PP, Democracia Ourensana e Ciudadanos, unidos contra o PSOE polo polémico peche do paritorio de Verín pola Xunta

Chaman "caudillo desesperado" ao portavoz dos socialistas, que se prefguntan "onde está" Manuel Baltar e engaden que o seu pai non permitiría "a desfeita" da sanidade na provincia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2019 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

O pleno da Deputación de Ourense celebrado o pasado venres provocou un enfrontamento entre os grupos de PP, Democracia Ourensana e Ciudadanos co Partido Socialista a raíz do debate dunha moción sobre a situación da sanidade pública na provincia presentada por estes últimos.

As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín.
As matronas protestan contra do peche do paritorio de Verín.

En concreto, a moción dos socialistas centrábase no hospital do Barco de Valdeorras, aínda que decidiron introducir unha emenda 'in voce' ao seu propio texto no que incluían un terceiro punto adicional que reclamaba á Xunta que se botase atrás na decisión de suprimir o servizo de paritorio en Verín.

Esta emenda foi rexeitada cos votos de PP, DO e Ciudadanos, actitude que foi reprochada en redes sociais polo portavoz socialista, Rafael Villarino, que publicou unha mensaxe en Facebook no que criticaba a estas formacións pola súa postura.

Tres días despois do pleno, PP, DO e Ciudadanos emitiron un comunicado conxunto no que instan a Villarino a "renunciar á actividade política pola súa actitude violenta, mentireira, destrutiva e manipuladora, posto que non achega a Ourense máis que probas diarias da súa baixísima catadura moral e dun horripilante perfil, exemplo da peor política: a dun caudillo desesperado".

Así, aseguran que o servizo de paritorio en Verín foi un asunto que "non se tratou na sesión" e que "só" foi introducido no debate a través dunha emenda 'in voce' dos socialistas para "modificar o título da súa moción e incluír unha breve mención ao citado centro asistencial, nunha execrable tentativa por sacar rédito político deste tema".

RESPOSTA DO PSOE

O Partido Socialista respondeu que PP, Ciudadanos e DO "tratan de organizar sen éxito unha cortina de fume bastante cutre para tapar as súas propias vergoñas tras porse de costas no pleno da Deputación ante unha demada masiva veciñal".

"É moi revelador que as tres dereitas da provincia póñanse de acordo con tanta prema para facer comunicados conxuntos fantasiosos e non para defender o paritorio de Verín", engaden os socialistas, que se preguntan "onde está Manuel Baltar mentres a Xunta esnaquiza a sanidade da provincia". "Isto non pasaría se estivese o seu pai na Deputación", incide o PSdeG ourensán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Vai liorta sen sentidiño algún... para isto non precisamos pagarlles as nóminas! O pSOE botando a faltar ao vello Baltar! Cousas veredes que cheiran a tempos pasados... ou non tan pasados, añoranza do BI PARTIDISMO HARMÓNICO ? Que peniña dan uns e mailos outros...