Os negocios sucios do fretador do ‘Prestige’

O xuízo do 'Prestige' comeza nun mes. GC debulla as relacións do responsábel da carga, Mikhail Fridman, oligarca ruso relacionado por Stratfor coa mafia e con crimes como asasinatos e tráfico de drogas.

Por Alberto Quian | Madrid | 13/09/2012 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Ameazas, subornos, extorsións, poxas fraudulentas, tráfico de influencias, tráfico de drogas, prebendas, evasión fiscal, lavado de diñeiro, violencia, asasinatos... O modus operandi do magnate ruso Mikhail Fridman baséase en todo tipo de artimañas, intrigas e amaños propios dun corrupto e mafioso para conseguir todo canto se propón nos seus negocios. 

Mikhail Fridman
Mikhail Fridman | Fonte: Anton Nossik

Así é descrito o oligarca ruso no informe segredo "Mikhail Fridman: Background Investigation" que a axencia de intelixencia global Stratfor realizou no ano 2007 e ao que tivo acceso GC a través da base de datos que WikiLeaks puxo a nosa disposición. En total, 27 páxinas nas que se debullan os negocios e intereses escuros dun home con vínculos co Kremlin e presuntamente involucrado no branqueo de centos de millóns de euros e relacionado co crime organizado: Mikhail Fridman, fundador de Alfa Group, o consorcio que fretou o Prestige.

Stratfor cualifícao como un tipo "vil" e vincúlao con asasinatos, tráfico de drogas, branqueo de diñeiro e tráfico de influencias. Nin el nin ningún dos seus socios en Alfa Group e a súa filial Crown Resources serán xulgados pola vertedura do fuel óleo do 'Prestige'. Informe orixinal de Stratfor en GC Plus.

O caso 'Prestige'

No informe de Stratfor existen varias mencións ao accidente do Prestige, pero sobre todo se debullan as relacións e actividades que os responsábeis da carga viñan mantendo nunha serie de negocios escuros. No anexo, titulado "Appendix: Enemies & Investigations" ("Apéndice: inimigos e investigacións"), a compañía dedica un apartado á catástrofe do Prestige. Neste, os analistas fan un resumo do accidente e apuntan ás artimañas empregadas para eludir responsabilidades legais:

Afundimento do Prestige
Afundimento do Prestige

"En novembro de 2002, o Prestige, un vello petroleiro cargado con petróleo ruso, partiuse en dous e afundiuse no océano Atlántico. A vertedura ocasionou un desastre ecolóxico cando o fuel óleo cubriu as praias ao longo dun tramo de 125 millas de costa na rexión pesqueira española de Galicia, afectando a aves e outros animais. Crown Resources, unidade de Alfa Group para o transporte de mercadorías con sede en Suíza, era a propietaria da carga do Prestige. O fuel óleo cargouse no Prestige en San Petersburgo e dirixíase a Singapur, segundo Crown. Crown dixo que ninguén se posicionara para comprar o petróleo.

Crown foi disolta coa fin de minimizar as ramificacións legais".

Alexei Kuzmichev era o máximo responsábel de Crown Resources. É unha das tres persoas ás que Fridman considera tanto un socio como un amigo, segundo explican os analistas de Stratfor. Kuzmichev dirixiu Alfa-Eco, asumiu a presidencia do consello de administración de Russian Technologies e dirixiu entre 1996 e 2002 a petroleira creada en Xibraltar e con sede en Suíza Crown Resources, filial de Alfa Group e propietaria da carga do Prestige. Precisamente aquela catástrofe ecolóxica levou a Alfa Group a apartar a Kuzmichev de Crown Resources e a liquidar a empresa para que a catástrofe non salpicara a Kuzmichev nin os seus socios no consorcio ruso. Así, a finais de 2002 Kuzmichev regresou a Alfa-Eco, que sería rebautizada en 2006 como A1. E Crown Resources sería rebautizada en 2003 como ERC Trading (Energy, Resouces and Commodities) tras a venda de todas as súas accións ao avogado Jost Villiger, ao que algúns consideraron o "home de palla" dos rusos. 

