A cousa non está para brincadeiras

«E xuntáronse os deuses e os xuíces / confundíronse as momias e as estrelas, / formáronse galaxias e sentencias, / decretouse pra nós a morte negra.» (Profecía do mar, Bernardino Graña)

Por Xosé Antón Jardón | Ourense | 08/01/2020

Comparte esta noticia
Querido tío Lisardo: Hai cousa dunha semana, mentres leriaba por teléfono co meu amigo Antonio, natural das terras do Ebro, decatábame de que a parola, amais de alimentar a perdurábel relación que agromou entre nós na mítica Zaragoza do barrio do Tubo e do café Plata de mediados dos setenta, tamén me axudou a levantar o ánimo –e, por suposto, a autoestima e o sentido de pertenza– talvez chamuscados por uns tempos escuros, tan cheos de xeada negra, que non paran de abafarnos o ser. Ese reverdecer dos azos, produto do entusiasmo e sintonía cos que o meu amigo recita de memoria “O gato da tasca mariñeira”, versos incluído en Profecía do mar, fabuloso poemario do prezado Bernardino Graña, quen daquela militaba canda nós na confraría dos devotos do santísimo tinto de Cariñena. 
 
Cando a preguiza do espírito estaba a piques de borrarme da memoria aquela apaixonada conversa, cometín o erro de acender o televisor para escoitar os discursos que uns remoían e outros trousaban no aloucado debate de investidura do pillabán Sánchez. E foi entón cando, moi atufado, me erguín do sofá de súpeto para ir en busca doutro poema do mesmo libro, o titulado “Apocalipse”, para coroar esta carta finalmente untada de vómitos, mais tamén de infusións sazonadas de indómita esperanza. 
 
Ao escoitar ao xefe político de Feijoo, á clon de Rivera e aqueloutro paxaro, cuxo nome non quero mentar, sentín unha sensación de carraxe e absoluta impotencia. Non sei se foi por mor do ruído que, ao mastigar na caspa, causaban cos dentes os profetas da apocalipse, os camarlengos da marca España, ou polo nó que se me puxo na gorxa ao virme á mente as momias que os guían e a recua de xuíces patrios, sempre prestos a bendicirlle as súas perigosas arroutadas.    
 
Ah! Cando, benquerido tío, lle dixen da túa parte aos do BNG que os tratos con Sánchez cómpre amarralos con arame de aceiro inoxidábel, respondéronme que xa estaban ao tanto. E ao comentarlle que, para vixiar aos da ministra de Traballo, debían contar coa axuda dos seus semellantes, limitáronse a rañar o papo e mirar cara outro lado. 
 
Feliz ano! O teu sobriño que non te esquece.

O presidente de Goberno en funcións e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso dos Deputados antes da primeira sesión do debate da súa investidura na XIV Lexislatura en Madrid (España), a 4 de xaneiro de 2020.. EDUARDO PARRA - EUROPA PRESS
O presidente de Goberno en funcións e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso dos Deputados antes da primeira sesión do debate da súa investidura na XIV Lexislatura en Madrid (España), a 4 de xaneiro de 2020.. EDUARDO PARRA - EUROPA PRESS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.