Comparte esta noticia

Galicia é terra de grelos. Quen máis e quen menos planta uns cantos ao pé da casa para saborear un bo cocido nestas datas próximas ao entroido. Mais... Non todos che saben igual. Hainos que ao longo do tempo foron acadando unha fama particular. É o caso, por exemplo, dos grelos do Val do Xestoso, en Monfero. Dise deles que mesmo semellan "espárragos" do brandiños que están os seus cañotos.

Prato de grelos
Prato de grelos | Fonte: Páxinas Galegas

Tamén os de Abadín e os de Ordes andan a facerse oco na cúspide dos grelos mellor valorados. De feito, estes tres produtos de máxima calidade chegaron a se retar nunha cata protagonizada polo coruñés Estrela Michelín, Luis Veira. De entre todos eles, e non sen grandes dúbidas, houbo un claro gañador: o grelo de Monfero.

Ata o crego do lugar se anima a falar deles: "Os grelos de Xestoso caracterízanse porque non son tan amargos coma os do resto de Galicia, e ademais, son moi brandos, tanto que incluso a parte máis gorda se pode comer porque é moi tenra". Non hai dente que se resista! "Existe moita tradición porque é diferente. Non é por quitarlle mérito aos demais, pero ten moita fama. O do espárrago galego vénlle como anel ao dedo!", conta tamén Francisca Couto, da Cooperativa Val Xestoso.

FEIRA DO GRELO

Tal é o poder de atracción destes grelos que mesmo se organiza unha feira para lles render homenaxe. Da man da Cooperativa Val Xestoso, o campo do Canedo (Monfero) acolle todos os anos un evento no que se degusta o produto gastronómico estrela acompañado de patacas, chourizo, costela, orella, lacón, pan e viño. Desta vez, a data escollida é o 16 de febreiro. Ese día, os propios produtores do lugar van vender os seus mellores manoxos, ademais doutros manxares do campo. E tamén haberá unha exposición de maquinaria agrícola e música para amenizar a festa. 

A xornada inclúe, como xa é costume, un concurso de madas. O mellor manoxo de grelos leva premio. Segundo contan, sempre deixan como man branca o pregoeiro, que desta vez, será o xornalista, escritor e fotodocumentalista Ramón Loureiro. 

En suma, unha cita fundamental para lle dar un gusto ao padal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta