A Xunta destina 2,1 millóns ás axudas para a sanidade gandeira de 2020-2021

A finalidade destas axudas é mellorar o status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde da Consellería de Medio Rural pola que se convocan as axudas a entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia para o período 2020-2021. O orzamento para esta nova convocatoria ascende a un total de 2,1 millóns.

Nun comunicado, o departamento que dirixe José González destacou que a finalidade destas axudas é mellorar o status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. Estes programas deberán realizarse entre o 1 de marzo de 2020 e o 21 de febreiro de 2021.

Estas axudas, conforme indicou a Xunta, serven para abordar o control de determinadas enfermidades animais que habitualmente non son obxectivo de programas nacionais, salvo no caso da rinotraqueite bovina infecciosa (IBR), na que o Estado estableceu un programa nacional voluntario en setembro 2019.

Os gastos obxecto de subvención serán os derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios ou da remuneración do persoal veterinario responsable das agrupacións para a realización dos distintos programas. Así mesmo, financiaranse os gastos derivados da compra de material fungible como luvas e calzas, así como tubos de extracción de sangue e agullas.

Poderán optar a estas subvencións as entidades asociativas agrarias que estean inscritas no rexistro oficial de ADSG, quedando excluídas as formadas exclusivamente por cebaderos de gando vacún. Tamén deberán estar integradas por explotacións de produtores gandeiros en activo que teñan a condición de pequenas ou medianas empresas, ademais de estar ao día das obrigacións tributarias e da Seguridade Social.

A presentación de solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo establecido para facelo será dun mes, contado a partir deste xoves.

Animal comendo.
Animal comendo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta