III Gala Youtubeir@s: estes son os mellores vídeos en galego do 2019

Xacobo de Toro, Aquel-e, Aaron Vilariño, MJ Pérez, Blanca e Tinta, Siradella Films, A Rabela e Flow de Toxo repártense os galardóns dos III Premios Youtubeir@s, entregados este venres no Teatro Principal de Santiago.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os III Premios Youtubeir@s xa teñen gañadoras e gañadores. O Teatro Principal de Santiago acolleu este venres a súa gala de entrega, conducida pola actriz Patricia de Lorenzo, coa animación musical do DJ Manu TF e a intervención artística de Iria Fafián.

As persoas premiadas na terceira Gala Youtubeir@s enriba do escenario
As persoas premiadas na terceira Gala Youtubeir@s enriba do escenario | Fonte: Youtubeir@s

“Entra na internete / e con punto gal / teclea youtoubeiras / e ponte a gozar / Ai, hai en youtube

unha canle / a que se hai que suscribire / a canle das youtubeiras / que son youtubeiras de aquie”. Enérxica e con garbo, Isaura, a persoaxe da montaxe teatral Fillas Bravas (Grupo Chévere) que interpreta Patricia de Lorenzo, convidaba con esta copla a "conectarse e multiplicarse", tal como tamén reza o lema do proxecto Youtubeir@s. 

En total, repartíronse 6.500 euros nas nove categorías en que se dividen estes galardóns que, organizados polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña e da Deputación da Coruña, procuran a promoción e visibilización de vídeos e titorias na nosa lingua na rede, así como recoñecemento daqueles de maior calidade e creatividade.

Imos alá, pois, coa listaxe de vídeos gañadores desta nova entrega dos Youtubeir@s. No apartado de Vídeo-Facermos, o vídeo gañador foi ‘O radón: malos modais para un gas nobre’, de Aarón Vilariño. 

Na categoría de Vídeo-Opinarmos, o galardón recaeu no vídeo ‘Como se forma

un cantil. O exemplo de Santa Mariña de Augas Santas (Praia das Catedrais)’, de Xacobo de Toro Cacharrón.

A distinción de Mellor Vídeo-Cantarmos, a gran novidade deste ano, foi para o vídeo ‘O queimaserebros’, de Blanca e Tinta

No caso da Mellor Canle, foi merecente do galardón Aquel-e.

O xurado concedeulle o Premio á Creatividade á Canle: Cativos na Cociña, de Siradella Films.

Outro máis! O Premio á Eficencia Comunicativa levouno Rosalía Ft. Rosalía-Malaxente (MJ Cover), de MJ Pérez

O vídeo Os Novos- 'Quero Fugir', de Aaron Vilariño acadou o Premio á Calidade Técnica.

21 días improvisando, de A Rabela, fíxose co Premio á Calidade Lingüística.

Imos rematando! Por último o galardón da #propostayoutubeira recoñeceu a Flow de Toxo.

Os galardóns foron entregados por representantes das diferentes institucións organizadoras do Proxecto Youtubeir@s. A comezo da gala, tomaron a palabra Noa Díaz, concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Política Lingüística do Concello de Santiago, e Roberto Rielo, secretario do xurado. Ambos fixeron referencia ao incremento da participación e á calidade rexistrada nesta terceira edición dos Premios Youtubeir@s.

“Yoububeir@s superou este ano as 250 inscricións e achegou máis de 1.000 minutos de audiovisual en galego, nun crecemento que se sostén edición tras edición”, salientou Noa Díaz. "Resulta unha honra formar parte de proxectos coma este, que xunta moitas mans e moitas institucións en prol dun obxectivo de xustiza: colocar o galego onde lle corresponde e facer del unha lingua plenamente actual e activa nas plataformas da rede ás

que cada día máis persoas acoden”.

Rielo tamén puxo en valor tanto “a gran cantidade de vídeos recibidos, en crecemento dende a primeira edición” coma “a súa calidade, que ano tras ano está a mellorar de xeito considerable” antes de resumir a esencia do Proxecto Youtubeir@s. “Esta gala de Youtubeir@s é o final dun proceso de inclusión de vídeos na rede Youtube, de creación de titoriais e de producións que enchen as redes de contidos en galego. Unha lingua evoluciona ao mesmo tempo que evoluciona o seu uso na sociedade e, hoxe en día, as redes son un dos lugares de maior uso social”, reflexionou Rielo.

A coordinadora do Proxecto Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia, destacou a colaboración entre institucións na organización desta iniciativa. “A participación vai medrando, porque xa son moitos os minutos que achegamos para o galego na rede. E toda a creación que imos acumulando tende á permanencia, ao seu xeito, como a palabra viva, así estamos a crear unha biblioteca audiovisual para as xeracións vindeiras”, reivindicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta