, e recalca que "non existe perigo ningún para as concesións actuais en Dominio Público Marítimo Terrestre, como as ligadas á acuicultura ou á depuración de marisco, que manteñen as súas condicións orixinais intactas".

Ao encontro celebrado na Delegación do Goberno, asistiron José Antonio Pérez, da Federación Galega de Confrarías; Roberto Fariña, da Asociación Galega de Depuradores de Moluscos (Agade); Fernando Otero, de Asociación Empresarial de Acuicultura (Apromar); e Rosana Varela e Miriam Costas, de Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe (Anfaco-Cecopesca).

Tamén participaron o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil; a director da área de Agricultura e Pesca da Delegación do Goberno, Roberto Suárez; a xefa de Gabinete do delegado, María Rivas; e o secretario xeral da Delegación, Alberto de la Fuente.

Segundo precisa a Delegación do Goberno, o proceso de elaboración dun novo Regulamento Xeral de Costas está aínda en fase preliminar, polo que Losada se comprometeu a trasladar ao Ministerio as achegas e demandas expostas na reunión.

NOVO REGULAMENTO

O Goberno empezou a traballar nun novo Regulamento Xeral de Costas "debido ás disfuncionalidades e incoherencias do vixente, de 2014, que desenvolve as leis de Costas de 1988 e 2013, modificación da primeira e versión definitiva".

Tras consultar coa Avogacía do Estado, "o Ministerio para a Transición Ecolóxica atopou algunhas circunstancias que pretende aclarar no novo Regulamento, co obxectivo de eliminar a incerteza actual", explica a Delegación do Goberno.

"En calquera caso, non se modificará a lexislación e o Regulamento respectará escrupulosamente a mesma, polo que todas as concesións continuarán co mesmo marco que ata agora", engade. Ademais, precisa que o Ministerio "pretende evitar as disfuncionalidades sinaladas polo Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo cunha redacción máis clara e específica da normativa".

O delegado do Goberno, Javier Losada, reúnese con representantes do sector da acuicultura e do marisqueo. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno, Javier Losada, reúnese con representantes do sector da acuicultura e do marisqueo. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta