Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2019 | Actualizada ás 18:23
A terceira planta da área comercial de Monte Balado, en Brión, acolle desde este venres o segundo centro en funcionamento da Rede de Espazos de Coworking que impulsa a Deputación da Coruña e que conta con outro centro no Pazo de Arenaza (Oleiros).
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado de Emprego e Desenvolvemento Sustentable, José Ramón Riobóo, e o alcalde de Brión, José Luís García, inauguraron o espazo de traballo colaborativo 'Transformando en Brión', unha "iniciativa innovadora", xa que é o único espazo que ofrece servizos de transformación de produtos do sector primario aos pequenos produtores locais das comarcas de Santiago, Barbanza, Barcala, Sar e Ulla.
González Formoso afirmou que o centro "é unha mostra clara de que, con vontade política, traballo e un pouco de imaxinación é posible aproveitar o enorme potencial" neste ámbito e, así, "favorecer que as familias opten por quedar a vivir e producir no rural".
"A formulación colectiva é un dos aspectos máis importantes do proxecto", afirmou o presidente, que explicou que a actual normativa fai "practicamente imposible" que estes pequenos produtores poidan asumir individualmente o investimento das instalacións e equipamentos necesarios para transformar e comercializar determinados produtos de produción artesanal como carnes, hortalizas, mel, ovos, froitas e hortalizas, ou lácteos.
Para o presidente da Deputación, o centro abre "novas oportunidades" de transformar e dar saída comercial a moitos excedentes que antes se perdían, fabricando embutidos, queixos, marmeladas, pan, conservas ou zumes coas correspondentes autorizacións e rexistros sanitarios, de forma que os produtos elaborados alí poidan ser comercializados en restaurantes, supermercados ou tendas.
A adaptación deste espazo para convertelo nun centro de traballo colaborativo para a transformación de produtos do sector primario supuxo un investimento de 213.266 euros, dos que o 75% foi achegado pola Deputación da Coruña mediante fondos da liña PEL-Emprende do Plan de Emprego Local (PEL). O Concello de Brión e o GDR Terras de Compostela achegaron o 25% restante.
O centro está situado na parroquia dos Ánxeles, na estrada que comunica Santiago con Noia e a 300 metros da autovía Santiago-Brión e do corredor Brión-Noia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.