O PP galego insiste en rexeitar unha lei de eutanasia en Galicia

Escúdanse en que o texto rexistrado no Congreso é unha "copia" do presentado por Podemos en 2017.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2020 | Actualizada ás 20:13

Comparte esta noticia

O PSdeG pediu "lealdade e colaboración" á Xunta para aplicar a futura Lei de eutanasia de Galicia a través dunha moción que foi rexeitada polo PPdeG, que avisa de que "nin" os socialistas galegos saben o que se "vai a aprobar" e que o texto rexistrado no Congreso é unha "copia" do presentado por Podemos en 2017.

Ramón Sampedro
Ramón Sampedro | Fonte: TVE.

Os grupos da oposición e o Partido Popular volveron escenificar este martes as súas diferenzas sobre a eutanasia no debate dunha moción defendida pola deputada do PSdeG Patricia Vilán quen instou á Administración galega a habilitar os medios necesarios para que, unha vez que se aprobe a futura norma, se poida facer compatible en Galicia "o dereito á eutanasia e o dereito á obxección de conciencia".

"O que queremos é que cando sexa legal o dereito á eutanasia en España, este Goberno —en referencia á Xunta— sexa leal e colabore activamente para a aplicación desa lei na nosa comunidade autónoma", manifestou Patricia Vilán, que tamén reclamou ao PP situarse a favor de considerar "lexítimo" este debate. "Queremos que sexan leais cun debate que está na rúa", sostivo.

Aínda que todos os grupos da oposición se mostraron partidarios de legalizar este dereito, o BNG optou pola abstención ao considerar que se debe esperar a ver "como queda a lei" en lugar de "facer un exercicio de fe cega", tal e como sinalou a deputada nacionalista Montse Prado.

Con todo, a parlamentaria do Bloque, que recoñeceu os "avances" que supuxo a norma aprobada en 2015 en Galicia, considerou necesario "avanzar" neste asunto para "non penalizar as persoas que non teñen unha solución máis que deixar de vivir".

Pola súa banda, si apoiaron a medida tanto o Grupo Común da Esquerda, cuxa deputada Eva Solla subliñou que un "80%" da sociedade está a favor de regular este dereito, como o En Marea, cuxo portavoz Luís Villares advertiu aos populares de que "perderon o debate" na sociedade sobre esta cuestión.

En fronte, a deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez Barreira asegurou que o PP entende que debe "dar solucións a aquelas persoas que non queren vivir" pero subliñou que tamén hai que "dar garantías a aquelas persoas que non queren morrer".

Rodríguez defendeu a Lei galega de dereitos e garantías de dignidade das persoas enfermas terminais, que "ofrece solucións aos pacientes terminais e ás súas familias no proceso final da vida, porque ningunha persoa debe sufrir ou padecer no momento de morrer".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta