Por E.P. | A CORUÑA | 26/02/2020 | Actualizada ás 17:19
O consello de administración da Autoridade Portuaria da Coruña aprobou este mércores as novas concesións que solicitaron Terminales Marítimos de Galicia (TMGA) e Oleosilos de Galicia no porto exterior, que supoñen a ampliación das súas instalacións iniciais no recinto, segundo informa.
Tamén se deu luz verde á continuidade do centro loxístico do Corte Inglés no porto interior, desde o que se distribúe peixe fresco e marisco ás grandes superficies da cadea española.
Terminales Marítimos de Galicia construirá en Punta Langosteira dúas novas naves e un viario auxiliar, nunha superficie de 12.884 metros cadrados, cun investimento de 4,28 millóns de euros.
A empresa conta con dúas concesións, que suman 30.000 metros cadrados, para o movemento de graneis sólidos e mercadoría xeral, polo que a partir de agora pasará a dispor de 43.000 metros cadrados para as súas operacións de carga, descarga e almacenaxe.
GRANEIS LÍQUIDOS
Pola súa banda, Oleosilos construirá unha terminal de graneis líquidos cunha capacidade de 13.860 metros cúbicos de almacenamento, tras solicitar unha ampliación sobre o seu proxecto inicial, que era de 6.860 metros cúbicos.
O investimento ascende a 4,3 millóns de euros fronte aos 1,4 millóns da súa primeira solicitude, "é dicir, increméntase en 2,9 millóns de euros, que supón un aumento dun 307%", explica o organismo portuario.
"Con esta ampliación, Oleosilos de Galicia engadirá unha liña de importación de aceites, que se suma á liña de melazas coa que xa viña traballando no porto interior", engade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.