Como analizar os resultados do 21-O

Ben, o 21 de Outubro concluíu e o resultado é obvio. O PP logrou maioría absoluta con menos votos que no 2009, (máis de cen mil votos menos) mobilizando ao seu electorado (legal e ilegalmente). Agora agárdanos 4 anos máis onde “Galicia, foi e é un lugar onde todo cambia para que todo siga exactamente igual que sempre”.

Por Enrique Castro | Compostela | 25/10/2012

Comparte esta noticia
Pero á marxe de opinólogos e todologos da “Real Politik” galega que alagan a TV's e outros medios de información, o artigo de hoxe versará sobre a(s) alternativas políticas ao PP de Galicia. Estas, por variadas, singulares, diferentes e diversas ( PSOE, AGE, BNG, UPyD...) encádroas aquí co obxecto de establecer toda unha serie de analoxías nos 4 anos de campaña electoral que empezaron un día de Marzo do 2009 e que culminou con outra maioría absoluta do PP de G. no 2012.
 
1ª analoxía. Os “establishment” da oposición  ao PP de Galicia
 
Lembran aquel “invento”  das primarias de Almunia contra Borrell? Pois ben, unha vez máis nos atopamos con que nin se reproduciu de ningunha maneira aquel “invento”  en ningunha das formacións políticas antes citadas. No PP xa sabemos que as decisións se toman “como Deus manda”  en formato dixital. 
 
Aínda que tampouco houbo grandes diferenzas no resto dos partidos políticos na oposición. Calquera tipo de indicio de democracia interna, estivo bloqueado, pechado, impedido polos chamados “establishment”. O perfil tipo dos compoñentes destes selectos clubs confórmano persoas, que levan en política como mínimo 25 ou 30 anos. Quen non coñece aos Vázquez, Méndez Romeu, Bugallo, Rodríguez, Aymerich, Jorquera...etc? 4 anos de disputas no seo das grandes forzas políticas da oposición conduciron a uns resultados desastrosos de calidade democrática. Os dous máis significativos foron: o desartellamento do BNG. A forma autoritaria do post zapaterísmo do ex Ministro de Xustiza e do aínda Secretario Xeral do PSOE galego.
 
2ª analoxía. As listas pechadas e bloqueadas. E a ansiada reforma da Lei Electoral
 
A noite do 21O o ciberactivismo clon do PSOE e BNG  queixábase da inxustiza que supón a “Lei d'Hont”. Pero o ciberactivismo clon ten memoria de peixe e non lembra aquela promesa que efectuaron 8 anos atrás de modificar a Lei electoral en Galicia. Modificación que supuxese cousas por exemplo que o voto dun cidadán de Ourense ou Lugo valla o dobre ou case o dobre que o dun cidadán de Pontevedra, Vigo, A Coruña, Ferrol  ou Santiago de Compostela.
 
E nese contexto de cousas, UPyD propuxo a modificación da Lei Electoral en Galicia mediante rexistro na Rúa do Hórreo. Na proposta figuraba a redución dos 75 escanos actuais do Parlamento de Galicia a 61, a aplicación dunha circunscrición electoral única e a redución ao 3% para poder entrar no “reconto”  que impón a Lei D'Hont. Poucos meses despois, o PP propuxo a metade da proposta de UPyD, de forma moi perniciosa. A redución a 61 deputados, pero sen tocar nadiña de nada a actual Lei Electoral galega, mantendo o 5% e manter a actual sobre representación provincial de Lugo e Ourense, como círculos de poder caciquiis. BNG e PSOE manifestaron en ambos os casos a súa oposición, pero tampouco expuxeron unha alternativa respecto diso.
 
Este tipo de propostas veñen motivadas polas múltiples manifestacións cidadás, que en formato de “indignación” estivéronse producindo no último ano e medio en Galicia e en toda España. Aquelo de  “non nos representan”, ademais de ser unha falacia e un slogan repleto de medias verdades, xeraron fonda preocupación no seo do PSOE e do BNG. Non tanto no seo do PP. Motivo? O voto sociolóxico de esquerdas é pola súa propia natureza “hipercrítico” mentres que o voto sociolóxico de dereitas, ademais de ser máis “disciplinado”, é conservador cos seus propios valores. A dereita en España e en particular en Galicia, soubo tecer unha rede social (na vida real) de favores, prebendas e protección de, por e cara aos seus. Alfonso Rueda, man dereita de Feijóo e artífice do “reloxo suízo”  que converteu ao PP de Galicia podería darnos leccións maxistrais. Por exemplo; que todos os pacientes dos xeriátricos de Galicia votasen á dereita. Iso, sen dúbida,  non se improvisa. (Sendo unha práctica tramposa e denunciada por este medio -Galicia Confidencial-  por exemplo)
 
E aquí entra a analoxía entre as forzas políticas perdedoras; por que non houbo nin hai unha alternativa política á actual Lei Electoral de Galicia? Seica ademais de establecer un sistema proporcional “puro”, a posta en marcha dunha circunscrición electoral única non sería unha proposta de progreso? Por que existe esa teimosía propia das condutas conservadoras e neoliberais de manter o privilexio en forma de monopolio das “listas pechadas”?  Ou dito doutra forma, Por que o cidadán non pode votar emocionalmente á proposta política e ao tempo ás persoas que máis se achegan ás emocións, simpatías ou empatías persoais da súa elección? Por que non pode un cidadán votar a un candidato da opción A e ao tempo votar a 3 da opción C e 5 da opción D, até un total de 61 ou 75 escanos? 
 
3ª analoxía. As elites políticas nas forzas de progreso. Comportamentos máis de dereitas que o PP
 
Xa falei antes das vicisitudes do PSOE e BNG nos últimos 4 anos. Non vou profundar niso. Pero se nos vicios que estas e outras formacións políticas cometen no funcionamento interno das súas respectivas organizacións.
 
Se caracterizamos as organizacións políticas en España en xeral e en Galicia en particular, estas son absolutamente autocráticas, verticais, carentes das máis elementais normas democráticas, que en teoría, a nosa lexislación vixente (escasa por certo) obriga aos partidos.
 
A existencia dos partidos políticos é ou debería ser, una  garante da pluralidade da nosa sociedade. Esta é a teoría. A práctica é que o xogo de poderes e contrapoderes que en definitiva consiste a democracia, non son así. Situación tipo: pode un deputado raso, elixido mediante unha lista pechada,  que cobra ao redor de 5.000 € mensuais no Casón do Hórreo oporse ao que o “líder” expón? Non, pola sinxela razón de que se o fai, sabe que o “líder” ou “establishment”  non o terá en conta para a confección da próxima lista pechada electoral dentro de 4 anos. Ademais de que co actual sistema, sería de burricáns contravenir ao “líder”, dado que as dádivas (5.000 € mensuais) son todo un botín.
 
O exemplo gráfico do que digo vémolo cando no parlamentarísmo en España, Catalunya, Galicia, Euskadi , etc… vótase calquera cousa, sempre hai 6 ou 8 mans que indican aos parlamentarios o que teñen que votar. Caldo de cultivo moi significativo para os defensores das políticas autoritarias e antidemocráticas que afirman en foros de internet: “Se 8 persoas din o que hai que votar....para que queremos tantos políticos”?
 
As elites políticas nas forzas de progreso, que ocuparon e ocupan o “establishment” desde os tempos da transición en España e en Galicia, son o principal freo. Os principais responsables deste resultado electoral. Os seus comportamentos, actitudes, formas de tratar á sociedade en xeral calaron e calan fondo. Esa máxima da mercadotecnia política de que as “masas son parvas” con Internet non vale. Iso acabouse. Fin. @enricastro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA