Fundamentalismo e decadencia

As verdadeiras persoas de fe endexamais caerán nos vertedoiros do fundamentalismo, nin os verdadeiros demócratas nas esterqueiras do seguidismo. O Ser humano só pode existir en plenitude na afirmación da súa singularidade, vogando, cada un como poida, nese océano de dúbidas e preguntas no que, ás veces, nos momentos máis afortunados nos cruzamos cuns intres de claridade.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, USA | 24/10/2012

Comparte esta noticia

Para min está abondosamente  claro que o marco supremo de existencia, única verdadeira singularidade, é o individuo. Todo parte do individuo: nación, culto e causa. Si, acepto que o individualismo desleigado é aberrante (o “eu” non pode negar o “nós”), pero, sobre todo, adhírome aos que recoñecen na lealdade cega unha perniciosa aberración. En termos teolóxicos, tal entrega é un insulto á esencia de Deus, negando a existencia mesma da espiritualidade individual, elemento eminentemente persoal. No mundo laico, tal cegueira é un insulto á esencia da democracia, negando a existencia mesma da singularidade de cadaquén. Eu existo alén de todos e calquera partido, alén de todas e calquera das crenza, de todas e calquera das causas. 

Nos días que corren é fácil aceptar a tan celebrada frase de Marx, aquilo de que “a relixión é o opio do pobo”. Eu non a acepto. E non a acepto por ser usada nun contexto amplo e xeneralizable, sen distinguir entre a relixión fonte de inspiración, e a manipulación da relixión, instrumento de opresión. Instrumento de opresión utilizado, noutrora, pola aristocracia,  arestora, polos fundamentalistas. Son precisamente as expresións doutrinais absolutista como esta as que perseguen a lealdade cega, e con ela a eliminación da esencia do ser, do individuo. A celebre frase de Marx quedaría abondosamente ben deitada de haber sido posta nun  contexto fundamentalista, xa que evidentemente no fundamentalismo a relixión adquire os matices propios das peores das adiccións, transformándose na máis vulgar das aberracións.

O fundamentalismo é a manifestación última da decadencia moral; quizais mesmo sexa aí onde poidamos enxergar o rostro de satanás. Velaí espallados por medio mundo (e xa rabuñando os muros da casa materna) a persecución de apóstatas, nalgúns casos so pena de morte, e iso só por deixar de compartir as crenzas do obediente, servil e profundamente repulsivo rabaño.  É aí, na ausencia da dúbida, onde atopamos a decadencia espiritual, pois dúbida e fe só poden existir non mesmo plano da razón, e nunca unha sen a outra. Unamuno dicía da fe se dúbida que era “fe morta”, penso que se equivocou o sabio vizcaino, é fe envelenada.   Pero para atoparnos coa manifestación da absurdeza suprema do “ou connosco ou contra nós” non podemos recorrer aos fecundos das perversións doutrinais, iso é moito máis fácil de atopar no outro rabaño, o dos novos cultos, o máis inservible de todos, o máis insidioso, o máis destructivo: o do seguidismo de lealdades cegas ao líder ou partido; velaí o derradeiro paso da decadencia moral.

En ambos casos, a tales reclamos só responden cidadáns carentes de dignidade, formados na servidume, alleos á verdadeira liberdade.  Os mediocres oportunistas dos PPs, PSOEs, CiUs e tantos outros desta nova e nefasta casta, xa nos teñen ás portas do fundamentalismo político, reclaman -e por desgraza xa comezan a recibir- submisión de rabaño. Como xente civilizada, a maioría resistimos, mais a constante megafonía xa vai erosionando ata as mentes máis lúcidas e aos corazóns máis nobres.  Tan culpables uns coma outros. Pero iso non llo digades a ninguén. Nin a uns, nin aos outros. Nin iso somos capaces de discernir cun mínimo de claridade, pois como fieis fundamentalistas políticos de obediencia bovina, no que nos estamos transformando, aceptamos aos “nosos” como portadores da verdade absoluta e rexeitamos aos “outros” como portadores dos malignos oficios. Se aberrante é relativizalo todo, aberrante é absolutizalo todo; ámbalas dúas maneiras de ver o mundo conflúen nun único preámbulo onde se augura destrucción e decadencia. É por iso que das moitas  manifestacións do desprezable ningunha é comparable aos fundamentalismos, foran estes  cristiáns, musulmáns, xudeus, pesoistas, pepeistas, laicistas, ... ou cal for o culto, deus ou demo perante o que se prostren en renuncia á máis indispensable e elemental condición humana: a súa individualidade, o seu deber a pensar, a afirmación do Ser. Todos desprezables, todos lixo. Todos inimigos da liberdade, simples refugallos da especie humana sen nada que contribuír á Civilización, forza corrosiva que nos leva aos camiños da autodestrucción.

Os fundamentalistas de extracción relixiosa son un verdadeiro insulto á esencia de Deus, suprema afronta aos principios da creación, negándolla súa obra mestra: a milagre da  mente humana,  por natureza e definición, inquisitiva, elemento irrenunciable da condición humana. É aí, na capacidade de pensar e de preguntar, de inquirir, discernir e cuestionar onde atopamos a esencia de Deus.  Os fundamentalismos de extracción ideolóxica son un insulto á democracia, unha ameza á liberdade, unha  repugnantemente vulgaridade bovina, insidiosa, e corruptora da dignidade.   Ámbolos dous, ignominias, ameazas as sociedades libres, elementos deplorables de condición infrahumana. É obriga de todos ser humano cuestionar e interrogar todo, absolutamente todo, e extirpar do seu entorno a tantos cantos ameacen a ese dereito ou comprometan a esa liberdade. E un deber demandar resposta claras cando as preguntas son concretas, e rexeitar as insultantes e condescendentes ambigüidade que arrastran á cidadanía polos vieiros do engano para deixala á deriva nun mundo esgazado, decadente e consumido pola  apatía, entregada á esmola da emigracion –dous mil por mes, só en Galicia-, rubricando aí o fracaso colectivo.

Proclamar lealdade absoluta é de mentes débiles e espíritos inservibles; reclamala, de mesquiños usurpadores, caciques hipócritas, semente de cultivo de ETAs, Al Qaedas, Batasunos e Borrokeiros. Ser é e sempre ha ser sinónimo de liberdade. As persoas civilizadas distínguense por fomentar e alimentar a afirmación do Ser, do disentir, e da solidariedade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/