As platafomas contrarias á mina de Touro queren axudar a outras asociacións con problemáticas semellantes

A Plataforma Mina O Pino-Touro Non, celebrou o sábado 29 de febreiro unha reunión onde valoraron as accións levadas adiante estes dous últimos anos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/03/2020 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

A Casa da Cultura de Touro acolleu unha reunión de veciños e veciñas de Touro e O Pino, para avaliar as diferentes accións que realizaron a Plataforma contraria á reapertura da mina de Touro e outras entidades tamén opostas ás pretensións da compañía Cobre San Rafael. Xunto ás representantes da Plataforma estiveron presentes Serafín González, da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Xaquín Rubido da Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e Fins Eirexas, da asociación ecoloxista Adega.

Asemblea Mina O Pino-Touro Non
Asemblea Mina O Pino-Touro Non | Fonte: Plataforma Mina Non

Todos e todas presentaron foron describindo e analizando os diferentes pasos que se foron dando ata a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa á apertura da explotación. Entre outros, as xuntanzas, a preparación de alegacións ou a necesidade de mostrar “os enormes impactos do proxecto”. Tendo como punto culminante a manifestación do 10 de xuño de 2018 no Obradoiro compostelán.

Destacaron tamén o papel da muller nas loitas sociais deste tipo. A maioría das persoas que forman parte da Plataforma Mina O Pino-Touro Non son mulleres, punto que para a asociación reflicte “os tempos que nos toca vivir, da corresponsabilidade”.

Cuestionouse o marco lexislativo que criticaron como desregularizador feito “a medida para que estes megaproxectos non teñan atrancos durante a súa tramitación”. Aínda máis, recordaron que cando se iniciara a tramitación do proxecto da mina, a Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais (Lei Depredación) non estaba en vigor. Durante a xuntanza expresouse o temor a que nazan novas leis semellantes como a Lei de Avaliación Ambiental.

Sobre esta última, temen que este texto legal poda dificultar a defensa da veciñanza fronte a proxectos como o da mina, aos que acusan de non deixar riqueza no país, mais si pasivos ambientais para sempre, en referencia ás antigas instalacións da mina. Por iso reivindicaron outra vez a necesidade dun proxecto de restauración da mina vella, pois segue drenando augas contaminadas a toda a comarca e ao río Ulla.

Por último, a Plataforma Mina O Pino-Touro Non considera necesaria a interacción con outras plataformas “que loitan contra problemas medioambientais, ás veces semellantes ao noso, ás veces non”. Esta situación fai necesaria a colaboración entre asociacións ecoloxistas e plataformas veciñais para facer fronte a un problema concreto, cousa que fai necesaria a empatía entre as diferentes organizacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta