Trail running, un deporte ou unha moda de risco?

A moda dos deportes de risco atrae entre outros, a persoas que non miden todas as variables que puideran afectarlles durante unha competición. O trail running, un deporte moi agradecido física e psicoloxicamente, debe practicarse logo de períodos longos de adestramento. Esta proba de resistencia, de non ir en condicións, pode resultar contraproducente.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 29/02/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A práctica de deportes de alto rendemento, ou de máxima esixencia, está de moda. Desde trail running (correr polo monte), circuítos de bicicleta en montaña ou bosque, escalada, surf, etc. Mesmo hai quen se atreve a facer as mesmas probas de resistencia física de forzas especiaias, as mesmas que os militares tardan anos en preparar. Resistencia, forza física e psicolóxica son elementos necesarios para afrontar retos como os mencionados. E con todo, vale calquera para facer este tipo de deportes? Que quere demostrar quen practica estas disciplinas?

Participantes na Camovi
Participantes na Camovi | Fonte: Xornal da Mariña

VALE CALQUERA?

Hoxe en día existen moitas disciplinas deportivas que hai só uns anos eran cas un couto pechado para a maioría de persoas. As competicións ciclistas, carreiras, medias maratóns etc., teñen unha boa prédica entre o público. Comercialmente existe todo un mundo de produtos para equiparse, desde prezos asequibles aos de alta gama. Mais ás veces cabe pensar se a verdadeira máquina, nós, as persoas, estamos preparadas para afrontar un adestramento e unhas probas semellantes.

Hai dez anos a febre do running fixo que moita xente se lanzase á rúa para practicar un deporte en principio doado, barato e que se podía practicar en calquera parte da cidade, vila ou campo. Co tempo comezaron a aparecer grupos máis especializados que pasaron a participar en carreiras monte a través ou trail running.

Pedro Esmorís, director técnico da Camovi de Viveiro, comenta que os organizadores desta competición xa tiñan relación coa práctica deportiva, sobre todo con actividades de aventura, carreiras de orientación ou trail aventura. “Queriamos enlazar mediante pistas forestais e congostras os picos máis altos arredor de Viveiro. Co tempo fomos ampliando as probas e buscando percorridos ata que chegamos aos 42 quilómetros”. Tamén teñen distancias de 21 quilómetros e outra de dez.

Cando lle preguntamos sobre se a esta proba cre que vai xente sen estar abondo preparada, Esmorís responde que “si, cada vez vén máis xente porque o trail running está de moda, hai anos eran as medias maratóns de asfalto e para esas probas fai falta preparación”. Esmorís cre que a Camovi ofrece suficiente espazo para persoas en diversa forma. “Non buscamos que todo o mundo participe na maratón, para iso temos varias distancias e modalides”. A proba estrela é a media maratón, 21 quilómetros.

A mesma cuestión se lle presenta a Manuel Giráldez médico do deporte e profesor titular do Departamento de Educación Física e  Deportiva da UDC. “Que a xente faga deporte é o mellor que pode facer, non quero desanimar a ninguén, tamén é certo que se debe ter en conta o deporte que se escolle e como se fai”. Por iso estima que lanzarse a unha competición como é o trail running practicamente sen ter adestrado o tempo recomendable pode ser problemático.

RISCOS

O risco no deporte está marcado por dúas variables, tempo e esforzo. A combinación das dúas pode ser unha complicación para as persoas sen adestrar debidamente. “Facer esforzos prolongados no tempo non é saudable, entre facer deporte e facer deporte a unhas intensidades elevadas hai unha grande diferenza” sinala Giráldez. O trail running tamén ten outra variable que é a altitude, cambios de subas e baixadas que aumentan a intensidade e o esforzo.

Non recomendo a ninguén facer unha maratón sen facer mediomaratóns, por exemplo” di Pedro Esmorís. Este preparador físico apunta o que case é un tópico, a xente ten que estar preparada para as competicións, coñecer os seus límites e ser previsor. El mesmo sinala que “ao final a carreira ponte no teu sitio”. Porque un factor que se esquece é a parte psicolóxica. O esgotamento mental pode reducir a capacidade de rendemento dun competidor ou competidora. “Todo o mundo ten unhas condicións, tes un obxectivo e un nivel que queres chegar, e para iso a cabeza tamén se pode adestrar”.

Desde logo que figuras como Kilian Jornet están creando unha marea ou moda de persoas que buscan cumprir os mesmos obxectivos ca el. “Jornet é unha persoa que naceu cunhas condicións físicas determinadas e mentres era neno corría polo montes cando a maioría estaban xogando no parque” di Esmorís. “Eu digo que non todos podemos facer o que fai el, por iso hai que ser consciente do que se fai”. O doutor Giráldez tamén di que en deporte “tes que compararte contigo mesmo, non con outra persoa porque non son iguais”.

SEGURIDADE E MOTIVACIÓN

No caso de accidente ou dunha emerxencia, existen seguros que cubran por exemplo unha anxina de peito? “Nós estamos baixo o paraugas da Federación Española de Montaña, e non obriga a que os e as participantes presenten certificados médicos” di Pedro Esmorís. “Mais á hora de facer a inscripción, quen participa asina un documento onde recoñecen que saben ao que se expoñen e hai esixencias moi altas de resistencia e esixencia”.

Por que se participa nunha carreira de trail aínda sendo conscientes dos riscos? “Depende dos retos de cada un” di Manuel Giráldez. “Moito corredor novel cando ve que mellora vai buscando metas máis difíciles, é unha superación persoal”. Estas ambicións poden ser positivas para que a xente adestre. Estes retos “levados a límites moi elevados poden ser arriscados, aínda así, eu véxoo como unha cuestión de superación persoal e ao mellor, por unha cuestión de moda”.

O trail running esixe unha disciplina de adestramento a longo prazo. O máis recomendable é o xa máis que dito comezar  pouco a pouco. Mesmo ir a un médico especialista en deporte para ver se as nosa condición física presenta fallas que non coñeciamos. A súa práctica non pode ser unha simple imitación do que fai aquel ou aquela deportista, por iso o risco de seguilo como unha moda. Como di o doutor Giráldez “compararse con un mesmo, non con outra persoa” para esixirse máis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta