"Atraco" e "mentira", así cualifica o PP galego a negativa do Goberno central a abonar os 200 millóns de IVE a Galicia

Os 'populares' acusan a PSdeG, BNG e Galicia en Común de gardar silencio.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/01/2020 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

Indignación nas filas do PP de Galicia. Os populares reaccionaron con anoxo ao anuncio do Goberno central de que non entregará os 200 millóns que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclama ao Executivo español polo axuste do IVE do ano 2017.

A ministra de Facenda e Portavoz do Goberno, María Jesús Montero
A ministra de Facenda e Portavoz do Goberno, María Jesús Montero | Fonte: Europa Press.

Así o avanzou este martes a portavoz do Executivo e responsable de Facenda, María Jesús Montero, quen dixo de que se trata dunha cuestión que "tocaba no ano 2019" e que xa advertiu diso durante a súa comparecencia sobre os Orzamentos Xerais do Estado.

Ante a negativa do Goberno central, os populares galegos arremeteron nas redes sociais contra esta decisión, liderados polo propio Núñez Feijóo, quen apuntou que o Goberno de Pedro Sánchez agora recoñece que "era mentira" todo o que prometera.

"O Goberno de Sánchez dicía que non había atrasos na chegada do AVE a Galicia e prometera pagar os 200M€ do IVE que nos correspondían. Agora, unha vez pasadas as eleccións, eles mesmos recoñecen que era mentira. Basta de tomarlle o pelo aos galegos, non o merecen", publicou Feijóo na súa conta en Twitter.

Vertéronse máis críticas desde as filas do seu partido, con acusacións máis graves e contundentes. "Roubo" ou "atraco" a Galicia foron algunhas das expresións utilizadas polos populares para chamar a atención sobre o asunto.

Sandra Vázquez Domínguez, deputada do PP por Lugo no Parlamento galego, cualificou o novo Executivo central como "Goberno Socialista/Comunista" que "rouba a Galicia e non pagará os 200M€ que corresponden aos galegos".

Usando un concepto aínda máis grave, "atraco", foi a mensaxe de Marta Novoa Iglesias, deputada por Ourense: "Menudo atraco a todos os galegos", escribiu.

Ambas as deputadas conservadoras tamén coincidiron en chamar a atención sobre o PSdeG, o BNG (como facilitador da investidura de Sánchez) e Galicia en Común (integrada no grupo Unidas Podemos e parte do novo Goberno), aos que acusan de gardar silencio ante o carpetazo do Executivo central ao asunto do IVE.

TRIBUNAIS

Feijóo tachou de "tomadura de pelo continuada", que "empeza non só a ser de mal gusto, senón que empeza a ser groseira", a negativa do Ministerio de Facenda.

"Están a quitarnos, simplemente, diñeiro que é noso", recrimina. "Isto non é unha broma, estamos a falar de 370 millóns de euros que se nos debe (200 millóns do IVE e 170 millóns de compensación por cumprimentos fiscais); están a pagar co diñeiro da Xunta de Galicia o incremento das pensións, o incremento do salario dos empregados públicos", reprochou.

Censura que "é un tema moi serio", xa que o Goberno central "está a converterse no principal moroso en Galicia". "Nós non imos pasar por isto, se se cre o Goberno de España que, por formar e asinar papeis con algún grupo minoritario en Galicia, imos pasar por estas equivócanse", agrega Feijóo.

"Ese diñeiro é noso. E o diñeiro de Galicia é sagrado. Do mesmo xeito que Galicia paga as súas facturas o Goberno de España ten que pagar as facturas que lle debe á Xunta", prosegue na súa argumentación.

Cuestionado sobre se a Xunta recorrerá aos tribunais por esta decisión do Goberno, Feijóo contestou: "Neste momento, se se confirma ese dato, non descartamos ningunha posibilidade, e agora si que o digo moi en serio".

"Estivemos a ser pacientes, observando a constitución do novo Goberno... Se realmente o Ministerio de Facenda cre que non sabemos ler e escribir ou que non sabemos sumar, restar, multiplicar e dividir, equivócase", afeou o mandatario galego.

"Dixen que vou defender Galicia con todas as armas da Constitución e mantéñoo". "Non imos aceptar en ningún caso que rían de nós e que agora nos digan que pasou o prazo e que non pagan; as débedas non teñen prazo; as débedas páganse, ademais deberían pagalas con intereses de demora de 2019 e 2020", clamou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta