Os Blancos ou o ronsel da decadencia

O Concello da Limia declarouse insolvente. Mais antes de chegar á insolvencia recorreu o longo camiño de decadencia, tan visible e tan compartido por tantos outros concellos deste disparate administrativo, deste desgoberno permanente que é Galicia.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 26/07/2012

Comparte esta noticia

Pasar dos  máis de 3.000 habitantes aos 900 raspados non pode ser  accidente nin coincidencia. Non se pode dicir que a poboación se foi concentrando noutros concellos da zona, pois os outros concellos do entorno recorreron os mesmos camiños e remataron nos mesmos destinos: vougos,  ermos; decadentes. Ou sexa, mirando de fronte a unha morte que xa semella ineludible.   Logo, tamaño debacle só é posible nunha sociedade inerte perante a cultura do chupón, a nosa.  Mais toda depredación termina algún día. Se non termina perante os agromos da ética e da decencia, como mínimo ha rematar cando xa non haxa nada que depredar. Non hai mal que dure cen anos, di o refrán; o malo é que tampouco hai corpo que o aguante. Os Blancos está chegando a ese derradeiro fondo onde xa non hai nada que chupar. Non lle quedan nin os ósos. Aldeas vougas e searas abandonadas ás que xan nin os voitres queren retornar. E así, pouco a pouco, de aldea en aldea, de parroquia en parroquia, de concello en concello imos engadindo o noso rural ao cemiterio dos tempos. 

 
Os Blancos hanse ceibar da cultura do chupón, mais non porque de súpeto haxa espallado unha nube de ética e decencia sobre a monstruosidade municipal  galega. Diso nada! En Galicia só se libran dos chupóns aqueles recunchos onde xa non que nada por chupar. E iso é o que é o concello d’Os Blancos.  Mais iso houbera sido unha insignificancia, unha simple anécdota, se Os Blancos foran un caso illado. Pero non, Os Blancos é todo Galicia, ou alomenos todo o rural.  E Os Blancos somos todos. E como Os Blancos somos todos, a conclusión ineludible é que somos un pobo suicida, responsable da súa propia decadencia e entregado a súa propia autodestrucción. 
Se os once concellos de Limia se fusionasen nun, presentarían unha poboación duns 22.000 habitantes, un concello viable. A eliminación de dez das once burocracias (dez de once, imaxinade!) significarían moitos millóns de euros en aforros. Aforros que poderían ser reorientados ao melloramento da infraestructura comercial  agrícola (de seu xa de altísima reputación). Deses moitos millóns que non serían estragados en soldos inútiles propulsores de decadencia e ruína,  algúns podían ser destinados a incentivar iniciativas empresariais vencelladas ao agro: cooperativas, procesamento e  conservación do producto,  producción de fertilizante (tamén orgánico), industrias químicas relacionadas.  Todos sabemos que a meirande parte das iniciativas empresariais rematan en ningures; mais iso nunca é diñeiro estragado, porque se de dez intentos prende un é unha empresa máis que ten o país, unha fonte de riqueza, de sabenza,  e de emprego: desde sementeiras e colleitas, carga e descarga, traballos pé de fábrica ata un corpo administrativo; e no caso dos fertilizantes químicos, da fabricación de penso e conservación de productos, habería tamén un presenza de traballos para a nosa xuventude universitaria das ramas das ciencias. Habería, en conclusión, gobernanza. Gobernanza... Mais, claro, agora véñome dar conta de que estou describindo unha bisbarra holandesa, austríaca ou suíza, e resulta que a Limia está en Galicia. E os recursos públicos galegos hai que dedicalos a subvencionar soldos inútiles de burocracias inservibles multiplicadas por once, testemuñas do permanente desgoberno, da miseria e da ruína que nos abafa. Irremisible.
 
Mentres no saiamos en defensa dos recursos públicos, do seu uso efectivo e eficiente, de polos alí onde máis incidencia teñan no ben común, o único que nos agarda é máis do mesmo: pobreza, decadencia, e miseria.   

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/