Universidades e centros de investigación galegos e portugueses únense no Laboratorio Transfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña

Os organismos porán en común as súas instalacións en busca da excelencia e a internacionalización.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 04/02/2020 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

As universidades galegas, en colaboración con universidades do Norte de Portugal, e con organismos de investigación como o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigacións Mariñas ou o Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental porán en marcha, no marco do proxecto BlueBioLab, o Laboratorio Transfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña, un laboratorio en rede que pon en común as instalacións de todos estes organismos.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa; e o director do Campus do Mar, Daniel Rey; na presentación do Laboratorio Transfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa; e o director do Campus do Mar, Daniel Rey; na presentación do Laboratorio Transfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña | Fonte: Europa Press

A iniciativa, cun orzamento de algo máis dun millón de euros e financiada case na súa totalidade con fondos FEDER (do programa POCTEP 2014-2020), foi presentada este martes na Universidade de Vigo, que lidera o proxecto desde o Campus do Mar, nun acto que contou coa presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do reitor, Manuel Reigosa.

O reitor da institución académica viguesa sinalou que este proxecto é un paso máis na cooperación e o "traballo en rede" que esta universidade está a desenvolver desde hai anos con universidades e centros de investigación do Norte de Portugal, e subliñou que esa colaboración permite ás institucións ser "máis fortes e competitivas", e levar a cabo iniciativas que "traen riqueza ao territorio".

Manuel Reigosa apuntou que BlueBioLab ten cinco obxectivos fundamentais: crear un laboratorio de excelencia en biotecnoloxía mariña; impulsar a capacidade de desenvolver esa excelencia en I+D+i; fomentar a internacionalización; optimizar o uso de infraestruturas de investigación e conseguir resultados no marco das estratexias RIS3, RIS3T e Blue Growth.

"UNHA HISTORIA DE ÉXITO"

Pola súa banda, o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, fixo fincapé nos numerosos proxectos conxuntos desenvolvidos por institucións de ambos os lados da fronteira, e lembrou que, no último programa económico da UE, os fondos POCTEP serviron para mobilizar 130 millóns de euros nuns 80 proxectos na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o que cualificou como "unha historia de éxito".

A ese respecto, sinalou que a cooperación no campo do coñecemento é "potente" nesta área transfronteiriza, e resaltou a importancia de optimizar recursos, potenciar a excelencia e presentar "bos proxectos" para conseguir fondos da UE.

Segundo incidiu, o financiamento europeo nos próximos anos "vai ir máis por proxectos de I+D+i e non tanto por infraestruturas e ladrillo", e celebrou que a eurorrexión ten "ferramentas moi potentes para aproveitar" esa oportunidade de obter axudas da UE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta