Ames incorpórase ao sistema de loita contra a violencia de xénero Viogén

Autorizouse tamén a creación da Mesa Local de Coordinación Policial na que estarán presentes a Policía Local e a Garda Civil, ademais da Policía Nacional Adscrita, e que terá a finalidade principal de axuntar esforzos na loita contra a violencia machista.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2020 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

O Concello de Ames e a Subdelegación do Goberno da Coruña ratificaron a incorporación da Policía Local deste municipio ao sistema Viogen de loita contra a violencia de xénero, tal e como acordou a Xunta Local de Seguridade, reunida baixo a presidencia da subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, e do alcalde de Ames, José Miñones.

Así, neste encontro aprobouse o protocolo de convenio que será asinado polo Concello co Ministerio de Interior para regular a presenza da Policía Local no sistema Viogen. Este protocolo será remitido ao Goberno central para a súa validación previa á firma que fará efectiva a participación de Ames neste operativo.

O sistema Viogen permitirá á Policía Local dispor de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista no municipio, de tal maneira que os propios policías locais pasan a asumir o seguimento e control dalgúns destes casos, xeralmente daqueles que sexan considerados de nivel de risco baixo, mentres que a Garda Civil, ou no seu caso a Policía Nacional, se encargan do seguimento dos casos máis graves.

Nesta mesma reunión autorizouse tamén a creación da Mesa Local de Coordinación Policial na que estarán presentes a Policía Local e a Garda Civil, ademais da Policía Nacional Adscrita, e que terá a finalidade principal de axuntar esforzos na loita contra a violencia machista.

Por outra banda, os representantes das Forzas de Seguridade do Estado informaron da evolución estatística relativa á seguridade cidadá no municipio, que mantén un índice de criminalidade de 21 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, moi inferior ao provincial, cifrado en 31,5 delitos por cada 1.000 habitantes; e ao galego, que está situado en 28,9.

O pasado ano produciuse un descenso de máis de cinco puntos nesta porcentaxe, que no 2018 estaba establecido en 26,7 infraccións penais por cada 1.000 habitantes.

Neste sentido, diminuíron os delitos graves e menos graves case un 18%, os delitos leves baixaron o 25% e as infraccións penais tamén se reduciron en máis do 21%; mentres que os índices de casos esclarecidos incrementáronse de maneira importante, chegando a porcentaxes de máis do 25%.

Mural realizado polas internas da prisión da Lama contra a violencia de xénero.. INSTITUCIÓNS PENAIS
Mural realizado polas internas da prisión da Lama contra a violencia de xénero.. INSTITUCIÓNS PENAIS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta