Acusan á Xunta de mentir á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a situación das minas de San Finx

O colectivo ContraMINAcción apunta ao Director Xeral de Minas, Bernardo Tahoces, de tentar ocultar a contaminación por metais pesados nas balsas da antiga explotación mineira.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/02/2020 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

ContraMINAcción declara ter os informes sobre as presas con residuos mineiros de San Finx. O colectivo tamén sinala que a Dirección Xeral de Minas “pretendía facer pasar por embalses hidroeléctricos” os depósitos con materiais procedentes da actividade mineira en dita zona. A isto súmanlle a petición de retractación de colexios profesionais de xeólogos, químicos e enxeñeiros de minas que apoiaran os informes do catedrático da Facultade de Bioloxía da USC, Felipe Macías, encargado de informes sobre explotacións mineiras.

Muro contención balsa San Finx
Muro contención balsa San Finx | Fonte: Contraminacción

“A Xunta leva desde 2017 mentindo aos organismos internacionais que investigan a situación das minas de San Finx, en Lousame” din desde o colectivo ambientalista. Concretamente, de ter enviado “informes repletos de afirmacións falsas” á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONU. As acusacións máis directas van contra a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, “imputado precisamente por ter permitido a posta en marcha da mina San Finx en 2009”.

ContraMINAcción asegura que todo isto queda evidenciado con novos informes realizados por Augas de Galicia. Eses documentos, segundo o colectivo, confirman o carácter mineiro das presas de residuos, ademais do problema de contaminación continuada. O documento mencionado saíu en febreiro de 2019. Nel  Augas de Galicia indica que se pode “concluír que a xestión, explotación e mantemento das dúas presas era realizada pola empresa mineira” e que “o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga”.

A conclusión que saca o colectivo ambientalista, é que Augas de Galicia indica que a seguridade das presas “depende dos órganos competentes en materia de minas que, non obstante, levan tentando ocultar a súa existencia desde 2009”. Ese ano as presas quedaron fóra dos proxectos de restauración e explotación. Augas de Galicia conclúe que “sempre previa retirada dos áridos almacenados no vaso, debería considerarse a demolición, restaurando o DPH ao seu estado orixinal e proceder a restauración ambiental da zona afectada”.

Por último, ContraMINAcción sinala que os informes de Augas de Galicia e agora feitos públicos  poñen en dúbida os traballos do catedrático da USC, Felipe Macías, a quen sinalan de asinar infromes “para favorecer proxectos mineiros como os de San Finx ou Touro”. Acusan aos traballos de Felipe Macías de conxecturar “sen base científica algunha a existencia dun fondo natural de metais que impediría cumprir cos niveis legais de substancias perigosas prioritarias”.



Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 miñoca

Angel Bernardo Tahoces e Felipe Macías( Sopranos). Sabedes ¿cándo declara en Noia?