A Xunta volve pedir a implicación do Goberno central no Xacobeo 2021

O conselleiro de Cultura e Turismo reclama un "plan integral" por parte do Goberno do Estado que teña como principais eixos os camiños de Santiago e os Bens de Interese Cultural. Galicia achega máis do 60% dos proxectos que desenvolve o Consello Xacobeo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2020 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, considerou que "sería unha auténtica falta de visión e unha perda de oportunidade" para Galicia e para o resto de España que o Goberno central non se implique no Xacobeo 2021.

Reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 21
Reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 21 | Fonte: Xunta

Antes de participar na Comisión Organizadora do próximo Ano Santo, Román Rodríguez mostrou a súa preocupación polo feito de que a organización deste evento non se citase "nalgúns acordos programáticos" do Goberno.

"Esperamos que haxa algunha acción positiva", asegurou o conselleiro, que sinalou que, aínda que ata o momento, hai "accións concretas no ámbito turístico", é necesario un "plan integral" por parte do Goberno do Estado que teña como principais eixos os camiños de Santiago e os Bens de Interese Cultural (BIC).

O conselleiro considerou que esta petición non é "desatinada" e asegurou que a Xunta vai ser "esixente". Así, no caso concreto dos BIC, asegurou que a Xunta ten "constancia" de que o Estado "traballa" nalgún pero lamentou que "non exista" unha visión estratéxica.

"Nós demandamos ese proxecto porque entendemos que, tendo en conta a envergadura que ten o Xacobeo e o que ten feito o Estado noutros eventos similares, pois nos parece que é absolutamente asumible", manifestou.

PROXECTOS

O conselleiro destacou que Galicia achega máis do 60% dos proxectos que desenvolve o Consello Xacobeo no marco do Xacobeo 2021, liderando a remisión de propostas a este órgano de coordinación entre as autonomías polas que pasa o Camiño de Santiago e o Goberno central.

En concreto, das 92 iniciativas aprobadas por este ente, un total de 58 (o 63%) foron presentadas pola Xunta, tal e como indicou o conselleiro no marco da reunión da Comisión Organizadora do próximo Ano Santo, na que tamén participou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

O departamento autonómico detallou que 49 dos 58 proxectos presentados son iniciativas propias, desenvolvidas pola Xunta, mentres que outros nove son accións lideradas por Galicia ás que se adheriron outras comunidades autónomas. Con todo, indicou que a totalidade de accións están abertas ás achegas da iniciativa privada grazas ao programa de patrocinios impulsado con motivo do Ano Santo.

Conforme apuntou o titular de Cultura e Turismo esta ferramenta xa permitiu captar máis de oito millóns de euros para esta celebración tras a firma de acordos de patrocinio con algunhas das empresas máis recoñecidas de Galicia. Nese sentido, avanzou que nos próximos días e semanas se espera que se concreten novas incorporacións a este programa.

AVALIACIÓN DO PROGRAMA

Ademais, a comisión executiva da Comisión Organizadora do Xacobeo 21 analizou o desenvolvemento do avance da programación do próximo Ano Santo, presentada a finais do ano pasado.

Este avance, conforme indicou a Xunta, contempla a posta en marcha de máis de 7.600 actividades no marco de 180 proxecto aos que se espera que asistan máis de 7 millóns de persoas nos 313 concellos de Galicia.

Por último, outro dos asuntos abordados no seo da reunión foron as accións do grupo de traballo específico creado a proposta do Concello para deseñar un plan de aparcadoiros disuasorios, mobilidade e control de fluxos de persoas ao redor da Catedral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta