Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2020 | Actualizada ás 13:53
A Mesa pola Normalización Lingüística instou este luns ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a respectar o dereito dos galegos a recibir información na súa lingua ante a crise do coronavirus.
O presidente da asociación, Marcos Maceira, lémbralle ao máximo mandatario autonómico que "usar o galego é unha das súas obrigas" e que, en primeiro lugar, "débese aos galegos".
Neste sentido, sostén que "en momentos tan graves" como o que se vive "é necesario que a poboación galega reciba información clara e precisa na súa lingua". "É un dereito básico da nosa cidadanía", asegura.
Así, afirma que "non se entende" que tanto Feijóo, como o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, como o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, abandonen o uso do galego no exercicio das súas funcións "nun momento transcendental para todas e todos".
A Mesa lembra que a lingua galega é un elemento de cohesión social e de unidade do pobo galego con respecto ao cal os poderes públicos galegos teñen obrigas, tal e como sinala o artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia.
"Feijóo é o máximo representante de Galicia", incide Marcos Maceira, que sinala que dirixirse aos galegos e galegas na súa lingua é parte da súa responsabilidade, máis aínda cando se trata de informar de cuestións que afectan de forma fundamental á súa vida presente e futura.
"Se o presidente da Xunta empregou o castelán na súa comparecencia para declarar o estado de emerxencia sanitaria de Galicia porque a quen se dirixía non era á cidadanía galega, senón ás persoas que aproveitaron a situación de emerxencia para pasar uns días libres no noso país, lembrámoslle que a súa obriga é defender ou, polo menos, respectar os dereitos da cidadanía galega á que representa".
Por todo iso, a entidade empraza o presidente a non deixar que "a frivolidade dunha minoría irresponsable converta o galego noutra vítima do Covid19".
No comunicado, ademais, A Mesa informa de que editou carteis con información básica para que os establecementos que así o desexen poidan descargar da páxina web ou das redes sociais da entidade.
Ademais, ofreceu a súa colaboración ás autoridades sanitarias galegas e lembra que a liña específica de atención ao coronavirus en Galicia é o número 900 400 116.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.