Ademais, Stratfor sinala a Alexei Kuzmichev como o membro de Alfa Group "máis involucrado na actividade diaria de lavado de diñeiro do grupo a través de empresas pantasmas internacionais".

Nestas presuntas operacións de fraude, evasión de impostos e lavado de cartos de Alfa Group, Fridman tamén contaría coa colaboración do avogado Norbert Seeger, peza "clave en Alfa", segundo Stratfor, que salienta as "excelentes relacións e os negocios" que mantén "coa familia real de Liechtenstein".

"Suponse, aínda que non está probado, que [Seeger] proporciona asesoramento amplo a Alfa Group sobre o tema da cobertura legal para a evasión fiscal e as operacións de lavado de diñeiro", especulan os autores do informe.

A conexión Rich

Outra peza clave para entender a trama de Alfa Group-Crown Resources é o comerciante belga de orixe xudeu Marc Rich, quen obtivo a nacionalidade española en 1982, concedida polo ministro de Xustiza de UCD, Pío Cabanillas.

Rich, a quen se relaciona co Mossad —a axencia de intelixencia israelí— estaba moi vinculado a Fridman e o seu consorcio, e o seu nome apareceu na lista de investigados pola catástrofe do Prestige como responsábel da carga.

Rich foi fuxitivo do FBI durante case vinte anos por delitos financeiros e por tráfico ilegal de petróleo, e foi dobremente indultado no ano 2001 polo presidente estadounidense Bill Clinton e no ano 2003 polo seu sucesor, George W. Bush. No ano 2001 Rich estivo negociando con Alfa a fusión da súa compañía con Crown Resources, ambas as dúas con sede na cidade suíza de Zug, un auténtico paraíso fiscal. Ademais, un home de confianza de Rich, Steven Rudofsky, que dirixía a firma Marc Rich Investment, pasou en 2002 a Crown Resources como director executivo. 

O 5 de febreiro de 2003 Marc Rich Group emitiu unha nota, que reproducimos agora aquí, sobre o caso Prestige na que se desvinculaba da catástrofe:

Marc Rich Group vese obrigado a publicar a seguinte declaración no que se refire ao 'Prestige' / Crown Resources AG e, deste modo, quere rectificar informes falsos.

- O grupo Marc Rich non é o propietario do petroleiro 'Prestige'.

- O grupo Marc Rich non é dono da carga do petroleiro Prestige'.

- O grupo Marc Rich non vendeu ningunha compañía a Crown Resources AG.

- Hai un ano, Marc Rich Group terminou as negociacións con Crown Resources AG con respecto á posíbel venda dunha filial en xuño de 2001 e non se estableceu ningún contacto desde entón.

Faga caso omiso de informes contraditorios e non os publique. Grazas.

Marc Rich + CO HOLDING GMBH.

Os negocios de Rich e Alfa non son nada claros, cando menos polo que explica Stratfor no seu documento. No informe fálase da súa participación nunha artimaña para favorecerse do programa humanitario "Petróleo por alimentos" que a ONU puxo en marcha entre 1996 e 2003 para Iraq. Rich, xunto con David Chalmers, da compañía Bayoil, "comprou petróleo de Alfa (a través de TNK e Onako) que, a súa vez, tería sido adquirido a Iraq", saltándose así o embargo a través de subornos ao goberno de Saddam Hussein (o caso chegou ao Comité de investigación independente do programa Petróleo por Alimentos de Nacións Unidas e, posteriormente, a xustiza suíza suspendeu a investigación por falta de probas).

Rich é un home con moitos vínculos e amizades poderosas en España. Por exemplo, co empresario vigués e directivo do Real Madrid, Fernando Fernández Tapias, quen compartiu negocios con Rich en Brasil no sector do aluminio. Tapias era, precisamente, o dono dos remolcadores que levaron o Prestige mar adentro antes de afundirse, e foi un dos persoeiros que enviou a Clinton unha carta solicitando o indulto de Rich. Nesta trama para salvar o pescozo de Rich tamén estaría implicado o rei Juan Carlos I, do que se comentou en varios medios que tamén intervira directamente para conseguir o seu indulto.

Alfa e o negocio do petróleo

Mikhail Fridman meteuse de cheo no negocio do petróleo a finais dos anos 90. Foi a través dunha intriga política a mediados daquela década, cando o presidente Boris Yeltsin recibiu a axuda económica dos oligarcas do país ante a ameaza dos comunistas de cara ás eleccións. A cambio, Yeltsin puxo en mans dos magnates, a través de novas poxas fraudulentas, os restantes bens que aínda mantiña o Estado ruso, segundo o relato dos analistas. Así, Alfa-Bank logrou adquirir por só 810 millóns de dólares o 40 por cento de TNK, que logo se convertiría na xoia da coroa do imperio Alfa. A través doutras manobras nos meses seguintes, Alfa Group e Access-Renova repartíronse o 50% da compañía petroleira. No 2007 o seu valor estimábase en 8.000 millóns de dólares.

Crown Resources

Entre os activos de Alfa Group, o informe de Stratfor sinala a súa "plena propiedade" de Crown Resources, a empresa comercial con sede en Suíza especializada na venda en Europa Occidental de petróleo ruso e produtos derivados deste, ademais de intereses no sector do aluminio. No documento se destaca que Crown Resources xestionaba a maior parte do comercio do Grupo Esparto e a súa propia filial, Crown Trade and Finance, con sede no paraíso fiscal das Illas Virxes Británicas.

Porén, oficialmente Crown Resources levaba case a totalidade das súas finanzas e dos seus ingresos a través da empresa pantasma ERC Trading coa fin de minimizar os vínculos formais co Grupo Esparto, encargado da evasión de impostos e lavado de diñeiro de Alfa Group, segundo se indica no informe.

Esparto non seria a única entidade escura creada por Alfa Group. Entre as súas filiais atópase, por exemplo, Alfa Capital Markets, que "basicamente serviu como vehículo para o lavado de diñeiro e o fraude en Estados Unidos nunha ida e volta do capital a Rusia para defraudar e, finalmente, tomar o control do mercado de móbiles da Federación Rusa", explican os especialistas da axencia norteamericana. De feito, IPOC Growth Fund International emprendeu demandas federais por crime organizado en 2006 contra a filial de Alfa Group e o seu xerente nos Estados Unidos, Leonid Rozhetskin.

Alfa Group

As orixes de Alfa Group atópanse na extinta Unión Soviética e na venda de entradas para espectáculos teatrais. Daquela, todos os billetes para o teatro estaban reservados expresamente para os membros do Partido Comunista. Se non se tiña un enlace directo con algún destes, o único xeito de acceder aos eventos culturais rusos era a través dalgún intermediario que fose quen de conseguir e revender entradas que non se ían utilizar, o cal era ilegal. Fridman cumpriu ese papel de revendedor, ofrecendo a outros as entradas dos membros do partido que non as necesitaban.

Cando o primeiro ministro soviético Mikhail Gorbachev aprobou unha serie de reformas económicas aperturistas para o fomento da empresa privada, Fridman e os seus compañeiros do Instituto Estatal de Moscova de Aceiro e Aleacións crearon unha cooperativa de entrega de mercancías e outros servizos. En 1988, creou a súa propia cooperativa, Alfa Foto, e posteriormente, Alfa-Eco, unha empresa de comercio de produtos básicos coa que conseguiu o capital para crear Alfa-Bank en 1991. 

Como recolle o informe de Stratfor, a firma financeira Renaissance Capital chegou a cualificar a Alfa como o "conglomerado máis agresivo en Rusia", salientando o seu uso de "métodos hostís" tanto para a compra de activos como para a súa venda. 

Perfil de Mikhail Fridman

O informe de Stratfor é contundente no que se refire ás artimañas políticas e económicas de Mikhail Fridman. Na introdución dise que "Fridman foi un dos orixinarios oligarcas rusos que roubaban ao cego Estado ruso na década de 1990". Tamén se di que "é un dos poucos daqueles [oligarcas] que non están mortos, exiliados ou no cárcere".

Fridman é un tipo de "poucos amigos" e "moitos inimigos" que coinciden, todos eles, en cualificalo como un tipo "astuto, áxil, evolucionado, paciente, calculador, vengativo, combativo e, sobre todo, subestimado".

O documento de Stratfor describe a un Fridman "moito mellor estratega política e económicamente que os seus poderosos rivais", conseguindo sempre "esmagar os seus inimigos". Os seus aliados salientan del a súa "impecábel perspicacia para os negocios, o seu mal xenio e a súa absoluta ausencia de apego emocional nos negocios". Rasgos da personalidade que, din, son claves no seu éxito como home de negocios.

De feito, Stratfor auguraba neste documento que Mikhail Fridman acabaría sendo o "oligarca máis poderoso de Rusia" grazas á diversificación dos seus investimentos a través da todopoderosa compañía Alfa Group, responsábel do petróleo que verteu o Prestige na costa galega e que ocupa un dos máis destacados lugares na economía rusa, sendo un conglomerado financeiro-industrial con intereses enerxéticos no petróleo e no gas natural, no comercio de produtos básicos, na banca comercial e de inversión, seguros, telecomunicacións, metais, alcol, supermercados...

Orixes

Mikhail Maratovich (Misha) Fridman naceu o 21 de abril de 1964 nunha familia xudía de clase media en Lviv, Ucraína. Pertencentes ao Partido Comunista, traballaban como enxeñeiros na industria armamentística soviética. En 1986, Fridman graduouse con altos honores no Instituto de Moscova de Aceiro e Aleacións. 

"Ao igual que moitos oligarcas de Rusia, Fridman considérase primeiro xudeu e nun segundo e distante lugar, ruso", describe Stratfor no seu informe, no que se destaca o "desprezo" que o magnate sente polos rusos: "No caso Fridman, porén, definitivamente hai unha escura raia. Despreza os rusos e parece que gozou perversamente co papel que desempeñou na crise económica de Rusia durante a década de 1990. Non ten reparos morais á hora de defraudar aos rusos e as súas accións indican que non ten problema en estafar a ninguén".

Segundo Stratfor, a filosofía para os negocios de Fridman ten unha raizame familiar, "particularmente na súa avoa", dona dunha tenda de utensilios de cociña en Lviv, Ucraína, onde Fridman creceu, aclara a compañía estadounidense. "O seu consello para os negocios era simple: «Nunca hai que tratar cos comunistas»", explícase. Por iso, Fridman sempre tentou manterse "á marxe dos debates políticos nacionais" e "foi un dos primeiros oligarcas rusos en procurar un consenso co goberno de Putin". Os analistas de Stratfor lembran que a principios do ano 2000 Vladimir Putin chamou a todos os oligarcas ao Kremlin e ofreceulles un trato: deixar de roubar, pagar os seus impostos e permanecer fóra da política a cambio de que o Estado os deixase en paz. "Fridman aceptou con entusiasmo a oferta, mais o ex-director executivo de Yukos, Mijail Khordokovsky, non. Fridman, finalmente, foi quen de utilizar o patrocinio estatal para selar a fusión internacional da súa empresa petroleira (TNK) coa multinacional BP co obxectivo de crear TNK-BP; Jodorkovski está en quebra e no cárcere", comparan os analistas.

Cunha traxectoria meteórica, Fridman chegou a ser presidente da xunta directiva do consorcio Alfa Group —propietario da carga do Prestige—, presidente do consello de administración de Alfa-Bank, e presidente da xunta directiva da empresa enerxética TNK-BP. Malia este perfil de tipo poderoso, Fridman "prefire manter un perfil baixo en termos de economía, política e vida persoal", sinalan os analistas, que engaden: "Porén, iso non se traduce nunha vida austera. Ten un bo número de casas palaciegas en toda a antiga Unión Soviética e o seu apartamento de Moscú crese que ten máis de 3.600 metros cadrados".

Entre as súas afeccións máis notábeis inclúense "as armas e o coleccionismo de arte, amosando unha inclinación pola arte extremadamente cara, como obras de Picasso", apúntase no informe.

Un estratega agresivo

Segundo Stratfor, Fridman acostuma actuar "por cobiza, non por ego ou por unha necesidade de vinganza. Pero se se enfurruña nun proceso de adquisición ao que non vai renunciar, vai asegurarse de que determinadas persoas sexan completamente arruinadas".

O infome da compañía de intelixencia global insiste en describir a Fridman como un tipo que "se move agresivamente contra calquera activo que desexe conseguir, e faino por cobiza, non por ego".

