GC Aberto

Pleno VGO. Unha alternativa ao bloqueo no Concello de Vigo

Un proxecto horizantal, aberto, libre, sen compromisos previos, e que busca únicamente un consenso cidadán disposto a mover o bo goberno da institución pública que nos pertence a todos por igual, votes o que votes e penses o que penses.

Por Gamela | GC ABERTO | 07/01/2020

Comparte esta noticia
É certo que a cidadanía votou Abel Caballero e ninguén pode cuestionar a súa maioría absoluta, o que sí podemos e debemos cuestionar son certas formas absolutistas na toma de decisións e mesmo nos regulamentos internos do Concello que son causa de moitos sinsabores para aqueles que precisan dunha xestión verdadeiramente democrática (é dicir, unha xestión na que os dereitos sexan iguais para todos, e todos teñamos oportunidade de denunciar un mal funcionamento das Institucións sen ser ricos de familia e ter que pagar avogados e procuradores para algo que é de sentido común resolver falando!)

Veciños de Coruxo interveñen no pleno de Vigo
Veciños de Coruxo interveñen no pleno de Vigo

Así nace esta iniciativa cidadá que imos chamar #PlenoVGO e imos probar se Twitter serve para algo máis que rechouchiar as frustracións colectivas. Non me gusta nada a vida nas redes sociais, pero debemos recoñecer que medio mundo habita nelas, e quixeramos sacarlle certa utilidade democrática. Aproveitando a súa horizontalidade (en principio na rede calquera pode falar, e ninguén ten a vara de mando para facer calar!) quixeramos convidar a tódolos que consideren que a súa voz non está a ser verdadeiramente representada nas Institucións para falar nestes Plenos Virtuais.

O uso dunha única etiqueta (hashtag, qué nome máis ridículo!) pode chegar ben lonxe se tódolos participantes empregamos únicamente estas etiquetas dun xeito intelixente: #PlenoVGO #Vigo #Galicia (ou calesquera outras que se irán acordando nos propios fíos desta inciativa popular)

Sirva de exemplo unha etiqueta que levo empregando hai un mes #DemocraciaBloqueada

Para explicar a cuestión debo ir DEZ ANOS atrás (Abel leva só 12 anos!) naquela altura creamos un grupo chamado VigoDenuncia pero fixémolo nunha rede fotográfica Flickr (non demasiado popular) e tódolos meses enviamos o noso informe vía e-mail ao Pleno do Concello de VGO.

Nin que decir ten que o resultado foi sempre o silencio espeso. Nin goberno nin oposición tiveron a ben considerar as evidentes denuncias que aínda hoxe figuran colgadas nas páxinas de VigoDenuncia.

Logo tentamos chegar vía Twitter para facer máis visibles as denuncias colgadas no grupo, pero este ano 2019 a aplastante maioría absoluta do Psoe local decidiu Bloquear a miña conta para evitar molestias e impedir a difusión das “indignas” denuncias (Abel Caballero e Carmela Silva puxéronse de acordo para bloquear e silenciar a palabra libre da cidadanía en VGO!)

Cremos na liberdade de expresión como dereito fundamental de calquera sistema democrático, cremos tamén na liberdade de información como garante da transparencia que fai posible unha gobernanza amable das cuestións que nos afectan a todas.

A primeira queda cercenada ao bloquear as contas dos “disidentes” a segunda -a liberdade de información- está a ser corrompida vía subvencións aos grandes medios de comunicación (Faro de Vigo, Voz de Galicia, Localia TV...) que últimamente activaron prácticas neoliberais, coma os “muros de pago” (ou pagas dúas veces ou non tes acceso á información do xornal!)

En resumo: somos moitos os que tentamos influir dalgún xeito no bo goberno da cidade, pero estamos aillados ou perdidos nas redes sen que a nosa voz teña un lugar público e aberto á participación de todos!

Os partidos políticos sabemos que teñen outros intereses (escanos, ministerios, concellerías, consellerías, cargos públicos, etc. etc. Invitamos tamén aos partidos políticos ao debate público vía #PlenoVGO pero quedará claro que alí ninguén poderá bloquear o que non lle guste... e no caso de que suceda, a asamblea soberana, poderá votar o ostracismo da persoa que sexa denunciada por prácticas antidemocráticas!

Aquí o ostracismo tería máis repercusión que unha condena do Tribunal Supremo, no caso de solicitar votación de OSTRACISMO o cidadán mantén o dereito fundamental a se defender ante todos, pero se logo dun tempo prudencial (poñamos 3 meses) a asamblea soberana vota por unha folgada maioría solicitar a condena ao Ostracismo (dez anos fóra da polis na Atenas de Pericles!) tódolos membros ficaríamos comprometidos a “bloquear” a conta da persoa en cuestión !

Digamos que o proxecto é horizantal, aberto, libre, sen compromisos de ningún tipo, e busca únicamente un consenso cidadán disposto a mover o bo goberno da institución pública que nos pertence a tódos por igual, voten o que voten e pensen o que pensen!

Quixeramos que fose o lugar onde a palabra e os argumentos venzan ou convenzan e non os tícs autoritarios que estamos a padecer sen solución algunha.

Teremos ou non éxito na medida das nosas forzas e do tempo que sexamos quen de empregar para argumentar, propoñer e publicar as emendas e proxectos que precisamos levar adiante nunha cidade viva e aberta a todas!

Comprométome a recoller as suxerencias, peticións, esixencias que deriven deste foro cidadán e transmitirllelas vía e-mail ao Pleno da Corporación Municipal e ao seu Alcalde-Presidente! Se así se decidira... 

Como non agardamos resposta algunha, sería a propia rede mediante as etiquetas #PlenoVGO e demáis asociadas a que se encargaría de manifestar a nosa indignación (non creo en absoluto nos chamados Trending Topic, nin o buscamos, nin é necesario, pero algunhas persoas semellan necesitalo máis co aire que respiran: Abel Caballero e Carmela Silva) 

O proxecto quere ser un camiño democrático para facer chegar a nosa voz máis lonxe e, de vagariño, ir tecendo unha Verdadeira Rede Social Cidadá ! (non xa virtual, senon materialmente corpórea que poda volver encher as prazas públicas nas que compartir a vida!) 

Soñar sí, pero despertos !

#PlenoVGO    

#Vigo    #Galicia    

#DemocraciaBloqueada

*Nota sobre o anonimato :

Consideramos que as “listas negras” son práctica habitual no mal goberno da cidade. Estas malas artes son empregadas por algúns para silenciar ao mensaxeiro! É por iso que lonxe do tópico de que o anonimato é contraproducente nas redes, aquí valoramos o dereito á propia imaxe e á liberdade de expresión real que poden verse moi deterioradas cando a identidade é pública e as persoas poden ser sinaladas polo sempiterno delator infiltrado. Por iso, precisamente, para garantir a máxima liberdade respectamos escrupulosamente o anonimato neste proxecto cidadá.

É cousa de cada quén decidir como quere intervir no espazo público: tanto nos tén que veñas con burka ou espido, o asunto é tratar os temas e buscarlle as solucións que interesan a todas, o resto deixámollo a partidos e asociacións que precisan DNI e Telefone...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

Esta proposta foi redactada antes da Pandemia, as etiquetas das que se fala en Twitter foron eliminadas. Mentras Vigo segue gastando 55 millóns en Balaídos, 5 millóns na Rampa de Gran Vía, 2 millóns en luces para un alcalde... Penso que esta proposta segue a ser máis necesaria que nunca... (?)

2 Gamela

Resulta evidente que os proxectos sinxelos non teñen futuro... será porque son gratis e non comprometen os datos de ninguén ? Será que a democracia estase a converter noutra cousa distinta ? Será que vivimos secuestrados e cada día máis sumisos ? https://twitter.com/00Gamela/status... Será que todo cambia a peor ?

1 Gamela

A etiqueta #DemocraciaBloqueada é unha mostra do que algúns non queren ver. https://twitter.com/search?q=%23Dem...