As mulleres toman o poder na educación

Máis da metade do alumnado premiado en bacharelato e FP cos mellores expedientes académicos son mulleres.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2020 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

Un total de 40 alumnos galegos, 24 deles mulleres, de bacharelato e de Grao Superior de Formación Profesional, foron premiados este venres en Santiago cos galardóns extraordinarios que outorga a Xunta aos mellores expedientes académicos polo pasado curso 2018-2019.

En concreto, 13 alumnas e sete alumnos de bacharelato de diferentes institutos galegos, con medias iguais ou superiores aos 8,75 puntos, foron premiados tras pasar unha proba específica. No caso dos ciclos de Grao Superior de FP, os galardoados foron un total de 11 mozas e nove mozos, todos cunha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior aos 8,5 puntos.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, que presidiu o acto, indicou que estes premios serven para "reforzar o esforzo, a implicación e a persistencia" e valorou a presenza maioritaria de mulleres premiadas, que espera "non acabe incrementando a brecha de xénero".

Ademais dun diploma acreditativo, os estudantes galardoados de bacharelato recibiron un premio económico de 1.000 euros, mentres que aos alumnos de Grao Superior de FP outorgóuselles un total de 850 euros e o dereito a concorrer aos premios nacionais de formación profesional.

Entrega dos premios extraordinarios a estudantes de bacharelato e Grao Superior de Formación Profesional presidida pola conselleira de Educación, Carmen Pomar, este venres en Santiago
Entrega dos premios extraordinarios a estudantes de bacharelato e Grao Superior de Formación Profesional presidida pola conselleira de Educación, Carmen Pomar, este venres en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta