Por Galicia Confidencial | Santiago | 12/08/2012 | Actualizada ás 17:33
Tempos convulsos para o PSdeG. Até tres dirixentes socialistas con peso no aparato do partido e na opinión pública poden presentarse ás eleccións primarias para escoller o candidato á Xunta. O ex-ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, confirmou hoxe que medita dar o paso ao fronte. Sobre a mesa tamén están Pepe Blanco e o actual líder do PSdeG, Pachi Vázquez, o único que confirmou ao 100% a súa candidatura.
Caamaño asegura que dará a coñecer a súa decisión en setembro. Nunha conversa con El País, destaca que "moitas persoas de dentro do partido e de fóra do partido, incluso da Executiva provincial" pedíronlle que se presentara. O ex-ministro asegura que dará a coñecer a súa decisión na Executiva provincial da Coruña.
Chaconistas vs. Rubalcabistas
Caamaño é un home de Carmen Chacón, a ex-ministra que Rubalcaba derrotou in extremis no congreso do PSOE estatal. Se o ex-responsábel de Xustiza se presenta en Galicia será un síntoma de que os 'chaconistas' están listos a seguir disputándolle o liderado a Rubalcaba, lastrado polo pobre ascenso do PSOE nas enquisas malia o desmomaramento do PP. De feito, Caamaño criticou hoxe a incapacidade de Rubalcaba para atraer aos descontentos cos recortes.
Ademais do 'chaconismo', Caamaño pode contar co apoio dunha parte do aparato do PSOE na Coruña. Non está claro que pasará en Pontevedra, outra provincia cuxo secretario xeral Modesto Pose é crítico co actual líder do PSdeG, Pachi Vázquez nin por quen apostará o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Vázquez tampouco ten asegurado o apoio total da provincia de Lugo, sobre todo se José Blanco, ex-ministro de Fomento, tamén se presenta ás primarias. Orozco, alcalde de Lugo e Bugallo, líder en Santiago, son dous dos dirixentes que deron publicamente o seu apoio a José Blanco.
Galeguismo
A nivel ideolóxico, Caamaño esgrime a baza do galeguismo mesmo defende que cómpre non seguir sempre os ditados do partido en Madrid. O deputado foi un dos socialistas máis críticos co 'decreto do plurilingüismo 'de Nuñez Feijóo, que reduciu o número de clases en galego no ensino.
Manuel Vázquez informou que as primarias serán este outono. Quedan pois unhas poucas semanas para que todas as cartas se poñan sobre a mesa. Unha das claves será saber se Pepe Blanco pode deixar antes a súa imputación na Operación Campeón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.