Guadi Galego recibe o 'Premio á Promoción da Realidade Multilingüe do Estado'

O galardón está promovido polos gobernos de Euskadi, Navarra, Galicia, Cataluña, Valencia e Illas Baleares.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/01/2020 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

A cantante e compositora galega Guadi Galego recibirá o 20 de febreiro en Madrid e da man dos gobernos de Euskadi, Navarra, Galicia, Cataluña, Valencia e Illas Baleares, o 'Premio á Promoción da Realidade Multilingüe do Estado Español', que lle foi concedido polo seu último traballo discográfico multilingüe, titulado 'Inmersión'.

Este galardón, instaurado en 2008 con motivo do 'Ano Internacional das Linguas' promovido pola Unesco, recoñece o labor realizado por persoas, entidades ou empresas no ámbito da defensa e a promoción da diversidade lingüística de España, así como a contribución á difusión das linguas oficiais no Estado, ademais do castelán, segundo lembrou o Goberno Vasco nun comunicado.

Concedido nas súas edicións anteriores a empresas como Microsoft ou Eroski, esta é a primeira ocasión na que os gobernos que organizan o premio deciden outorgarllo a unha persoa particular, neste caso, a Guadi Galego, unha artista con "proxección e recoñecido prestixio" no ámbito musical de Galicia, destacaron.

O álbum 'Inmersión' está integrado por músicas cantadas en sete linguas da Península Ibérica (eúscaro, galego, catalán e castelán, así como portugués, aranés e asturiano), e conta con colaboracións de artistas de diferentes comunidades autónomas.

No acto de entrega deste recoñecemento, que se celebrará o 20 de febreiro no Círculo de Belas Artes de Madrid, participarán responsables institucionais do seis gobernos autonómicos, Euskadi, Navarra, Galicia, Cataluña, Valencia e Illas Baleares, que promoven este galardón.

CONCERTO

Despois do acto de entrega, ese mesmo día, coincidindo coa véspera do 'Día Internacional da Lingua Materna' impulsado pola Unesco, os seis gobernos autonómicos organizaron un concerto da artista nos Cinemas Callao.

No acto participarán, entre outros colaboradores do disco 'Inmersión', o artista vasco Mikel Urdangarin, as catalás Alidé Sans e Clara Peya, e a cordobesa Vega. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento, aínda que é imprescindible a confirmación e retirada previa de invitacións.

A cantante e compositora Guadi Galego recibe o 'Premio á Promoción da Realidade Multilingüe do Estado'.. IREKIA
A cantante e compositora Guadi Galego recibe o 'Premio á Promoción da Realidade Multilingüe do Estado'.. IREKIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta