Un inverno de exposicións e actividades didácticas en Afundación

As sedes da entidade en Ferrol, Lugo, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense e Vigo renovan a súa oferta expositiva no primeiro trimestre de 2020.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/01/2020 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

Afundación, a Obra Social de Abanca, deseñou unha ampla programación expositiva que se desenvolverá nas sete sedes de que dispón a entidade nas cidades galegas. Ao longo do primeiro trimestre de 2020 renovaranse as ofertas plásticas e as súas propostas didácticas complementarias.

Exposición «O noso planeta»
Exposición «O noso planeta» | Fonte: Afundación.

A Sede Afundación A Coruña acollerá ata o 8 de febreiro «O noso planeta», unha mostra realizada en primicia mundial en colaboración con Netflix, a plataforma audiovisual produtora do documental homónimo no que se inspira esta exposición, que nos seus dous primeiros meses aberta recibiu máis de 12.000 visitas. A continuación, será a quenda de «Fóra de foco», na que a Colección Afundación amosa por primeira vez a obra de artistas non galegos, con pezas de Soledad Sevilla, Susy Gómez, Daniel Canogar ou Chema Álvargonzález, entre outros. 

Tras «Sonoro empeño», aínda aberta en exclusiva para visitas de escolares de carácter didáctico, poderase contemplar na Sede Afundación Vigo «O noso planeta», que permanecerá na cidade olívica ata o mes de xuño. Con esta mostra, Afundación incide na urxencia do coidado e del respecto polo contorno, co fin de preservar condicións de vida adecuadas para as especies do planeta. No Teatro Afundación Vigo, pola súa parte, recalará a mostra xurdida das imaxes da fotógrafa Virginia Rota e o seu proxecto gañador do VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea.

A «Fotografía contemporánea na Colección Telefónica» permanecerá aberta ao público na Sede Afundación Santiago de Compostela ata o 26 de xaneiro. A continuación, inaugurarase a proposta expositiva máis recente en torno á Colección de Arte Afundación, «Con D de arte. Unha ollada infantil á Colección de Arte Afundación máis contemporánea», unha mostra concibida integralmente para os máis pequenos, adecuando, para iso, desde a selección de obra ata a montaxe na sala.

A análise e a observación do patrimonio histórico, cultural e natural da provincia ourensá articula a exposición desenvolvida pola Xunta de Galicia, a través do Museo Arqueolóxico de Ourense, que acolle a Sede de Afundación Ourense e denominada «Santomé, conxunto arqueolóxico natural». Pódese visitar ata o 8 de marzo.

O sábado 11 de xaneiro clausurarase a mostra sobre o pintor ecuatoriano Oswaldo Guayasamín, que permanece aberta na Sede Afundación Lugo desde o 26 de setembro. A actividade expositiva nesta localidade retomarase no mes de marzo coa exposición «Papiromates», na que as matemáticas e a papiroflexia son a base para a creación de pezas artísticas.

O Café Moderno Afundación de Pontevedra despedirá, tamén o sábado 11 de xaneiro, a exposición que desde o 23 de outubro pasado viña albergando. «Con D de arte. Unha ollada infantil á Colección de Arte Afundación máis contemporánea» clausurarase para dar paso, desde o 10 de febreiro, á mostra organizada en colaboración coa Fundación General CSIC titulada «A vivir que son cen anos» que reflexiona sobre a lonxevidade, un dos grandes logros da humanidade.

A Sede Afundación Ferrol, pola súa parte, poñerá punto final o 25 de xaneiro a «Papiromates», tras case catro meses aberta ao público. O espazo prepararase para acoller a súa seguinte mostra, realizada en colaboración con ABANCA, na que se conmemora o centenario do equipo de fútbol da cidade, o Racing de Ferrol.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta