Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/01/2020 | Actualizada ás 11:13
A polémica polo peche do paridoiro de Verín ordenado pola Xunta transcendeu ao ámbito estatal. Desde o programa El Intermedio, de LaSexta, o seu célebre presentado, El Gran Wyoming, lanzou unha mensaxe ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo: "A próxima vez que teña unha ocorrencia tan brillante como clausurar un paritorio que se demostrou necesario, non se precipite e deixe madurar esa idea na incubadora".
Wyoming tamén enviou outra mensaxe aos cidadáns e persoal sanitario desta localidade: "Todo o noso apoio aos veciños e sanitarios de Verín, aínda que Feijóo seguirá sen considerar necesaria a reapertura deste paridoiro porque a el lle están poñendo a parir en calquera sitio", expresou o presentador.
Noutra ocasión, cando se coñeceu o peche do paridoiro do hospital de Verín, Wyoming xa criticara a medida da Xunta: "Agora en Ourense haberá partos naturais, partos por cesárea e partos 'Pequín Express'", dixo coa súa habitual ironía.
"É unha medida moi do Nadal, as mulleres terán que parir nun pesebre", espetou o presentador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.