Os propios socios comerciais de Fridman describen a este magnate ruso como un tipo "profesional, esixente, corrupto e vil".

"Conceptos tales como a honestidade e a transparencia non só se perden en Fridman", senón que ademais "os evita deliberadamente", dise no dossier, no que se apuntan algúns ataques de natureza financeira, xurídica e física que presuntamente acostuma a poñer en práctica Alfa Group para conseguir os seus obxectivos. Así, entre outras tácticas, se salienta a suposta concesión de préstamos abusivos a través de Alfa-Bank para logo facerse co control das empresas prestatarias quebradas a un prezo menor do mercado, os subornos de xuíces ou o uso de "matóns armados" para, por exemplo, facerse coas accións que tiñan algúns traballadores de determinadas empresas rusas aos que o Goberno lles concedera esas partipacións no proceso de privatización dos anos 90 en Rusia.

Stratfor tamén acusa a Alfa Group de ter procurado regularmente a axuda explícita do goberno ruso para as súas operacións. Un bo exemplo disto, sinalan os analistas, foi o chamamento que Fridman lle fixo a Vladimir Putin para arranxar a fusión entre a petroleira rusa TNK e a británica BP no ano 2003.

Fridman é descrito como un home sen principios éticos e tamén como un tipo receoso que "non ten ningunha intención de revelar o funcionamiento interno dos seus activos, non só por codicia ou para protexerse do escrutinio legal, senón tamén por simple medo", aducen os analistas, que observan que estes receos son comúns entre os oligarcas rusos, xa que "os seus imperios foron creados polo tráfico de influencias, poxas fraudulentas de privatizacións, fraude, roubo, malversación, evasión de impostos, brutalidade, corrupción e manipulación do sistema legal", enumera o informe.

Fridman veríase a si mesmo como un inversor que "está absolutamente disposto a abandonar sen pensalo unha liña de negocio que non funcione, e non ten intención de dominar ningún sector en particular". Por exemplo, "a súa meta de construír un imperio de comunicacións móbiles baséase na ambición de gañar accións nunha importante empresa global de telecomunicacións de celulares, non porque procure un nicho de mercado ou un monopolio para el. Se un obxectivo resulta particularmente resistente aos seus esforzos, simplemente segue adiante".

Como se recorda no informe, o propio Fridman dixo que algún día Alfa Group se retiraría do negocio do petróleo e da banca para investir noutros activos. O seus obxectivos son sempre "a eficiencia, o crecemento e a maximización do valor da empresa a longo prazo", mais isto "non quere dicir que o beneficio non sexa tamén unha preocupación fundamental". Mais, como sinala Stratfor, Fridman ten transferidos moitos fondos en paraísos fiscais para "maximizar os seus ingresos e minimizar os impostos do goberno", e poder así tamén "dispoñer deses cartos para investimentos e adquisicións, segundo sexa necesario", coméntase no documento. 

Stratfor agrupa os principais empresarios rusos en dúas categorías: os tácticos e os estrategas. Os primeiros son empresarios que "procuran calquera vantaxe que cren que lles vai beneficiar no curto plazo" e teñen a "típica mentalidade rusa do saqueo", sinala o informe.

No caso de Fridman, Strafor inclúeo no grupo dos estrategas, que se ben se asemellan aos tácticos na "utilización de técnicas sen restricións éticas", estes teñen unha visión a máis longo prazo dos seus negocios. "A maioría dos estrategas", explica Stratfor, "quere investir as súas ganancias nas súas empresas para máis tarde poder vender os seus activos por un prezo máis alto". 

"Fridman só inviste en proxectos nos que pensa que ten posibilidades de obter enormes ganancias. Combina iso coa falla dun compás moral", descríbese no informe.

Seguridade

Segundo os analistas de Stratfor, "Fridman mantén o seu propio grupo de seguridade e os seus compañeiros executivos de Alfa actúan en moitos aspectos como unha pequena forza policial". Mais por ese perfil público baixo que teima en manter, Fridman pensa que "ten asegurada a súa seguridade persoal".

"Desde os tempos turbulentos da década de 1990, Fridman foi recortando o seu séquito persoal e agora rara vez leva máis de dous ou tres escoltas visíbeis. A súa axenda é suficientemente caprichosa como para non dar tempo a examinar os lugares públicos aos que acode, na súa maioría clubes de jazz, antes da súa chegada", clarifica o documento.

Ese desexo por manter un perfil público máis baixo que os demais oligarcas rusos esténdese aos medios de comunicación. Se para os homes máis poderosos do país os medios de comunicación rusos son parte do escenario no que competir para "darlle forma aos seus imperios corporativos e difamar os seus opoñentes", Fridman parece preferir ignorar á prensa e manter unha postura menos entremetida neste sector. "Esta decisión parece que o beneficiou, xa que o goberno incrementou o seu control en todos os medios de comunicación durante os últimos cinco anos", explícase.

Pyotr Aven, o cerebro

Durante a década dos 90 Fridman participou con outros oligarcas-cleptócratas rusos en poxas amañadas para facerse por un valor mínimo con moitas empresas estatais, o que acelerou o colapso económico ruso. Nesta época, no ano 1994, conectou con Pyotr Aven, "o seu primeiro e máis importante aliado", aclara Stratfor. Aven formaba parte dos reformadores idealistas rusos. Foi ministro de Comercio Exterior entre 1991-1992 e representante de Rusia no G-7, coincidindo co goberno do primeiro ministro Yegor Gaidar, "o primeiro goberno postsoviético verdadeiro da Federación Rusa", din os analistas de Stratfor, que sinala a Aven como un dos burócratas que establecereon as condicións para as poxas amañadas nas que participaron os oligarcas.

Aven, propietario da colección de arte rusa máis grande do país, pasou a formar parte do consello de administración de Alfa Group, foi presidente de Alfa-Bank até xuño de 2011 e é o presidente de Alfa Banking Group e AlfaStrakhovanie Group, unha das maiores aseguradoras de Rusia, ademais de co-presidente da compañía de medios de comunicación CTC Media Inc.

Stratfor sinala a Aven como "o cerebro detrás das estratexias de Alfa e máximo responsábel das súas operacións diarias, mentres Fridman serve tanto como o rostro das operacións, como negociador carismático e astuto que pecha os acordos". En definitiva, Pyotr Aven é o "cerebro de Alfa"; o "contable e economista detrás do escenario que fai que todo funcione"; o home que "conta coa amizade de Putin"; o "director xeral de Alfa e a cara que proporciona unha dirección estratéxica", describen os analistas da axencia estadounidense.  

Aven non é un tipo limpo, segundo Stratfor. "Está involucrado ao máximo en todos os negocios de Fridman e como xerente operativo ten máis coñecemento das actividades ilegais cuestionábeis ou indiscutíbeis que o propio Fridman", elucida o informe. Stratfor mesmo recorda que o grupo de traballo contra a corrupción rusa do Tribunal de Distrito de Columbia, en Estados Unidos, sinalouno como "actor en diversos actos de corrupción, incluído o tráfico de drogas".

A través dos vínculos de Aven con Putin, Fridman tamén accedeu a outro aliado fundamental para os seus negocios: o ex-primeiro ministro Mikhail Fradkov. Fradkov traballou para Alfa e "débelle lealdade a Aven", din os analistas, que especifican que o ex-primeiro ministro chegou ao goberno ruso "en parte debido á aprobación de Putin da fusión TNK-BP".

As outras dúas pezas claves

O triunvirato que domina Alfa Group e para o que traballa Pyotr Aven complétase con German Khan e Alexei Kuzmichev, co-fundadores do consorcio con Fridman.

German Khan é un vello amigo de Fridman. Coñecéronse no Instituto Estatal de Moscova de Aceiro e Aleacións e é o director executivo de TNK. Entre os seus méritos está, por exemplo, que "foi clave na toma de control de Yugraneft, da empresa canadense Norex, e nas ameazas explícitas e subornos ao director executivo de Norex, Alex Rotzang, e á directora xeral de Yugraneft, Lyudmila Kondrashina", dise no informe.

Khan tamén é membro dos consellos de administración de Alfa Finance Holdings, grupo industrial e financeiro con sede en Bulgaria, e Slavneft, unha "empresa petroleira estatal da que Alfa Group adquiriu unha participación do 50 por cento nunha poxa amañada no 2002", esclarece Stratfor.

Alexei Kuzmichev é a outra persoa de confianza de Fridman desde os anos de universidade. Como xa vimos, entre outros cargos de máxima responsabilidade, Kuzmichev dirixiu entre 1996 e 2002 a empresa petroleira Crown Resources, filial de Alfa Group e propietaria da carga do Prestige. Tras a traxedia ecolóxica e económica para Galicia, e o impacto mediático e político que tivo non só a nivel nacional, senón tamén internacional a catástrofe, nos despachos de Alfa Group se decidiu apartar a Kuzmichev de Crown Resources e liquidar logo a empresa para eximir de responsabilidades a Kuzmichev e, polo tanto, a Fridman e o seu consorcio.

Relacións co Kremlin

A influencia económica de Alfa Group en Rusia non é unha preocupación para o Kremlin, segundo os analistas de Stratfor. A aparente ausencia de aspiracións propiamemte políticas de Fridman e os seus socios fai que "o equipo de Putin pareza disposto a pasar por alto as indiscrecións de Fridman e Aven", comentan os expertos en intelixencia da compañía estadounidense, que proseguen: "Á vista do Kremlin, Fridman e Aven son dous ladróns e mentirosos, pero están entre os [oligarcas] máis respectuosos e construtivos". E nisto tivo un papel fundamental Pyotr Aven, quen "fai todo o posíbel para que Fridman non lle pise os pés ao Kremlin", explícase no dossier.

Stratfor fala de que é o propio Putin o interesado en "non compartir ninguna relación persoal ou profesional con Fridman". Porén, "Aven e Putin considéranse amigos íntimos e confidentes o un do outro", prosegue o informe.

Con quen si mantivo unha estreita relación Fridman foi con Vladislav Surkov, o actual viceprimeiro ministro ruso, considerado o auténtico ideólogo do Kremlin, co que Fridman tamén coincidiu no Instituto Estatal de Moscova de Aceiro e Aleacións a principios da década dos anos 80. Xa a principios dos 90 Surkov estivo traballando en Alfa-Bank como vicepresidente, pero acabou traizoando a confianza de Fridman. "Surkov xa fixera amizade con Putin durante a súa primera presidencia e ía ser nomeado xefe de comercio en Transnefteprodukt [empresa enerxética] por prover información negativa de Fridman. Pero en vez de Transnefteprodukt, Surkov apartouse para executar a campaña electoral de Putin, que o levou a converterse no seu principal asesor", explican os analistas. Segundo estes, coa incorporación de Surkov ao círculo máis íntimo de Putin, Fridman e Aven retomaron as conexións con este, se ben estas novas relacións tiñan unha única finalidade: "Surkov dille a Fridman precisamente o que ten que facer para permanecer fóra da lista de golpes do Kremlin ou para asegurarse a asistencia do Kremlin nunha batalla comercial, e Fridman cumpre completamente", dise no documento.

Destas novas relacións naceu Patriot Capital baixo o auspicio de Alfa Group para "facilitar os investimentos no sector da defensa rusa", esclarecen os autores do informe.

Ademais, Alfa Group ofreceu un "forte apoio financeiro" á organización política xuvenil Nashi, "unha das novas ferramentas políticas do Kremlin para asegurar a lealdade política a nivel nacional, e que representa claramente unha reacción á Revolución Laranxa de 2004 en Ucraína, na que os movementos xuvenís foron fortes impulsores", recórdase. Este apoio de Alfa Group a Nashi sería unha das súas respostas aos ditados de Surkov, quen "tomou un papel activo na conformación da organización do grupo e da súa ideoloxía desde o ano 2005", coméntan os expertos.

Estas novas relacións con Surkov son un síntoma máis do que Stratfor sinala como a característica más importante de Fridman: a súa "adaptabilidade" a cada goberno e conxuntura para "asegurar a súa fortuna e a súa vida".

Uso da violencia

Stratfor considera que Fridman utiliza tres tipos de violencia coa fin de conseguir algúns dos seus obxectivos.

O primeiro é o "fortalecemento da violencia política en mans do Estado". Como xa vimos, Fridman financia á organización xuvenil Nashi, segundo informacións proporcionadas polos líderes deste movemento que falaron cos axentes de Stratfor.

En segundo lugar, Stratfor afirma que Fridman está estreitamente ligado, a través da financiación de Alfa, á organización moscovita Solntsevo (Solsnetskaya), "unha das maiores e máis poderosas asociacións rusas de crime organizado", involucrada no tráfico de drogas, extorsións, lavado de diñeiro e subornos. "A organización está dirixida por Sergei Mikhailov, considerado como un dos mafiosos máis perigosos e notorios en Rusia", esclarecen os analistas de Stratfor, cuxas fontes sinalan que "todas as evidencias que involucran a Fridman e Aven con este grupo foron oficialmente eliminadas de todos os rexistros".

Segundo Stratfor, Fridman e Aven xa tiñan relacións con Solsnetskaya na década dos anos 90, cando xa utilizaban a membros desta organización para a súa protección e cos que mesmo fixo negocios. Mesmo se fala de que Aven asesorou aos membros de Solsnetskaya nos seus negocios no tráfico de drogas a escala mundial. "En concreto, Alfa Group está involucrado no transporte de drogas do sudeste de Asia a través de Rusia cara Europa, o lavado de diñeiro dos carteis da droga colombianos e no suborno de órganos da xustiza en Rusia", relátase no documento.

O informe vai máis aló e vincula a Fridman con varios asasinatos en Rusia (o terceiro método de violencia). Malia que oficialmente Fridman nunca foi vinculado a ningún crime, "crese que é, polo menos, parcialmente responsábel de moitos dos asesinatos que afectan á sociedade rusa, en particular de xornalistas", denúnciase no informe, no que se argúe que precisamente este poder de intimidación é o que lle permite a Fridman "gozar dun historial tan limpo".

Stratfor pon como exemplos o asasinato no ano 2000 do xornalista ucraíno Georgi Gongadze no seu país e o do xornalista estadounidense Paul Klebnikov en Moscova no ano 2004, sobre os que Stratfor puido "corroborar parcialmente" a relación do magnate ruso nestes crimes tras consultar a varios xornalistas e políticos de Ucraína.

No caso de Gongadze, críase que estaba investigando os vínculos entre Fridman (a través de Alfa Group) e o líder do Partido Socialista ucraíno Oleksandr Moroz. "Supostamente, Moroz prometera a Alfa varios proxectos de enerxía lucrativos no caso de ser elixido presidente de Ucraína. De acordo coas testemuñas no caso, Alfa contratou á banda local de crime organizado Izmailovskaya para asasinar e decapitar a Gongadze coa fin de acalar as súas investigacións", explican os analistas de Stratfor.

Pola súa banda, Klebnikov era un xornalista da edición rusa de Forbes e estaba investigando unha serie de actividades de Alfa Group cando foi asasinado. "Un funcionario dentro do círculo íntimo de Putin díxolle a Stratfor que antes da súa morte Klebnikov estaba investigando as actividades de Alfa respecto a IPOC, Megafon e o petróleo de Acerbaixán", aclárase no documento da compañía de intelixencia norteamericana.

Con todo, nin Fridman nin ningún dos seus socios de confianza foron nunca condenados por ningún delito. No caso do Prestige tampouco se sentarán no banco dos acusados.

Descarga en GC Plus do documento orixinal de Stratfor: "Mikhail Fridman: Background Investigation".

Sergei Mikhailov, líder da mafia rusa Solntsevskaya Bratva, que Stratffor relaciona co fretador do Prestige
Sergei Mikhailov, líder da mafia rusa Solntsevskaya Bratva, que Stratffor relaciona co fretador do Prestige
Sergei Mikhailov, cando foi detido en Suíza. Botou dous anos en prisión, pero un xulgado declarouno inocente
Sergei Mikhailov, cando foi detido en Suíza. Botou dous anos en prisión, pero un xulgado declarouno inocente
Mikhail Fridman
Mikhail Fridman | Fonte: Anton Nossik
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Fernando I. V.

Moi boa crónica. Grazas.

1 Padrino

Com a máfia judia topamos...