Traendo á memoria os cantos das conserveiras contra os abusos dos seus patróns

As mulleres das fábricas de conserva facían canción protesta, nin máis nin menos. Fronte ás inxustizas laborais, elas botaban poderosas coplas pola boca: "Nesta fábrica de Massó, me estou deixando a vida...". Aquí vai o proceso de descuberta desta historia silenciada, da man do escritor Xurxo Souto.

Por Uxía Iglesias | XANCEDA | 27/12/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Esta é unha historia de metaliteratura, dunha literatura que chamou por máis literatura, por máis historia. O escritor Xurxo Souto é o impulsor dela e o mar, o punto en común de todo canto a rodea. A andaina comezou cando o autor deu en publicar A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais, 2018), que conta as aventuras dunha patroa de pesca que capitaneaba nun gran sol. 

Cartel de presentación da Festa Vigocoruñenta
Cartel de presentación da Festa Vigocoruñenta | Fonte: Xurxo Souto

De aí en diante, todo foron fermosos descubrimentos. Xurxo Souto iniciou unha xira de presentación do seu libro á que chamou 'Ruta Vigocoruñenta' baixo a premisa de que Vigo e mais A Coruña son a mesma cidade. Ao longo deste camiño atlántico, a música foise facendo oco de maneira natural, e todo un cancioneiro propio das mulleres do mar que ata daquela permanecera agochado se foi abrindo paso entre conversa e conversa. Ás veces, resta con tirar un chisco do fío para descubrir grandes historias, para rescatar do esquecemento ou do silencio aquilo que durante anos quedou marxinado na memoria das nosas avoas, portas cara adentro. 

UN MAR DE MULLERES

Di Xurxo Souto que o libro é unha escusa para comunicarse e coñecer outras persoas en directo. Tamén para reivindicar as mulleres do mar e o seu xénero sonoro co que se foi atopando polo camiño. 'A gran travesía de Chiruca Macallás' fala dun mar onde as mulleres son as protagonistas. Trata, daquela, esa "dobre invisibilidade": o mundo do mar invisible e o mundo das mulleres invisibles. 

Diante de todas as dinámicas de localismos, Xurxo Souto procura facer ver que as galegas dunha punta e doutra non son tan alleas entre si. "A Coruña e Vigo son a mesma cidade", proclama con orgullo. A súa teima é superar tópicos para decatarse de que "unha rapaza do Calvario é cuspidiña a un rapaz dos Maios". Acontece que na terra reina o "negocio da incomunicación", que segundo di, leva por nome AP-9.

Mulleres nunha fábrica de conservas
Mulleres nunha fábrica de conservas

"Cando falamos do mar sempre nos poñemos bucólicos, pero non é un pasado bucólico, é o único futuro. O gran futuro. Coma o gando. Se lle dá un arrouto a Amancio Ortega leva Inditex para Singapur, pero en cambio o mar non se pode levar". Sempre está aí, el e mais as xentes que o traballan, resistindo á "educación terrícola" do mundo. Conta Xurxo Souto que na India, unha pequena achega económica da man das mulleres pode activar a sociedade enteira. "Iso é o que pasa nas rías galegas, xestionadas por mariscadoras que producen a excelencia". Por que non temos estas mulleres, daquela, como a referencia?

O UNIVERSO SONORO DAS MULLERES DO MAR

Xurxo Souto cita o estudoso sueco Staffan Morling: "Galicia non é a fin do mundo, é o centro do mar". Un mar cun universo sonoro á par del. Os cancioneiros galegos estan cheos de cantos de traballo, mais neles non veñen recollidos os cantos concretos das mulleres do mar, e moito menos, os das traballadoras das fábricas de conservas. Agora moitas delas xa van maiores, pero na súa memoria seguen resoando aquelas coplas que botaban contra os abusos e as explotacións dos seus patróns. Eran cantos rebeldes, empoderados. Era a palabra facendo fronte ás inxustizas laborais, á precariedade...

A nosa virxe do Carme

Fixo unha casa na ría ( bis)

Pa ver as de Tenaisié

Como fabrican sardiña (bis)

Veña sardiña, veña cabala

Veña tamén mixillón

Despois de máis de dez horas

Hai que ir cargar cameóns

Cando queres ir pra casa

Co corpo coma fariña (bis)

Alá vén señor Ribeiro

Aínda hai que aceitar sardiña (bis)

Cala a boquiña, anda lixeiriña

No esteas a protestar

Que como ábra-la boquiña

Mañá non vés traballar.

Isto cantaba Rosa, A Anaca, coa súa compañeira Carmen, A Cadela, as dúas traballadoras da fábrica de Tenaisié, no Grove. Carmiña, de Massó, entoaba estoutro...

Nesta fábrica Massó, me estou deixando a vida

Mira, mira Maruxiña, mira como veño eu.

De tanto empacar sardiñas, teño as manciñas perdidas

Mira, mira Maruxiña, mira como veño eu.

E cando pasa Manuel, e nos encontra charlando

Mira, mira Maruxiña, mira como veño eu.

Levanta a vista pra arriba, e baixa a vista pra abaixo

Mira, mira Maruxiña, mira como veño eu.

Nesta fábrica Massó, me estou deixando a vida

Nesta mesma fábrica, en Bueu, Maruxa traballaba ao tempo que cantaba...

Ahora que estabamos ben,

Dábamolo por ben feito

Chega o camión do bonito

A rebentarnos do peito.

E despois cando acabamos,

Vamos correndo pa riba

Alá vén o encargado,

Mándamos coller sardiña.

As mulleres da Guía (en Meira) tamén reivindicaban os seus dereitos laborais a través do canto. Botábanlle coplas coma esta:

Somos as da Guía

Aquí as estamos

Si non nos dan suba

Non lle traballamos

Apañar esta nosa historia serve para que tomemos consciencia da importancia deste sector operario, conta Xurxo, e tamén das condicións en que traballaban milleiros de mulleres nas fábricas que se espallan ao longo da costa, "dende Alfagene en Vigo ata La Pureza en Cariño". Para o escritor tamén foi todo un descubrimento. A primeira copla que escoitou foi unha de Carmiña de Cangas, traballadora da fábrica de Massó. "Pensei que era unha anécdota, pero cando cheguei á Illa de Arousa, vin un rapaz que empezou a fozar no ollo. Díxome: 'Estou emocionado porque a miña avoa tiña unha canción igual para meterse co encargado que as explotaba na Goday, fábrica de conservas na illa". Daquela, Xurxo Souto tívoo claro: "Aquí hai un xénero".

Toda unha literatura sonora. Canción protesta feita por mulleres. "Ninguén se preocupou deste xénero porque eran mulleres, porque eran obreiras, e porque eran do mar", reivindica o escritor. Mais o valor destas palabras acompasadas coa música é inmenso. E por iso mesmo, un grupiño de xente no que tamén anda polo medio Xurxo Souto vén de crear o coro Boghino de Caión, que volve entoar estas poderosas cantigas na ruta 'Vigocoruñenta' coa que o autor presenta o seu libro, tece historias e fai memoria.

RECONSTRUÍNDO AS MITOLOXÍAS

Xurxo Souto propón a revolución das mulleres do mar. E nesta revolución, a mitoloxía tamén xoga o seu papel, pero reconstruída. "O gran mito do mar é o máis alá e a illa do paraíso", relata Souto, pero todos os que descubriron esa anhelada illa foron homes. "Que pasaría se as navegantes foran, pola contra mulleres?". Por estes novos mundos non andados - ou nadados - móvese o autor, que procura un mar onde elas sexan as protagonistas.

Está convencido de que hai que crear o mito da muller sol. "Na cosmovisión contemporánea todo está moi codificado. Ao home tócalle ser o centro da vida pública -o sol- e a muller ten o seu espazo, o doméstico - a lúa, a noite -. Non se trata de que as mulleres adquiran roles masculinos, senón de que se cree un mundo, unha cosmovisión, onde todas teñamos sitio", sentenza. Cómpre, daquela, navegar novos mares. Xurxo Souto remexeu nas memorias das traballadoras do mar para dignificar o traballlo de todas elas. Cómpre coñecermos a historia para camiñar cara a un futuro máis xusto. 

Este venres a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, no Berbés (Vigo), acolleu boa festa a cargo das aventuras de Chiruca Macallás e o coro Boghino de Caión ás sete da tarde. E este sábado 28, Xurxo Souto viaxa ata A Coruña, concretamente ao Muro, onde convidará a guiso de choupas no mesón Chicote, acompañados tamén cunha sesión de "Cantos de traballo das mulleres do mar". Xa ás 18:00 horas, a festa trasladarase á Sacabeira de Sargadelos, en Cervo, na Mariña.

"E seguiremos!", di un Xurxo Souto entusiasmado. Queda tanta historia por contar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta