Comeza o Entroido dos Xenerais da Ulla, unha festa que pervive e lle dá vida ao rural

Esta cita, que se estende polas provincias da Coruña e Pontevedra, arrincará o sábado e non rematará ata o proximo 5 de marzo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/02/2020 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O 'entroido' dos Xenerais da Ulla, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia desde 2013, arrincará este sábado, 8 de setembro, e, ata o próximo 5 de marzo, realizará 24 'atranques' noutros tantos lugares pertencentes a oito concellos da contorna do Ulla, que abarcan tanto a provincia da Coruña como a de Pontevedra.

O compostelán Pazo de Raxoi acolleu este xoves a presentación desta festa, organizada por distintas asociacións de veciños e comisións e na que participan os municipios da Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

A apertura do 'entroido' será este sábado, oito de febreiro, con dous atranques que terán lugar en Vilanova e O Castiñeiriño. O punto final da celebración, o cinco de marzo, será un atranque en Fonte Díaz, no Concello de Touro. Polo medio, serán 24 as saídas que realizarán os 'xenerais', un mes de entroido que o converte en "o máis longo de Galicia".

Ademais da promoción conxunta que realizan os concellos desta celebración, este ano porase en marcha un concurso de fotografía dixital, que premiará as instantáneas que mellor reflictan a ideosincrasia desta celebración tradicional e os seus elementos singulares.

Para promover a revitalización deste entroido tradicional, o Concello de Vedra puxo ademais en funcionamento este ano unha escola infantil de Xenerais da Ulla, na que participan nenos de entre nove e 16 anos.

O Entroido dos Xenerais da Ulla ten as súas orixes na metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución de 1846 ou as guerras carlistas.

Os personaxes máis importantes desta celebración son os 'xenerais' e 'correos' a cabalo, que percorren as parroquias dando 'vivas' aos veciños, acompañados dun 'exército' de abanderados, coros e comparsas. Conclúen a súa visita escenificando o 'atranque' ou 'alto', enfrontamento dialéctico por parellas no que fan burla ou sátira de asuntos locais ou de actualidade.

APOIO Á TRADICIÓN RURAL

Durante a presentación da edición 2020 do Entroido dos Xenerais da Ulla, o concelleiro da Estrada Juan Constenla puxo en valor a importancia de apoiar e fomentar este tipo de celebracións patrimoniais e destacou o carácter "singular" deste entroido que, ademais, é "eminentemente rural".

Na mesma liña, o presidente da Asociación de Xenerais da Comarca de Santiago, Suso Cedeiro, eloxiou o traballo que se realiza desde 2011 para a recuperación desta celebración e animou a continualo para que "siga tendo máis forza".

Cedeiro lembrou que este 'entroido' é algo que "realmente se vive" nas parroquias e confiou en que, nun futuro, poida ser declarado festa de interese turístico nacional.

Presentación do Entroido dos Xenerais da Ulla.
Presentación do Entroido dos Xenerais da Ulla. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta