Detido por simular ser delegado da Fundación Amancio Ortega para conseguir contratos

Logrou acordar varias entrevistas de traballo suplantando a identidade.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/01/2020 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional detiveron a un mozo de orixe galega como presunto responsable dun delito de estafa, usurpación de estado civil e falsidade documental, xa que simulaba ser o representante dunha fundación de prestixio internacional para contactar con varias consultoras e financeiras e así conseguir un posto de traballo.

Coche de Policía Nacional. ARQUIVO
Coche de Policía Nacional. ARQUIVO

O mozo, orixinal de Galicia, quería conseguir un contrato cunha empresa de renome internacional e para iso fíxose pasar por delegado da Fundación Amancio Ortega. Para iso creou unha conta de correo electrónico case idéntica á da entidade galega só cambiando unha letra.

Así, a través desta conta mandaba como director da fundación correos a importantes empresas para que se contratase ao seu suposto sobriño, o agora detido, mandándolles o seu currículo modificando o seu apelido. Así conseguiu pasar varias fases dos procesos de selección, pero finalmente non chegou a conseguir ningún contrato, xa que lle pedían o DNI oficial.

Posteriormente, o seu obxectivo cambiou e, utilizando o mesmo 'modus operandi', tentou obter acordos de patrocinio con empresas de recoñecemento mundial do mundo automobilístico como BMW e Audi para utilizar os seus vehículos a cambio do recoñecemento que a eles lles suporía o feito de que a fundación fixese uso deles, detallaron a Europa Press fontes policiais.

O agora arrestado, que non tiña nin carné de conducir, comunicábase mediante teléfono ou mediante contas de correo electrónico case idénticas ás oficiais da fundación ás que sempre incorporaba os logotipos da mesma.

A investigación iniciouse a principios do pasado mes de decembro cando a representante de BMW denunciou que recibiran varias chamadas telefónicas e correos electrónicos dun individuo que se identificaba como o delegado dunha coñecida fundación internacional. Pero a compañía automobilística sospeitou porque normalmente os delegados das fundacións non son os que escriben para este tipo de patronicios, senón os seus representantes. Ademais, a forma de escribir os correos era directa, zafia e vulgar.

Os axentes encargados do caso, a Policía Nacional do distrito de Hortaleza, comprobaron que o delegado desta fundación denunciara na provincia da Coruña que unha persoa se estaba facendo pasar por el e que estaba a contactar con responsables de diversas entidades financeiras e consultoras internacionais.

Apenas 15 días despois do comezo da investigación, o 18 de decembro, os policías identificaron este home cando ía asinar un destes contratos e descubriron que planeara unha estratexia para suplantar a identidade do director da Fundación Amancio Ortega. Alí foi arrestado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta