Que fas para fuxir das masculinidades tóxicas?

Construír unha masculinidade sa é o gran reto do futuro. As novas xeracións deberan medrar ao abeiro de modelos diverxentes para romper de vez co sistema patriarcal. Da man do profesor Jorge García Marín e dalgúns integrantes dun "grupo de homes" compostelán, o GC analiza novos deseños do mundo.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

- X díxome que non podo vestir de rosa porque é de rapazas, a que non é verdade?

Imaxe da portada do libro 'Papá, por que non pintas as unllas de cores', de Jorge García Marín
Imaxe da portada do libro 'Papá, por que non pintas as unllas de cores', de Jorge García Marín | Fonte: GC

- Non, iso é unha parvada.

- Claro, porque os nenos e as nenas non somos como plantas.

- ...?

- As plantas teñen que vestirse todas de verde, e os nenos e as nenas podemos elixir.

Martiño, 3 anos

Martiño anda libre de prexuízos, mais xa dende ben cativo advirte un entorno social e cultural que lle está poñendo os límites: os nenos non visten de rosa, os nenos non pintan as unllas, os nenos non expresan sensibilidade, os nenos non choran... O sistema binario e patriarcal que aínda flutúa por riba de nós aprétaos tamén a eles.

Con esta significativa conversa entre o cativo Martiño mais outra persoa, Jorge García Marín dá paso a 130 páxinas dun libro que xiran ao redor de como deconstruírse para construír masculinidades disidentes, libres de ataduras, xustas e seguras. Trátase de 'Papá, por que non pintas as unllas de cores?' que vén de presentarse este luns, 13 de xaneiro, na libraría Lila de Lilith de Compostela, arroupado pola Colección Feminismos da editorial Galaxia.

Os discursos en torno ás novas masculinidades andan collendo forza nos últimos tempos, tamén empuxados por un movemento feminista que obriga, por necesidade e por xustiza, a vestir as lentes lilás. O estudo das masculinidades, daquela, recibe gran atención no ámbito académico e tamén no social. De feito, non hai moito que veñen xurdindo nas cidades galegas  o que se coñece como "grupos de homes", que son iniciativas duns cantos que deciden xuntarse para repensarse, reformularse e apoiarse na loita cara a unha sociedade máis xusta. Moi ligado xorden conceptos relacionados coa crianza: paternidades alternativas, responsables... Un novo xeito de se relacionar co entorno e uns novos modelos para lles aprender ás futuras xeracións.

"FALAR DE HOME É FALAR DE PODER"

"Cando falamos de masculinidades falamos de poderes, falar de home é falar de poder", indica Jorge García. Non tanto como abstracción, senón como xeradores de discursos que se instauran e lexitiman na sociedade. Neste sentido, as masculinidades, di o escritor, "vivimos moi ben" dentro desta estrutura patriarcal da que tanto custa fuxir. "Somos os grandes favorecidos deste xogo de poderes", recoñece. 

Nesta constante xeración de discursos teñen moito que ver os contos que lemos, os videoxogos aos que xogamos e as películas que vemos. Todas eles están inculcando, ás veces de maneira sutil e outras de maneira moito máis explícita, patróns de conduta diferenciados en función do xénero. De aí que as nosas relacións veñan "viciadas" por unha "condición androcéntrica": "Os homes deseñamos o mundo dunha forma única, monolítica", conta García. Eles aprenderon a ser os protagonistas, os heroes, os fortes, a través do modelo que se impuxo.

Pero fronte ao asentado e incuestionado, chega o feminismo que "desenmascara". "O que nos aporta é esa capacidade de entender que o noso papel social pode ser diferente, que non temos por que vivir nun papel prefixado de antemán dende unha óptica masculina". Esas relacións ríxidas non teñen por que ser tal. "Hai outras formas de vida". Por iso, Jorge García fai unha invitación aos homes a repensarse. Diríxese a aqueles que comezan a entender que "o sistema patriarcal é unha camisa de forza que nos limita tamén a nós como homes". Apélaos, entón, para que asuman a responsabilidade que lles toca. "Os homes estamos nun período de desubicación forzado polo feminismo", conta. Pero non é tarefa do feminismo esa reubicación. "Temos que ler, analizar o noso entorno, e cambiar radicalmente as regras de xogo. E témolo que facer nós e témolo que facer cos nenos das próximas xeracións", sentenza. 

PRECISAMOS REFERENTES PARA OS CATIVOS

Unha pregunta recorrente xorde no entorno de Jorge García: "Témolo moi claro coas nenas, sabemos que as temos que empoderar, pero, que facemos con eles?". Non ten fácil resposta, "o reto é ese". "Trátase de axudar a repensar, a reconstruír". No encontro no que se presentou o libro, o escritor trouxo cada unlla pintada de cadansúa cor. De primeiras pode parecer un xesto banal, mais García asegura que cando o formula a adolescentes, nótase rapidamente que é un "símbolo" cargado "dun preconcepto". "Se é difícil romper un límite tan pequeno coma este, imaxinádevos o que será romper toda unha subxectividade que está baseada nese mesmo modelo". 

No camiño a seguir agroma a necesidade de ofrecer modelos diverxentes, alternativos. Isto é, referentes para os cativos, comezando polos propios pais. "Non vale de nada dicir que son feminista se despois deixo que os eduque Disney", reivindica. Dende o minuto un que nacemos cómpre traballar na "disidencia", na edificación dun modelo de socialización xusto. "É un combate moi bonito!".

'OS MICROMACHIÑOS'

Deste mesmo combate xorden os 'Micromachinhos' e outros moitos grupos de homes que se reconstrúen dende a colectividade. Foi precisamente a libraría Lila de Lilith quen viu nacer esta iniciativa. Alá polo 2012 un grupo de xente próxima á Candidatura do Povo acudiu a un obradoiro sobre novas masculinidades organizado no espazo feminista compostelá. Xusto daquela botou a andar 'Micromachinhos'. Trátase duns dez homes, contando polo alto, que comezaron organizando reunións mensuais. "Nelas realizamos traballos grupais, internos, onde rexe a confidencialidade, para falar de como estamos, aprender a expresar as nosas emocións, e escoitármonos activamente", relata un dos integrantes do grupo, Óscar Senra.

Ás veces escollen temas concretos para reflexionar. "Non dunha maneira profunda, porque os homes tendemos a intelectualizar... Así que aquí intentamos centrarnos na repercusión emocional". A idea, di, é transformar, medrar de forma conectiva. Con ese mesmo fin tamén organizan actividades puntuais: queimas de gravatas no día contra a Violencia de Xénero ou xuntanzas de pais na celebración do 'día das paternidades desobedientes'. Á parte, tamén organizan obradoiros, ás veces internos e ás veces abertos a outros homes.

En xeral este tipo de iniciativas tenden a ser de grupos cativos para coidar a confianza adquirida. José Expósito é outro dos homes que participa de 'Micromachinhos'. Pensa que aínda hai moito que traballar no tema dos afectos. "Despégannos deles cando son tan necesarios para os coidados". Considera que segue habendo un modelo forte: "Calquera masculinidade que propoña outra forma de relación máis afectiva será vista dende a masculinidade dominante como símbolo de debilidade". Con todo, cada vez este modelo, que inflúe tamén nos papeis da paternidade, está "máis cuestionado, máis isolado".

'A PATERNIDADE DESOBEDIENTE'

É unha das pezas claves. "Constrúese por oposición á paternidade que recibiches", explica Senra. El é pai dunha cativa de ano e medio e recoñece que é un proceso de aprendizaxe constante. Hai que partir, di, da implicación absoluta no coidado e na educación da crianza. Implica isto saír do papel de "apoio á nai" ou "axuda á nai". A nova paternidade constrúese dende a formación. "Normalmente sempre son as nais as que len os libros para prepararse. Os homes, pola contra, déixanse levar pola intuición", relata. "E a intuición está construída en base á nosa educación, que á súa vez, está construída sobre unha cultura non xusta". 

Polo tanto, cómpre un "cambio de paradigma" radical. "Hai que ir aprendendo polo camiño", conta Óscar. Evitar tamén a paternidade invasiva: "saber cal é o teu lugar, o que implica non estar en certos momentos en certos espazos". É tarefa complexa, máis aínda cando non se ten tradición de conversar destes temas tan "vitais" entre os homes, fala Expósito. Hainos que son reaccionarios aos discursos das novas masculinidades, hainos confusos, e hainos que "poñen o mellor de si" na loita pola igualdade. Se houbera vontade maioritaria, Expósito teno claro: "os homes poderían acelerar os cambios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

7 CastelaoPaSogama

Moita neolingua, e na Alemania dos anos 30 sabían que un xeito de oporse á tiranía era non admitir como normal a neolingua. Tamén entre gays está moi mal visto para os apóstoles da corrección política a que chaman "plumofobia". Á maior parte dos gays non lles pon nada a pluma, aínda que eles a teñan. Os apóstoles (do glo-gló) din que a un gay lle ten que poñer un tío con pluma. En fin, todo esto é perfectamente parangonable ás paridas que din as de Almas Veganas, e persigue montar unha película coa que obter subvencións e postos de traballo nos que viven do conto.

6 Abrótano Macho

Que tontería, as mulleres gostan dos homes de verdade e canto mais malotes millor. O dos home modernos e sensibles que choran no cine é unha lenda feminista que xa non cola.

5 Barón Ashler

A toxicidade da educación ou das relaciòns persoais non depende da identidade de xénero, senon dos valores que rixen os comportamentos das persoas e as acción asociadas a tales principios. A masculinidade non é boa ou mala por si mesma, do mesmo xeito que non o é a feminidade ou, noutro orden de cousas a homosexualidade. Son os comportamentos e as reglas que os sustentan os que, a tenor das consecuencias que producen, poidan ser considerados positivos ou negativos, tóxicos ou positivos. Ademais debemos ter coidado con determinados prexuizos sobre determinados valores educativos. Por exemplo, a disciplina, a represión de determinadas actitudes, a xerarquía familiar etc non están moi ben considerados, pero en xusta medida son imprescindibeis para a educación dos cativos. A ausencia dalgunhas reglas ou a tipificación absoluta doutras son o verdadeiro problema.

4 anonimo

A tentativa ideolóxica esta do ultrafeminismo de dicirlle mesmo aos homes como " teñen que ser" cheira dabondo. Coma cheira tamén esa insistencia nun " patriarcado" que sona a edade media, e que xa non existe en case nengures. Seica os homes " teñen que ser" dun xeiito que non ofenda a mais exquisita das sensibilidades ultrafeministas. Todo eso sona a delirio ideolóxico.

3 Sentidiño

Os homes antimachistas son coma as brancas antirracistas: non poden tomarse a sí mesm@s demasiado en serio, porque non teñen a lexitimidade de orixe. Mais é mellor ser bo que ser malo.