O BNG ataca a universidade privada "ao servizo de Abanca"

Pontón propón un incremento dos fondos de financiamento da universidade pública en 2020 logo de reunirse cos reitores das universidades públicas galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2019 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que Galicia "non necesita" unha universidade privada "ao servizo de Abanca" senón "mellorar o posicionamento" das públicas cun "maior apoio" ao Sistema Universitario Galgo (SUG).

Así se pronunciou este luns nunha rolda de prensa ofrecida tras reunirse na Cámara galega cos reitores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; da da Coruña (UDC), Xullo Abalde; e da de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, para analizar o proxecto de universidade privada no que traballa a entidade financeira.

Na súa intervención ante os medios, Pontón destacou que o Bloque ten unha posición "moi clara" sobre este proxecto que, na súa opinión, ten "o apoio entusiasta" da Xunta. "Galicia non necesita unha universidade ao servizo da banca senón mellorar o apoio ao sistema universitario público, fundamentalmente en materia de financiamento e de recursos públicos", subliñou.

De feito, segundo denunciou, o Sistema Universitario Galego soportou recortes ao longo da última década de modo que, a día de hoxe, "dispón de 438 millóns menos". Pontón considerou que mesmo "se está incumprindo" a Lei galega de universidades. "A Xunta está a aplicala de maneira moi laxa bordeando a legalidade, porque non atende ao que establece o actual marco que impide que a creación dunha universidade privada signifique duplicar titulacións do sistema público", indicou.

A portavoz nacional do BNG asegurou que entre as titulacións duplicadas figurarían administración e dirección de empresas, ciberseguridade ou enxeñarías informáticas. Por tanto, considerou que o anteproxecto debe ser retirado porque, conforme sinalou, "o único que vai facer é distorsionar o sistema público provocando duplicidades nas titulacións pero sen ser capaz de ofertar algo mellor".

"MÁIS ORZAMENTO"

A portavoz nacional tamén reclamou ao Goberno de Feijóo que cumpra coa obriga de apoiar á universidade pública "empezando por dotala de máis orzamento", uns fondos que agora son "insuficientes" porque non permiten cubrir o "gasto corrente".

Neste sentido, o Bloque propón un incremento dos fondos de financiamento da universidade pública en 2020 e critica que a lei de acompañamento dos orzamentos non avance nun novo plan de financiamento para o SUG e, pola contra, mesmo adiante "novos recortes".

Fronte a todo iso, o BNG pediu incrementar o plan de financiamento universitario co obxectivo de situarse no 1,5% do PIB e colocar a Galicia na media de investimento da súa contorna, o que "significaría unha mellora importante en canto a recursos, dotación para a docencia e investigación".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, reúnense cos reitores galegos. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, reúnense cos reitores galegos. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta