Bota a andar o festival 'Cantos e contos desde o poleiro'

Unha proposta xeitosa para entreter a cativada durante estes días de confinamento.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A distribuidora cultural Urdime vén de imbucar un proxecto que xorde coa intención de facer máis levadeiros estes días de confinamento. Así pois, tira de cultura, música e creatividade e bota a andar o festival 'Cantos e contos desde o poleiro'. A súa creadora, Emi Candal, conta que pretenden así reivindicar "esa cultura sempre aberta e ao servizo da xente". Por iso, a través desta iniciativa, súmanse a outras moitas ideas que estes días se están artellando polas redes sociais co gallo de axudar a evadirse da enfermidade do coronavirus e alixeirar o tempo que unha pasa encerrada na casa.

Galiña no poleiro
Galiña no poleiro | Fonte: Colombia.com

"Aínda que estamos ante un momento tan complicado, non imos pechar as portas da nosa creatividade", reivindican dende Urdime. Xa que logo, o festival arrinca con forza e con seccións para todos os gustos. Por unha banda, o público virual poderá gozar dos "Contos quentiños, narrados dende o niño", un espazo no que a distribuidora irá acollendo contos de entre un e cinco minutos que achegarán as distintas profesionais coas que traballan. "Emprégase tanto a narración oral como a manipulación de obxectos ou o teatro actoral, sempre dende as casas", conta Candal. 

Este mesmo martes quentou os motores desta primeira sección o contador Pablo Sánchez cos seus Contos de Pablísimo...

"Chocando Notas" é a segunda das seccións deste festival de corentena. Trátase dun espazo no que aquelas persoas dedicadas á parte máis musical da creación compartirán algunhas cancións e algún temiña novo que acaban de crear e que aínda non subiron ás plataformas. Neste caso, o primeiro en chocar notas para todas nós foi Ingacio Vilariño de Fantoches Baj acompañado por Marta Negro e polas ilustracións de Iván Suárez...

Mais Urdime non deixa a música aí. "Concertos de galiñeiro" tamén aposta compartir pequenos vídeos musicais onde artistas galegos nos agasallen un miniconcerto. Mamá Cabra xa se uniu á iniciativa...

Xa por último, 'Cantos e contos desde o poleiro' ofrece outro espazo máis no que se irá colgando en aberto unha reposición do arquivo de Urdime: concertos, obras de teatro, festivais e diferentes traballos que andan pola memoria da distribuidora e que ata o de agora non estaban a disposición do público. Esta sección leva por nome 'Cacarexando na memoria' e será tamén difundida a través das redes sociais. 

"A creatividade require ferramentas para darlle saídas e ademais, é importante sumarnos ás iniciativas que os tempos compartidos nos permiten e as redes nos facilitan", falan claro desde Urdime. A pasalo ben desde o poleiro, pois!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta