Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2020 | Actualizada ás 14:00
"Cada persoa que entra pola porta pide máscaras". O coronavirus aínda non chegou a Galicia pero os seus efectos xa hai varios días que se senten entre a poboación. As farmacias levan dúas semanas desabastecidas de máscaras e o xel hixienizante vai polo mesmo camiño. Mais, realmente está xustificada esta alarma social? É efectivo e é necesario camiñar pola rúa protexido coa máscara?
Os relatos das farmacéuticas coinciden: o que estamos vivindo trátase máis dunha alarma social ca dun perigo real. "Dende que apareceron os casos de Italia, a xente veo moi cerca, pero a alarma que se xera non está xustificada. A xente está obsesionada", comenta Teresa Alonso, da Farmacia Reviejo na Coruña. Segundo di, nestes días pasan pola farmacia decenas de persoas buscando máscaras, que levan semanas esgotadas en todo o Estado.
A estampa repítese no resto de establecementos. "Xa non temos ningunha e están imposibles de conseguir, e co líquido hixienizante acabaron este martes", conta agora Javier Rodríguez, da Farmacia Vite, en Compostela. Concretamente nesta semana foi cando se fixo notar máis o balbordo nas farmacias: "o luns comezou un pouco de histeria colectiva", relata Luísa, da Farmacia San Roque. Esta farmacéutica, que coincide no relato co resto de entrevistados, asegura que a xente non demanda información de profesionais. "Vén a tiro fixo a por máscaras, e Google fai moito dano...", advirte.
A Teresa, dunha parafarmacia de Compostela, o das máscaras parécelle o menos efectivo. Concorda Teresa Alonso dende A Coruña: "Podería axudarlle á xente inmunodeprimida, con enfermidades que teñen que ver co sistema inmune, pero se non, é unha tontería". Javier Rodríguez tampouco lle ve sentido a este tipo de protección mais si pon o foco na hixiene das mans, "non só agora, senón para todo, é importante". Pola súa banda, dende a OMS levan repetindo estes días que o emprego das máscaras só é útil para as persoas contaxiadas.
Ante o nerviosismo que se expande moito máis rápido ca calquera virus, as farmacéuticas apelan a se informar por canles oficiais e non deixarse levar polo alarmismo. Unha boa hixiene, un tino especial cando haxa persoas con gripe ao noso redor, e chamar ao noso médico de cabeceira se temos síntomas son as principais recomendacións que pon sobre da mesa a farmacéutica Laura de Soto, doutro establecemento compostelán. "Hai que ter precaución, pero coma con todo. Á fin, é unha gripe, pero nada máis", tranquiliza Javier Fernández.
PACIENTES ONCOLÓXICOS
Tal é a demanda que en moitas farmacias quedaron sen existencias, como acontece no Sur de Pontevedra. Unha situación que está poñendo en risco a saúde de pacientes con problemas oncolóxicos que si as precisan.
UNHA NOVA GRIPE
O coronavirus continúa a propagarse polo mundo. Fóra dos tres focos principais - China, Irán e Italia -, outros estados europeos comezan a contabilizar novos casos. Entre eles, España, que polo de agora rexistra sete casos confirmados, todos eles relacionados dalgunha maneira co país italiano.
A taxa de mortaldade deste virus é máis baixa que a da gripe común, en torno ao 2%. Ademais, as persoas que resultaron falecidas ata o momento sufrían patoloxías previas, de maneira que esta gripe lles supuxo unha complicación respecto da enfermidade que xa viñan padecendo. Trátase, repiten os expertos, dunha nova gripe, para a que polo de agora non se atopou vacina, e que afecta sobre todo a persoas con defensas baixas e saúde precaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.