Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/07/2025 | Actualizada ás 22:00
Durante décadas, as profundidades do océano ocultaron unha realidade silenciada: o vertido de residuos radioactivos fronte ás costas. Galicia, cos seus miles de quilómetros de costa batida polo Atlántico, foi un dos escenarios máis simbólicos dunha práctica hoxe impensable. Aínda que as operacións cesaron hai máis de 30 anos, a historia segue latexando baixo a auga. A recente investigación aberta por oceanógrafos franceses sobre este tema devolveu ao primeiro plano esta vella cicatriz ecolóxica. Neste contexto, o testemuño de José Juste Ruiz, investigador e catedrático xubilado da Universidade de València, resulta imprescindible. Juste non só foi testemuño próximo deste episodios, senón tamén asesor do Goberno español en materia ambiental e de residuos radioactivos nos procesos que rodearon a elaboración, revisión e aplicación da Convención de Londres.
Máis concretamente, o Convenio de Londres, asinado en 1972 polos Estados que formaban parte da Organización Marítima Internacional (OMI), é o instrumento xurídico internacional que regula a vertedura voluntaria de desfeitos no mar coma un procedemento de xestión. É dicir, nada ten que ver coas verteduras accidentais derivadas de incidentes ou colisións de buques, senón coas verteduras que alguén decide facer de maneira legal para desfacerse dos residuos no mar. "Para que esas verteduras se levasen a cabo dunha maneira o máis regulada posible, dotándoas dun marco xeral claro e críble que permitise comezar a usar os mares como sistema de evacuación legal de certos desfeitos, asinouse o Convenio, e dende 1972, este é o réxime básico que se aplica a todas as operacións desta índole, aínda que con importantes modificacións posteriores", explica Juste. Antes da existencia deste acordo, non existía ninguna regulación internacional sobre estas verteduras, polo que non hai rexistros de cantos puideron terse botado ao mar.
O Convenio de Londres baséase nun sistema de listas ou semáforo. Hai substancias cuxa vertedura quedou prohibida dende 1972 totalmente, entre as que se atopaban as substancias radioactivas de alta actividade nuclear; substancias que se podían verter no mar cun permiso especial que había que solicitar para cada operación, entre as que figuraban os desfeitos radioactivos de media e baixa actividade nuclear --aquí encaixan os que se verteron fronte ás costas galegas, máis de 100.000 toneladas--; e substancias que si se podían verter ao mar porque se consideraban inocuas cos coñecementos científicos que había na época, para as que era suficiente con solicitar un permiso xeral, no que se especificaba que o Estado daba permiso á industria asentada no seu territorio que quería verter os seus redisuos no mar e, ata que este permiso se revocase, a empresa podía facelo sen ter que estar solicitando autorizacións para cada operación concreta.
"MÁIS DE 10 PAÍSES EUROPEOS MANDABAN OS SEUS DESFEITOS RADIOACTIVOS A REINO UNIDO E, DALÍ, UN BARCO PARTÍA PARA DESFACERSE DELES NA FOSA"
Arredor do ano 1982, unha década despois de que o Convenio de Londres fose asinado, comezaron a rexistrarse importantes incidentes na chamada fosa galega. Nesa década, como explica o catedrático, "fóronse realizando neste punto de maneira regular operacións de vertido de desfeitos radioactivos de media e baixa intensidade sen que ninguén puxese o grito no ceo". Como detalla, esta fosa está situada a máis de 4.000 metros de profundidade fóra das augas xurisdiccionais españolas, é dicir, en alta mar, polo que "nela moitos buques e Estados atoparon o lugar idóneo para facer as súas verteduras, porque era un punto fóra da xurisdicción de calquera país, aínda que o máis próximo era España e, sobre todo, Galicia". Ademais, "como a fosa era moi profunda e non gozaba de actividade pesqueira nin de liñas de navegación, os científicos determinaron que era un lugar axeitado para esas verteduras", resalta.
Foi así como, durante esa década que vai do 1972 ao 1982 houbo diversos países europeos, "máis de 10 países europeos --entre os que figuran Alemaña, Francia, Reino Unido, Suecia ou Alemaña, entre outros--", que "foron agrupando os seus desfeitos radioactivos de media e baixa actividade e mandándoos ao Reino Unido, dende onde logo se mandaban buques cargados con bidóns ata a fosa atlántica, onde se evacuaban", asegura o catedrático xubilado da Universidade de València. A acumulación destes residuos chegou a tal punto que en dez anos chegaron a depositarse case 100.000 toneladas de desfeitos radioactivos, evacuados en bidóns e posteriormente recubertos de cemento a 4.000 metros de profundidade. E todo isto transcorría alleo á opinión pública... Ata o ano de 1982, cando aconteceu algo que mudou a conciencia colectiva da época.
"TODO COMEZOU A MUDAR TRAS UN INTENTO DE GREENPEACE POR DETER UNHA VERTEDURA; A XENTE DEUSE CONTA DO QUE ESTABA OCORRENDO EN ALTA MAR"
As verteduras de residuos radioactivos no Atlántico comezaron a cuestionarse socialmente cando no ano 1982 os ecoloxistas de Greenpeace trataron de deter o lanzamento de bidóns radioactivos que un buque británico se dispoñía a facer na fosa galega. "Intentárono arduamente, pero non o conseguiron, porque dende o buque lanzáronlles auga a presión e mesmo provocaron que varias das súas lanchas volcaran", lembra o experto. Pero, máis aló do fracaso da operación para tratar de impedir esa vertedura puntual, os ecoloxistas conseguiron algo moito máis grande: o impacto do acontecido na opinión pública. "Ao día seguinte a prensa mundial abriu portadas cos incidentes que tiveran lugar en alta mar e, todo o mundo, especialmente os galegos, se deu conta ese día do que estaba acontecendo a quilómetros de distancia das súas costas, mar adentro", recorda o catedrático.
Juste lémbrao con claridade: "A xente empezouse a facer preguntas: que é iso? Por que se botan fronte a Galicia? Quen regula todas esas operacións?". "Organizáronse mobilizacións cidadás e accións de Greenpeace que favoreceron a toma de conciencia da sociedade sobre unha realidade que non podía seguir así", afirma. O catedrático explica que, ata entón, considerábase que o océano era un lugar seguro para desfacerse de residuos de baixa e media actividade radioactiva. "Aquilo facíase porque non había outra solución técnica nin loxística, e porque se supoñía que os bidóns quedarían ben confinados nas grandes profundidades oceánicas", apunta. Sen embargo, o impacto mediático daquelas imaxes de bidóns caendo ao mar, e a reacción da opinión pública, mudárono todo.
"A PRESIÓN SOCIAL FOI CLAVE PARA MUDAR A ACCIÓN POLÍTICA SOBRE ESTES RESIDUOS E DERIVOU NA EMENDA DE ESPAÑA Á CONVENCIÓN DE LONDRES"
Todo este escándalo mediático e a presión social levou a unha revisión da Convención de Londres. Revisión que non se explica só pola presión científica ou técnica. Juste destaca tamén o importante papel que xogaron as mobilizacións cidadás e a súa repercusión no plano político: "Os votos galegos influíron moito, o goberno socialista precisaba naqueles anos os millóns de votos galegos e viu na regulación destas verteduras unha oportunidade para conseguilos". "Antes de que o goberno socialista de Felipe González e Alfonso Guerra gañase as eleccións por maioría absoluta, preparou unha campaña electoral que incluía como punto prioritario a loita para impedir que se seguisen vertendo desfeitos radioactivos na fosa galega, manifestando que España non tiña por que asumir os riscos que puideran derivarse da vertedura de desfeitos realizados por terceiros países".
"A presión social foi clave para mudar a acción política sobre estes residuos", asegura o catedrático da Universidade de València. E lembra que naqueles anos había unha gran sensibilidade ecolóxica en Galicia: "Había manifestacións, campañas, un rexeitamento moi amplo a eses vertidos e, nese contexto, España adoptou unha postura moito máis activa dentro da Convención de Londres". Así, chegou o intre no que España propuxo unha emenda en virtude da cal os desfeitos radioactivos de media e baixa actividade radioactiva --os que se estaban evacuando na fose galega aínda despois da Convención--, se engadisen ao anexo de substancias prohibidas, do mesmo xeito que os residuos de alta actividade radioactiva.
"MENTRES SE ESTIVERON FACENDO ESTAS VERTEDURAS, HOUBO VIXILANCIA DO SEU IMPACTO; DESPOIS DA PROHIBICIÓN, DEIXOUSE DE VIXIAR"
O procedemento para lograr ese fin das verteduras de media e baixa actividade non foi doado, nin rápido. Despois de 10 anos de batalla diplomática, no ano 1993, a cuestión madurara o suficiente e España contaba cos apoios suficientes para propoñer a súa emenda a votación, votación que finalmente resultou exitosa. "Foi un grandísimo éxito diplomático a escala mundial logrado por España", celebra Juste. Dende ese ano de 1993 xa non se fixeron máis verteduras deste estilo, pero as 100.000 toneladas que quedaban no fondo da fosa alí seguían e seguen a día de hoxe. Esas son as que os oceanógrafos franceses están a investigar nestes momentos.
Unha das cuestións máis sensibles é a vixilancia dos lugares nos que se depositaron os bidóns. Fixéronse controis para ver se realmente estes residuos non tiñan influencia no medio mariño? A resposta é: si, pero só ata 1993. "Durante o tempo no que se estiveron facendo as verteduras de residuos de media e baixa actividade radioactiva houbo un programa de vixilancia permanente, polo que cada cinco anos facíase unha revisión, só como comprobación de que estaban no certo cando dicían que eses residuos non tiñan incidencia no medio e que nada máis tocar a auga a radioactividade escapaba do bidón --que non era hermético nin podía selo-- en doses tan baixas que non tiñan ningún efecto práctico no mar", sinala o catedrático. Con todo, lamenta que "dende que se prohibiu seguir facendo estas verteduras, no 1993, as grandes potencias deixaron de financiar estes estudos".
"FRANCIA E REINO UNIDO ERAN OS PRINCIPAIS RESPONSABLES DESTAS VERTEDURAS, POLA SÚA GRANDÍSIMA DEPENDENCIA DA ENERXÍA NUCLEAR"
Así, a centos de quilómetros fronte a costa galega, na fosa atlántica, continúa habendo a día de hoxe residuos radioactivos que non se vixilaron dende o ano 1993. Estamos a falar de 100.000 toneladas de residuos, cifra que supera todos os casos de verteduras semellantes noutros puntos do océano. Sobre os países que vertían fronte ás costas galegas, o catedrático da Universidade de València precisa que non eran vertidos realizados precisamente por España, senón que chegaban doutros países, das grandes potencias nucleares de Europa, principalmente: "Francia e Reino Unido eran os principais responsables, porque teñen unha grandísima dependencia da enerxía nuclear para fins civís e militares e xeran un feixe de residuos radioactivos de media e baixa actividade".
Agora, a pesar do tempo transcorrido, Juste considera que o episodio actual de investigación por parte do grupo de oceanógrafos franceses pode servir para reabrir o debate sobre a protección dos océanos: "Aínda que isto aconteceu hai máis de 30 anos, pode ser un revulsivo para preguntarnos quen protexe hoxe os océanos, por que xa non facemos unha política de protección tan activa sobre eles e por que deixamos de vixiar o impacto deses residuos". Non obstante, recoñece que o contexto actual é ben diferente: "Agora estamos con outros problemas inmediatos máis graves, pero, en calquera caso, esta pode ser unha oportunidade para revitalizar o compromiso ambiental da sociedade e da política". Nas súas palabras latexa unha advertencia: a historia non remata cando se deixa de ver. Os residuos seguen alí, silenciosos. E con eles, a responsabilidade de recordalos e de actuar sobre eles, aínda que sexa con décadas de retraso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.