Unha promesa incumprida por Feijóo que xa custa mortes na sanidade pública

O presidente da Xunta anunciou unha ambulancia para a comarca do Deza hai cinco meses. O alcalde popular di que Sanidade “non a vai dar”. Polo medio xa morreu un veciño de Lalín.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/03/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

23 de outubro de 2019. Parlamento de Galicia. O presidente galego anuncia que instalará unha nova ambulancia en Lalín --en servizo xa hai outra--, para dar servizo á comarca do Deza. Un anuncio que chega dez días despois de que no municipio lindeiro de Dozón falecese un paciente tras agardar 45 minutos a que unha ambulancia chegara á zona.  O problema, segundo xustificou entón Feijóo  é que as tres ambulancias máis próximas á zona (Lalín, A Estrada e O Carballiño) “estaban ocupadas” e non puideron prestar un servizo inmediato.

Traballadores de ambulancias do 061
Traballadores de ambulancias do 061 | Fonte: xunta.gal

Case cinco meses despois desta promesa incumprida, outro home de 74 anos de idade falecía na noite deste luns no Punto de Atención Continuada (PAC) do centro de saúde de Lalín, ao que foi trasladado por unha ambulancia desprazada desde Chantada, a 40 quilómetros de Catasós, a parroquia lalinense na que residía e á que tardou 36 minutos en chegar a dotación de Urxencias Sanitarias 061.

No momento da chamada, que se produciu cando xa non estaba en funcionamento o vehículo de apoio do 061 para a zona, as dúas ambulancias que prestan servizo na comarca --unha con base en Lalín e a outra en Silleda-- atopábanse trasladando a pacientes ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), polo que a central das emerxencias mobilizou unha ambulancia de soporte vital básico de Chantada por ser a máis próxima.

MÁIS INCIDENCIAS

E este non é un problema menor. A estas dúas mortes súmanse un número de incidencias importantes. En xaneiro,  unha muller tivo que agardar outros 45 minutos á que chegara unha ambulancia tras caer no centro urbano de Lalín e sufrir traumatismo facial e unha hemorraxia importante. Tivo que estar tombada na beirarrúa acompañada por unha patrulla da Garda Civil ata que chegou o vehículo medicalizado, que tamén tivo que desprazarse desde Chantada. 

O ALCALDE DI QUE NON VAN DAR A AMBULANCIA

A promesa de Feijóo pode quedar en nada. De feito, o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, do Partido Popular aseguraba en febreiro que a Xunta non dotará ao Deza dunha ambulancia medicalizada con base na localidade. "Piden algo que saben que non nos van a dar, a min tamén me gustaría que nola desen e non renego de que algún día a poida haber", dicía a pesar do anuncio feito por Feijóo.

O mandatario insistía en que este recurso asistencial non é posible actualmente, aínda que non o descartaría a longo prazo. E xustificaba a negativa da Consellería de  Sanidade a que as ambulancias de Soporte Vital Avanzado (SVA) só están nas sete grandes cidades galegas. 

Na súa resposta de outubro, Feijóo suliñaba que ía "tentar mellorar” o concurso de ambulancias posto en marcha en abril de 2019, e adxudicado en setembro, cunha serie de melloras achegadas pola empresa  prestataria do servizo. Entre estas melloras Feijóo apuntaba a previsión de instalar unha nova ambulancia en Lalín, algo que se deu a coñecer tras a morte do primeiro paciente de Dozón, pero que segundo dixo estaba aprobado antes de que tivera lugar a súa morte.  Coa segunda morte que tivo lugar este luns en Lalín, Feijóo queda xa sen excusas ante a falta desa nova ambulancia prometida.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta