Un libro con 101 retratos creativos para aprender a fotografar a realidade

É o proxecto no que está inmersa Sue Rainbow, unha fotógrafa que leva 17 anos no eido e que pretende deixar de maneira física "o seu legado no mundo".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

"Diversidade creativa". Baixo esta premisa que sempre ten en mente, a fotógrafa Sue Rainbow vén de iniciar un proxecto ben "ambicioso e complexo" que trata dun libro didáctico con 101 exercicios de retrato creativo. 101 e non máis nin menos por ser este o seu número da sorte. "Aínda que os primeiros exericicios buscan poñer en situación a aquelas persoas que non estean familiarizadas coa cámara, é un proxecto adicado a estudiantes e profesionais do sector, cunha folla explicativa onde se poderá ver como se fan distintos tipos de foto, paso por paso, con trucos e recomendacións", explica a autora do traballo.

Un dos exercicios do futuro libro de Sue Rainbow
Un dos exercicios do futuro libro de Sue Rainbow | Fonte: remitida

A súa intención é ensinar e deixar o seu legado no mundo. "Non tanto como creadora - todo o que está no libro xa existía - pero si como profesional que ten o seu punto de vista sobre como deben facerse as cousas", relata Sue Rainbow. Por iso, leva un tempo inmersa neste proxecto no que experimenta con persoas que se atreven a poñerse diante da súa cámara. O único leitmotiv é que "todas as fotografías buscan expresar diferentes emocións co retrato humano e de mascotas nalgún capítulo".

PROXECTO PERSOAL FEITO CON MIMO

A creatividade, di, practícase e exercítase coma calquera outro músculo. Xa que logo, esta fotógrafa insta a "xogar, experimentar e cruzar liñas marcadas" á hora de mirar a realidade a través dun obxectivo. Como profesional "esixente" que é, conta ter finalizado este proxecto de cara ao 2021 ou 2022, mais asegura que é un traballo "con vida propia" que espera que sirva como guía a futuros fotógrafos. Os primeiros exercicios serán básicos - explicacións dos diferentes tipos de formatos, ángulos, luces... -, e sobre esa almofada ben preparada, Sue Rainbow introdúcese no que verdadeiramente lle gusta: a fotografía creativa.

Entre os exercicios destacan o efecto zoom, ollo de peixe, baixo a auga, pintura en pó, collage... e mesmo outros con nomes máis suxerentes: "Aplasta o actor contra o cristal", "que lle corten a cabeza!"... "Hai moitísimo traballo detrás de todo isto", recoñece. Para cada un destes exercicios, Sue fai unha media de dúas ou tres sesións fotográficas, que requiren "mimo e constancia". Ela mesma tamén se encarga do deseño do libro e da maquetación. Segundo adianta, "será ao estilo dos libros para nenos, máis visual, máis bonito, e non tan técnico e serio". Unha vez rematado, para sacalo á venda, intentará negociar con editoriais ou iniciar un crowfounding para acadar a maior visibilidade posible. 

ESTILO PROPIO

Sue Rainbow estudaba deseño de moda cando comezou a interesarse pola fotografía hai case 17 anos. "Vía os meus compañeiros na clase do lado, pensei que era máis divertido e cambieime ao ano seguinte", conta. E non se arrepinte nadiña da mudanza: "Amo o que fago, sinto que nacín para isto". A través das súas fotografías gústalle contar historias, "por pequenas que sexan". Dalgún xeito, a súa intención é acadar "fotogramas de películas". E niso está, capturando a realidade para imaxinar e non esquecer nunca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta