A Valedora do Pobo insta a cumprir os compromisos de igualdade salarial da Axenda 2030

As mulleres europeas cobran unha media dun 15 por cento menos que os seus compañeiros, polo que terían que traballar 418 días para igualar o soldo que os homes reciben nos 365 días dun ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2020 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

A Valedora do Pobo de Galicia emitiu unha declaración institucional con motivo da conmemoración do Día Europeo da Igualdade Salarial este 22 de febreiro, para lembrar os compromisos para lograr a equiparación das retribucións de homes e mulleres marcados nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas, a chamada Axenda 2030.

"Lograr o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas as mulleres e homes, incluídos a xente nova e as persoas con discapacidade, así como a igualdade de remuneración por traballo de igual valor", lembra a institución. Así mesmo, a igualdade salarial por traballo de igual valor é obxecto do Convenio 100 da OIT.

A Valedora instou a analizar as causas da desigualdade e os prexuízos que o sustentan, reforzar a transparencia das retribucións no emprego público e no sector privado, fomentar a igualdade na negociación colectiva e crear alianzas entre as institucións públicas e privadas e os axentes sociais, para así avanzar nestes obxectivos.

Neste sentido, trasladou o seu "compromiso para a consecución das metas de desenvolvemento sustentable" marcadas polas Nacións Unidas e da igualdade de xénero fixada pola Unión Europea.

O 22 de febreiro, Día Europeo da Igualdade Salarial, é unha data instaurada en 2008 polo Parlamento Europeo para lembrar que as mulleres europeas cobran unha media dun 15 por cento menos que os seus compañeiros, polo que terían que traballar 418 días para igualar o soldo que os homes reciben nos 365 días dun ano.

Imaxe representativa da fenda salarial entre homes e mulleres
Imaxe representativa da fenda salarial entre homes e mulleres

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta