Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2020 | Actualizada ás 14:49
Desde a entrada en vigor da regulación galega das vivendas de uso turístico, no ano 2017, a Xunta regularizou 9.872 establecementos deste tipo e abriu 107 expedientes relacionados coa materia, dos que unicamente 31 derivaron en sancións por infraccións, a maior parte delas graves.
Así o explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que participou xunto co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, na presentación dos cambios na regulación destas vivendas que entraron en vigor o pasado 1 de xaneiro, co obxectivo de "seguir avanzando na súa ordenación".
Entre as novidades destes cambios normativos figura a obrigatoriedade de que todas as vivendas de uso turístico inclúan nas plataformas en liña nas que se publiciten o seu número do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT), coa finalidade de que "toda a oferta de encadre dentro dos marcos legais".
Román Rodríguez explicou que, para controlar esta cuestión, a Xunta intensificará a actividade inspectora, que se centrará de forma particular nas plataformas turísticas en liña, co obxectivo de "reducir a fraude" neste tipo de vivendas.
Por outra banda, desde este 2020 será obrigatorio que os propietarios deste tipo de establecementos faciliten trimestralmente ao Goberno galego os seus datos de ocupación, un elemento do que, ata o momento, "non existen cifras exactas". Con iso, búscase incrementar a "transparencia" desta actividade e contar cunha "imaxe máis real" do ámbito turístico para poder realizar unha "planificación" acorde.
Aínda que os cambios xa están en vigor desde o pasado 1 de xaneiro, o conselleiro explicou que a Xunta realizará durante o primeiro mes do ano un labor informativo, avisando aos propietarios que incumpran algún destes aspectos da súa obrigatoriedade. A partir do mes de febreiro, empezaranse a tramitar sancións en caso de detectar algunha vulneración.
BALANCE DE ACTIVIDADE
En canto á situación das vivendas de uso turístico na Comunidade, os responsables autonómicos explicaron que, desde a entrada en vigor da normativa, en 2017, reguláronse 9.872 vivendas, unha cifra moi inferior á de grandes cidades a nivel estatal e que presentan unha "convivencia razoable" co resto de establecementos e vivendas.
Así mesmo, destacou o conselleiro, o 80% das vivendas de uso turístico regularizadas en Galicia son propiedade dun único titular, o que evidencia o "carácter minifundista ou familiar" destes establecementos. Do total de vivendas de uso turístico rexistradas, o 45% unhas 4.500, están dadas de alta na provincia de Pontevedra, mentres que na Coruña operan o 37%, en Lugo case o 13% e en Ourense pouco máis do 3%.
En canto a municipios, destaca especialmente Sanxenxo, onde están rexistradas 1.728 vivendas deste tipo. Entre as cidades, a que máis vivendas de uso turístico ten dadas de alta é Santiago, con 681, seguida de Vigo e A Coruña, que superan as 350 cada unha. En canto á actividade inspectora, neste período abríronse 107 expedientes relacionados con este tipo de establecementos, 64 deles iniciados de oficio e 43 a partir de denuncias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.