Jácome cambiará os "bolardos asasinos" por vixilancia policial e cámaras

O alcalde de Ourense anuncia a "próxima" licitación dos servizos estándar de regulación semáforica e de 'smart city'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2020 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou que suprimirá o "monstruoso" sistema de "bolardos asasinos" para o control de acceso de vehículos ao centro histórico e que o substituirá por vixilancia policial e, nun prazo de "tres ou catro meses", instalaranse cámaras.

Así o manifestou este xoves durante a rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local, que tamén contou coa presenza do seu concelleiro e portavoz, Miguel Caride. Jácome sostivo que o sistema de bolardos é "totalmente intolerable" pola súa "agresividade cos vehículos e cos viandantes". A este respecto, dixo que, desde a súa implantación, "os bolardos asasinos esnaquizaron 1.500 coches".

O rexedor sostivo que a instauración desta medida non se puido levar a cabo antes pola "falta de efectivos de Policía Local", pero agora que se incorporaron novos axentes ao corpo "en todo momento haberá presenza policial no Centro histórico".

A pesar de que as cámaras de vídeo non serán unha realidade ata dentro de "3 ou 4 meses", Jácome mostrouse "despreocupado" e sinalou que "iso agora é o de menos" porque "aos condutores que teñan acceso ao Centro histórico sen autorización empezaráselles a advertir ou a multar".

En palabras do rexedor ourensán, "un condutor queda igual de escaldado cunha multa forte que se os bolardos asasinos lle esnaquizan o coche". Con este argumento, o alcalde sostivo que "a eliminación deste sistema terceiromundista non producirá ningún caos no Centro histórico".

COLECTORES SOTERRADOS

Por outra banda, o alcalde falou da reposición dos colectores soterrados e explicou que, dos 60 illotes existentes, 15 deberán ser repensados para adaptarse á nova normativa de quinta fracción.

"Falta matizar que se fai cos 15 puntos que só teñen espazo para tres colectores soterrados", explicou o alcalde. Como alternativas propuxo "a posibilidade de introducir os de superficie nestes illotes" ou, por exemplo, no caso de rúa Concordia "meter unha árbore que humanice moitísimo a zona".

Neste punto tamén criticou a mala localización dos colectores soterrados. "Quen foi o curto que tivo a idea de pór uns colectores soterrados mesturados cos de superficie?", manifestou, para cuestionar "as melloras estéticas".

REGULACIÓN SEMAFÓRICA

Así mesmo, na rolda de prensa Gonzalo Pérez Jácome tamén anunciou a próxima licitación dos servizos de regulación semafórica estándar e de 'smart city'.

No caso do servizo estándar, o rexedor explicou que "permitirá abaratar o prezo e pagar as facturas en tempo". Mentres que no apartado de 'smart city' si falou de "grandes cambios" coa súa implantación, como o feito de que "os autobuses poderán controlar os semáforos para chegar a tempo ás paradas".

CENTRO DE INTELIXENCIA ARTIFICIAL

Por outra banda, anunciou que levará ao próximo pleno do Concello de Ourense, previsto para o día 6 de marzo, a proposta do soldo do director do Centro de Intelixencia Artificial que "virará ao redor dos 62.000 euros, un 10% menos que o do alcalde".

Neste sentido, sinalou que os requisitos para o acceder ao posto serán "valorados en función dos CV e os méritos no ámbito científico dos solicitantes". Tamén avanzou que a súa persoa preferida para o posto é David Olivieri, co que xa mantivo contactos, pero que "se decidirá en base ao potencial dos candidatos".

Rolda de prensa do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
Rolda de prensa do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta