Acusan de ineficacia ao Concello de Ordes por non actuar contra a avespa velutina

O colectivo veciñal Salvemos a Comarca de Ordes, estima que sería lamentable que ocorrese un incidente grave coas vespas asiáticas para que as administracións actuasen.

Por Galicia Confidencial | Ordes | 06/02/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A acusación de “completa inutilidade” do Concello de Ordes para abordar o problema da vespa velutina, baséase en que se retiraron “cero niños” de avespa velutina entre os anos 2019 e 2018. Tamén Salvemos a Comarca de Ordes denuncia que o desleixo fronte o insecto invasor procede tanto das administracións local como autonómica. Reclaman que “a administración municipal se poña a traballar para abandonar o grupo de localidades galegas que non fan absolutamente nada para poñerlle fin a esta praga”.

Avespa velutina ataca unha abella
Avespa velutina ataca unha abella | Fonte: Danel Solabarrieta en Flickr.

A plataforma comarcal sinala tamén que no Concello de Ordes “o combate á velutina reduciuse polo momento a unha sesión formativa en 2016, á entrega en 2017 dunha pértega e dous traxes ao Concello de parte da directora xeral de Gandeiría, Agricultura e Industria Agroalimentarias”.  Xunto a isto, a outra aportación que sinalan desde o executivo autonómico foi “un post no Facebook do Concello cun croquis da Xunta de Galicia para a elaboración de trampas caseiras”.

Consideran que todas estas medidas non son serias mentres apremian ao Goberno municipal para que inicie traballos de retirada de niños. En Galicia hai modelos municipais de éxito na loita contra a velutina, sinalan desde Salvemos a Comarca de Ordes “como en Carballo, onde contrataron directamente unha empresa q ue retirou case 800 niños no pasado ano, ou no Valadouro, onde reduciron a praga nun 83% cun plan municipal de contención”.

A plataforma de veciños e veciñas da Comarca de Ordes, salienta que tanto os concellos de Tordoia e Ordes non retiraron ningún niño de velutina entre 2018 e 2019. Lembran que a vespa asiática tamén causou mortes en Galicia e a “Axencia Galega de Emerxencia recomenda non achegarse a menos de cinco metros dos niños”. Sinalan tamén que é moi difícil que a veciñanza “poida desfacerse deles cando aparecen cerca das súas casas e chaman á Administración”. Ademais, engaden, “a velutina é especialmente agresiva coas abellas, animais importantes non só pola súa produción económica directa (mel), tamén como polinizadoras imprescindibles”.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta