Atopa ou publica o microtopónimo do lugar onde vives

'Galicia Nomeada' é a nova aplicación que permite aos usuarios ver e rexistrar os microtopónimos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2019 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

'Galicia Nomeada', a nova aplicación que permite aos usuarios ver e rexistrar microtopónimos da Comunidade galega, foi presentada e posta disposición este venres.

A aplicación permite aos usuarios ver os topónimos de cada lugar de Galicia, cun total de 478.000 dispoñibles, aínda que como indicou na presentación o presidente da RAG, Víctor Freixanes, calcúlase que en total hai uns dous millóns.

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega foi o responsable do contido da plataforma e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) realizou a parte tecnolóxica. Para Vicente Ares Feijóo, coordinador do equipo técnico de toponimia da RAG, o obxectivo da ferramenta é que a xente engada topónimos, que despois serán validados polos especialistas. Ademais, a aplicación permite incluír unha explicación do nome, unha historia relacionada con el, vídeos e fotografías.

Respecto diso, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou tamén a utilidade da plataforma para axudar aos servizos de emerxencias a atopar calquera lugar de Galicia a través da xeolocalización. Ademais, é unha ferramenta que, á hora de pór un nome a un lugar, permite dar a "solidez" dun estudo que ten en conta toda a historia, como subliñou o presidente da RAG, independentemente de cal sexa a decisión política.

GALICIA, "UNHA DAS TERRAS MÁIS NOMEADAS"

Por outra banda, Víctor Freixanes, mencionou que Galicia é unha das terras máis "nomeadas de Europa e do mundo" e destaca "o gran esforzo" para levar a cabo este proxecto. Ademais, como indicou Vicente Ares, hai documentadas na aplicación fotografías aéreas desde os anos 50 que permiten visualizar como era a zona antes de que, por exemplo, se construira algún edificio, como no caso da Cidade da Cultura en Santiago.

A ferramenta tamén ten a opción de que os usuarios suxiran cambios, tanto do nome como do lugar do topónimo, que tamén terán que ser validados polos especialistas.

NOVO PORTAL DE TOPONIMIA

Na presentación tamén mostraron a última versión do portal de toponimia, que ten novas seccións realizadas pola RAG, como 'Detrás do nome', onde inclúen artigos sobre o significado dos topónimos.

Engadiron o novo proxecto de 'Galicia Nomeada' e permite visitar o antigo, para que o usuario poida ver como traballaban antes. Por último, hai a sección de 'Sabías que...' onde ofrecen curiosidades.

Presentación da aplicación 'Galicia Nomeada'. XUNTA
Presentación da aplicación 'Galicia Nomeada'. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta