Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2019 | Actualizada ás 18:06
O 100% do persoal da planta de recollida e tratamento de lixo de Lousame secundou a folga convocada este sábado para reclamar o cobro dun plus de tóxicos do 25%, "tal e como contempla o estatal", segundo destaca a CIG.
A través dun comunicado de prensa, a central nacionalista advertiu de que o paro "podería repetirse" nas próximas xornadas se a empresa non acepta as súas demandas, en plena negociación do convenio colectivo.
O comité convocou a folga, que afecta á recollida de lixo da mañá á noite, pola demanda deste plus de tóxicos para "corrixir as diferenzas" do persoal con respecto ao doutras plantas de Galicia.
Segundo denunciou o representante da CIG, Paulo Rubido, os traballadores cobran un 45% menos que un de Sogama, en Cerceda, e sobre un 16% menos que un de Albada, na Coruña, cando realizan "o mesmo traballo, na mesma categoría". A de Lousame dá servizo á mancomunidade do Barbanza e a outros concellos adheridos.
Rubido destaca, ademais, que nesta planta "existe un contacto máis directo", porque os traballadores separan a man o lixo, e relaciona isto con que teña o "mellor resultado a nivel español" e o segundo de recuperación e reciclaxe en Europa.
AS POSICIÓNS ESTÁN "ENORMEMENTE LONXE"
O comunicado da CIG subliña que as negociacións comezaron hai oito meses e os representantes dos traballadores mantiveron "numerosas" reunións coa empresa e coa presidencia da mancomunidade, pero as posicións continúan "enormemente lonxe" do demandado.
Por último, Paulo Rubido resalta que, dese plus, cobran na actualidade 70 euros. A diferenza de 180 euros (ata chegar a 250) é o que están en disposición de negociar en varios anos, co obxectivo de terminar ese período co cumprimento "do que establece a norma legal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.